"Bebel es zurdo para jugar y para pensar". Nun dos relatos que compoñen o libro Espejos: una historia casi universal, Eduardo Galeano elevou a mito a figura dun ex-futbolista do Deportivo apenas coñecido. A súa figura, como a de tantos represaliados, fora practicamente borrada da historiografía por décadas de ditadura e unhas poucas máis de esquecemento forzado.
Naquel 2008, coa publicación da obra, o autor uruguaio relatou nunhas poucas liñas unha historia de rebeldía e insubmisión acorde co personaxe pero xa sen testemuñas que a corroborasen. Bebel García, pouco antes de ser fusilado polos golpistas, mandou parar e mexou fronte aos seus verdugos. "Se desabrocha la bragueta, lentamente, botón tras botón, y de cara al pelotón echa una larga meada. Después, se abrocha la bragueta: 'Ahora sí”, conta Galeano dun feito que navega entre a lenda e as vivencias agochadas da posguerra.
Foi o 29 de xullo de 1936, hai hoxe 90 anos, poucos días despois do golpe militar e do inicio da guerra civil. No Campo da Rata, ao pé da Torre de Hércules, onde tantos morreron fusilados por unha represión que só na comarca da Coruña asasinou máis de 550 persoas. A historia da mexada era das que circulaba na cidade ou na familia de Bebel, un dos coñecidos irmáns da Lejía, Selva, a súa sobriña, relatou nunha entrevista a Praza.gal que ela mesma explicara a anécdota a Galeano antes de que o escritor investigase e a plasmase no seu libro.
Hai 90 anos Bebel García era fusilado polos golpistas; o relato que lle dedicou Galeano deitou luz sobre unha figura ata daquela esquecida
Rodrigo García Vizoso, mito deportivista, porteiro nos anos 20 e 30 e logo adestrador do club, insistía na historia que rodeaba o fusilamento do que fora o seu compañeiro no equipo branquiazul e a quen consideraba "un tipo xenial, gran persoa, ouro de lei, todo un idealista". "Quitárono do medio por iso. Tiña tanta coraxe que antes de que lle disparasen, foi e púxose a mexar diante do pelotón. Xúrovolo. Foi deste xeito", explicaba en Historia do Deportivo (Flores e Mejuto, Xerais, 1993). No mesmo libro no que outras testemuñas aseguran que Bebel baixou do coche camiño da morte "cantando un tango".
O relato conta como Bebel mexou ante os seus verdugos; sen testemuñas que o corroboren, ex-compañeiros como García Vizoso xuraban que a historia fora real
Antes da sublevación militar e do inicio da guerra civil, Bebel destacou en numerosos deportes e militou no Deportivo varias temporadas, xogando os campionatos galegos da época e tamén varias campañas na Segunda División, anotando máis dunha decena de goles. Curiosamente, era un destacado extremo dereito que priorizaba —como relataban os seus compañeiros— o seu activismo político. Situado na beira contraria. "Tiña unhas condicións fabulosas para o fútbol pero na cabeza tiña outras cousas", relataría o mesmo Vizoso para La Voz de Galicia en 2008.
Implicado en numerosa accións políticas, moitas non exentas da violencia que marcaba a convulsa época, e membro das Juventudes Socialistas Unificadas, das que era secretario e impulsor seu irmán maior, Bebel sempre foi recoñecido pola súa afouteza, valentía e unha certa inconsciencia. En 1935 fora detido por levar a cabo, con outro grupo de homes, "exercicios de formación" e "entoar cantos subversivos". "Sempre teimaba no mesmo: temos que transformar o mundo porque é inxusto cos oprimidos", contaba tamén Vizoso, figura futbolística de principios do século XX vinculado á tradición anarquista da súa familia.
Bebel foi detido en Guitiriz pouco despois do golpe militar cando escapaba cara a Asturias, recluído no cárcere provincial —perto da casa onde vivía a familia en Monte Alto—, xulgado por rebelión militar e finalmente fusilado o 29 de xullo. Tiña 22 anos. "Fue ejecutado en virtud Consejo Guerra sumarísimo", di o expediente "de orde pública" no que os golpistas reflectiron o seu fusilamento.
"Sempre teimaba no mesmo: temos que transformar o mundo porque é inxusto cos oprimidos", lembran sobre Bebel, un dos irmáns da 'Lejía'
Canda el foi asasinado o seu irmán France, de 24 anos. Un terceiro, Jaurés, tamén foi encarcerado e aínda que nun comezo non foi fusilado por ser menor de idade, finalmente apareceu morto, tamén no Campo da Rata. Un cuarto irmán, José (Pepín), de 25 anos, foi xulgado por sedición pero conseguiu fuxir nun barco pesqueiro e uniuse ás tropas republicanas; tras o remate da guerra, exiliouse en América do Sur.
Naturais todos de Ribadeo, eran alcumados os da Lejía por traballaren nunha fábrica de produción e distribución de lixivia, negocio familiar creado polo seu pai, de fortes conviccións socialistas e desterrado da Mariña polas súas ideas. De aí o nome dos seus fillos: Bebel chamábase así en homenaxe a August Babel (cofundador SPD alemán e figura relevante do movemento obreiro e marxista) e na familia tamén estaban Voltaire ou Berthelot.
Os homes dunha familia de oito irmáns vinculáronse desde moi novos a formacións marxistas e mobilizáronse contra o fascismo e logo contra o golpe militar, participando na defensa do Goberno civil da Coruña. Bebel e o seu irmán France —xunto con Enrique Miguel Moscoso, o cristo de Vioño—, foron dos primeiros asasinados na cidade.
Unha investigación localizou hai dous anos a foxa no cemiterio de Santo Amaro onde foi soterrado Bebel e 250 represaliados na comarca da Coruña
Tres fusilamentos que pretenderon ser exemplarizantes, unha advertencia sobre a barbarie que viña, das primeiras execucións que se deron contra civís. Nesa península da Torre de Hércules onde centos verteron sangue. Tamén Bebel. A uns metros do cemiterio de Santo Amaro, onde repousan os seus corpos malia que ata hai menos de dous anos non se sabía con certeza. Nin moito menos o lugar exacto.
Selva García, a sobriña de Bebel e filla de José, sempre denunciou que os tres irmáns asasinados estaban nunha foxa no cemiterio, baixo moreas de nichos, sen placa nin identificación posible para poder honralos. Hai case unha década, o investigador e membro da CRMH da Coruña, Rubem Centeno, levou a cabo pescudas que partiron dunha procura persoal —o lugar no que foran deixados os restos do seu tío-avó— e que acabou dando lugar, en 2024, a unha listaxe de 250 persoas asasinadas en 1936 e soterradas en foxas en Santo Amaro.
A investigación permitiu fixar o lugar no que se atopan os restos de Jaurés, Bebel e France García, os irmáns da lejía; tamén os dos fusilados do Portiño ou os dos da fábrica de Brens, e así ata uns 250 nomes. O ex-futbolista é un máis —agora símbolo e antes case anónimo— dunha lista de persoas, varias delas si trasladadas a nichos, entre as que se atopaban Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello da Coruña e vogal da Liga de Derechos del Hombre; José Pérez Ferreño, concelleiro de Cambre; Antonio García Pita, alcalde de Sada; Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña; Eugenio Carré Naya, mestre e fillo de Uxío Carré Alvarellos; Pedro Galán, concelleiro na Coruña polo Partido Galeguista; ou o pai e un irmán de Pucho Boedo.
Escultura pero sen homenaxe
Agora, moi perto do camposanto, érguese xa unha escultura de doce metros xelaborada por Ramón Conde que renderá homenaxe a eses catro irmáns e doada por Selva García, sobriña e filla dun deles. Non moi lonxe tampouco da rúa que o Concello lles dedicou a todos en 2002.
Pepín, o único que sobreviviu ao golpe, loitou na guerra civil, perdeu unha perna na batalla de Brunete e unha filla, morta tras un bombardeo. Exiliouse en Latinoamérica tras embarcar no Winnipeg e regresou á Coruña xa morto o ditador Franco. Faleceu en 1996 e está enterrado no mesmo cemiterio que os seus irmáns, aos que non puido honrar en vida nin dedicarlles tan sequera unha placa.
No Deportivo, malia que o relato de Galeano prestou ao club unha difusión descoñecida alén do fútbol, nunca se lle fixo homenaxe nin recoñecemento ningún a Bebel. Nin a outros futbolistas ou directivos que tamén foron represaliados e sinalados. "En el estadio, se pone la camiseta del Dépor. A la salida del estadio, se pone la camiseta de la Juventud Socialista", lembraba o autor uruguaio.
Si haberá actos por parte doutros colectivos. A peña Old Faces honrará a memoria de Bebel García este xoves ás 17 horas no cemiterio de Santo Amaro. "Nestes tempos actuais temos a obriga de lembrar e defender a nosa historia e a nosa identidade", din.
Ademais, o Grupo Deportivo Bebel García ten preparada unhas xornadas para o vindeiro sábado 1 de agosto que inclúen un roteiro da man de Rubem Centeno , unha ofrenda floral, un partido de fútbol e un xantar popular.