O equipo de fútbol de Abadín, pequeno concello da Terra Chá de arredor de 2.500 habitantes, compite na Segunda Futgal de Galicia, a oitava división, e loita por conseguir a permanencia. Pero conta cun himno doutra categoría que verá a luz oficialmente esta fin de semana no seu partido contra o Xove Lago na casa.
Desde a pasada semana, a afección do equipo goza dun himno que fala "do club da porta da Terra Chá". "Serra Toxiza, Serra do Xistral, entre fermosas montañas e ríos, Abadín Club de Fútbol Cultural", di un tema recentemente estreado nas redes, con música e letra do grupo vasco La Txama. Unha canción froito dunha colaboración que naceu tras un festival, nunha noite de festa e logo dunha desas promesas que axiña se esquecen. Esta non.
Tras tocar no Rumboia Viva, e de festa, La Txama prometeu compoñer o himno do Abadín CF, que agora é unha realidade
Explicárono membros da banda en El Progreso e no coñecido programa gastronómico da ETB Sukalerrian, onde amosaron tamén orgullosos os seus carnés de socios do Abadín Club de Fútbol. La Txama, grupo festivo con base en Euskal Herria que enche desde hai anos prazas e verbenas polo País Vasco, debutou o pasado mes de xuño en Galicia no festival Rumboia Viva desta localidade.
Tras o éxito do seu concerto, seguiron a xolda no campo de fútbol de Abadín, onde coñeceron varios membros e directivos do equipo local aos que, entre bromas, e tamén en agradecemento polo bo trato na localidade, prometéronlles que lles farían o himno do club.
Así, aproveitando a gravación do seu segundo disco, gravaron un himno en galego con referencias á paisaxe, á vexetación e mesmo á historia recente do club. Unha letra que apenas houbo que corrixir desde Galicia.
A canción, en galego, fai referencias á paisaxe e vexetación da zona e á historia recente do club
"A letra recolle o espírito do Abadín CF, o orgullo de defender estas cores e o sentimento de pertenza a un equipo e a unha terra. Un himno pensado para cantar xuntos, para acompañar ao equipo en cada partido e para representar a todas as persoas que forman parte desta familia", explica a entidade.
"Naceu dunha conversa durante o festival Rumboia Viva", lembra o Abadín CF nas redes sociais. "O que comezou como un trato e unha promesa, acabou converténdose nesta canción que hoxe xa forma parte da historia do club", insiste, tras agradecer a La Txama o "reto" de crear o tema "de maneira totalmente desinteresada, cumprindo aquela palabra dada e facendo realidade unha idea que naceu nunha noite de música, amizade e fútbol".
"O azul do ceo e da camisola, fortes carballos, lindas queirogas; xoga bonito, de principio a fin ¡Club de Fútbol Abadín!", di a estrofa final do himno. "Eskerrik asko", agradece o club a La Txama. "Gora Abadín", responde a banda.