Celebrados cada dous anos desde hai tres décadas, esta é a edición con maior número de participantes e estenderase do 30 de xuño ao 5 de xullo
Vila Nova de Famalicão e Braga acollen do 30 de xuño ao 5 de xullo a XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran cada dous anos e que desta volta contarán con 2.400 participantes, a cifra máis alta nas tres décadas de existencia deste evento deportivo. A inauguración será o domingo 30 de xuño ás 17.00 horas nos xardíns de Paços do Concelho de Vila Nova de Famalicão a partir das 17.00 horas, cun desfile das delegacións participantes.
As modalidades deportivas nas que se competirá son balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. Como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino súmase Fútbol 7 feminino. Nesta ocasión as competicións desenvolveranse paralelamente en Vila Nova de Famalicão e Braga, as dúas cidades organizadoras.
Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é "unha das principais bandeiras" do Eixo Atlántico e "un factor de gran mobilización de mozos deportistas". "Os Xogos fomentan a participación de toda a cidadanía e a construción da Eurorrexión do Eixo Atlántico que, á súa vez, enmárcase na construción da Europa das cidades e da cidadanía", salienta a asociación de cidades de Galicia e o Norte de Portugal.
Nesta XV edición, o deportista homenaxeado é Luís Silva, medalla de ouro no Campionato de Europa de Boccia en 2013. O atleta paralímpico é o primeiro famalicense en conquistar unha medalla olímpica xa que conseguiu a prata na modalidade Pares BC3 nos Xogos Paralímpicos de Londres, en 2012.