As foxas comúns da Coruña: unha investigación localiza os restos de 250 asasinados polo franquismo

Cemiterio de San Amaro, na Coruña © Concello da Coruña

A investigación de Rubem Centeno presenta probas de que os restos de 250 fusilados ou paseados polo franquismo na comarca da Coruña -ata agora desaparecidos- foron soterrados en foxas comúns no cemiterio de San Amaro

Sempre se considerou probable que os cadáveres dos fusilados e paseados no Campo da Rata e noutros lugares da cidade da Coruña e da súa comarca podían ter acabado nunha foxa común do cemiterio de San Amaro. Era un segredo a voces, pero non había probas. Durante dous anos Rubem Centeno levou a cabo unha investigación que partiu dunha procura persoal -o lugar no que foran deixados os restos do seu tío-avó- e que acabou dando lugar a unha listaxe de 250 persoas asasinadas en 1936 e soterradas en foxas en San Amaro.

Hai uns días Centeno presentou os resultados da súa investigación na Asociación Cultural Alexandre Bóveda acompañado de Beatriz Parga, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH). Unha investigación aínda en proceso, e que permitiu fixar o lugar no que se atopan os restos de Jaurés, Bebel e Frances García, os irmáns da lejía; tamén os dos fusilados do Portiño ou os dos fusilados da fábrica de Brens, e así ata uns 250 nomes. 

Non estaban desaparecidos e nunca marcharon da Coruña, estiveron todo o tempo en foxas comúns no cemiterio de San Amaro, sepultados a súa maioría na única zona de terra (sen nichos) do camposanto. Iso si, os restos dunha trintena si foran trasladados a nichos nos anos corenta do pasado século despois das presións das súas familias.

Presentación na A. C. Alexandre Bóveda dos resultados da investigación levada a cabo por Rubem Centeno © BNG A Coruña

Entre os nomes recollidos por Rubem Centeno está tamén o da persoa por quen comezou esta investigación: Bernardo Hernández, o seu tío-avó, o irmán da súa avoa, que tiña 29 anos en 1936 e era presidente do sindicato de traballadores do comercio

Entre os nomes recollidos por Rubem Centeno está tamén o da persoa por quen comezou esta investigación: Bernardo Hernández, o seu tío-avó, o irmán da súa avoa, que tiña 29 anos en 1936 e era presidente do sindicato de traballadores do comercio. Agochouse en casa dun amigo, pero foi asasinado o 18 de agosto de 1936 e o seu corpo apareceu na Praia de Bastiagueiro. A familia nunca soubo nada máis. Ata agora. Falamos con Rubem Centeno sobre a súa investigación.

Todo partiu dunha procura persoal, a da localización dos restos mortais do teu tío avó. Como foi o inicio do proceso?

Si, levaba moito tempo buscando saber algo del, pero o único documento que tiñamos era un certificado de defunción, que poñía 'morto por hemorraxia interna'. Hai uns seis ou sete anos deume por preguntar no cemiterio de San Amaro e dixéronme que había uns 'libros de terra', é dicir, un rexistro de todos os cadáveres que entraban. E, efectivamente, aí aparecía Bernardo, co seu número de orde (a orde coa que entrara nese ano 1936), coa súa data de defunción, o lugar no que estaba soterrado e algunhas observacións. O funcionario levoume ao lugar no que estaba a foxa, pero nese momento só me deixaron ver o seu nome, por ser familiar.

"Sempre se dixera que as persoas que eran fusiladas no Campo da Rata eran despois enterradas en San Amaro, era un segredo a voces, pero nunca se atoparan as probas"

Como continuou, entón, a túa investigación?

Pasou o tempo e hai dous anos volvín ao cemiterio e había outra persoa responsable, que si me deixou ver o libro completo. Así puiden ver, en primeiro lugar, que o mesmo día que fora enterrado Bernardo soterráranse outras 15 persoas na mesma foxa, nomes que se correspondían con persoas que despois comprobei que constaban como paseadas nos arquivos existentes, coma o de Nomes e Voces. E a partir de aí fun tirando do fío, mirando outras datas. Sempre se dixera -e así o recolleu por exemplo Luís Lamela nas súas investigacións- que as persoas que eran fusiladas no Campo da Rata eran despois enterradas en San Amaro, era un segredo a voces, pero nunca se atoparan as probas. Tamén se dicía que os corpos que inicialmente eran deixados en foxas despois eran trasladados a un osario, pero iso era un bulo, agás nalgúns casos puntuais nos que as familias presionaran para facelo. Así sucedeu en 32 casos, xa nos anos 40, sempre con familias que tiñan a capacidade para pedir o traslado do cadáver a un nicho.

Cemiterio de San Amaro, na Coruña © Turgalicia

"Teño identificadas unhas 250 persoas enterradas en San Amaro que figuran entre os 560 fusilados ou paseados na Comarca da Coruña. O que fixen nestes dous últimos anos foi cotexar os  rexistros do cemiterio coas bases de datos existentes sobre os represaliados na comarca"

Como foi o proceso para confirmar que os restos dos fusilados ou paseados en 1936 están realimente en San Amaro? Cantas persoas localizaches?

Teño identificadas unhas 250 persoas enterradas en San Amaro que figuran entre os 560 fusilados ou paseados na Comarca da Coruña. O que fixen nestes dous últimos anos foi cotexar estes rexistros do cemiterio coas bases de datos existentes sobre os represaliados na comarca, sobre todo a de Nomes e Voces e tamén un estudo que realizara Lamela. Indo nome por nome, tentei relacionar as datas nas que unha persoa fora asasinada coas datas -ese mesmo día ou datas inmediatamente posteriores- nas que aparecía o mesmo nome nos rexistros do cemiterio. Había nomes que aparecían agrupados, coma os fusilados do Portiño, os fusilados da fábrica de Brens. Noutros casos era máis difícil, sobre todo dependendo do lexible que fora a letra da persoa que rexistrou un nome.

Hai uns 15 ou 20 casos, ademais, en que os cadáveres só aparecen relacionados cun número de orde, pero en lugar de nome aparece 'un hombre sin identificar', seguramente debido ao mal estado no que chegaban os corpos, que facía imposible a súa identificación. Nestes casos ás veces despois o nome foi incorporado e noutros non. En todo caso, podemos supoñer quen son, pois sabemos o nome das persoas que foron paseadas ese día, pero fáltanos a confirmación.

"En 1936 a maioría do cemiterio era terra, pero nas décadas seguintes foron construíndose moitos máis nichos. Curiosamente, a única zona que quedou de terra, sen que fosen construídos nichos sobre ela, foi a zona na que están soterradas algo máis da metade destas persoas"

En que período foron soterrados estes cadáveres nas foxas comúns?

As 250 persoas que teño identificadas chegaron ao cemiterio dende xullo de 1936 ata final dese ano e tamén nos primeiros meses de 1937.

En que parte do cemiterio están estas foxas?

A maior parte están na única zona que segue sendo de terra. Nese momento, en 1936, a maioría do cemiterio era terra, quitando as marxes ocupadas por nichos e o pasillo central no que estaban os panteóns. Porén, nas décadas seguintes foron construíndose moitos máis nichos. Curiosamente, a única zona que quedou de terra, sen que fosen construídos nichos sobre ela, foi a zona na que están soterradas algo máis da metade destas persoas.

Pepín e Bebel García, irmáns da 'lejía' Dominio Público Praza Pública

"Para poder levar a cabo unha exhumación, primeiro teñen que reclamalo os descendentes dos represaliados e ten que haber un consenso na cidade. Imos ver que pasa. Iso si, se hai familias que o reclaman, creo que existe o deber de axudalas en todo o que se poida"

Tendo en conta esta localización, cres que sería factible levar a cabo a exhumación dos restos?

É moi complexo e eu non son experto no tema. Hai que ter en conta que é un caso diferente a outras foxas que se foron exhumando nos últimos anos en Galicia: lugares nos que se sabe que hai catro ou cinco corpos de represaliados e nada máis. Aquí en moitas foxas están soterradas tamén persoas que morrían de forma ordinaria. E despois as zonas nas que despois se levantaron nichos enriba.

Para poder levar a cabo unha exhumación, primeiro teñen que reclamalo os descendentes dos represaliados -algunhas familias xa se puxeron en contacto comigo- e para que isto se leve adiante ten que haber un consenso na cidade. Imos ver que pasa. Iso si, se hai familias que o reclaman, creo que existe o deber de axudalas en todo o que se poida.

Entre os 250 asasinados cuxos restos foron soterrados en foxas comúns en San Amaro están os Joaquín Martín Martínez, José Pérez Ferreño, Antonio García Pita, Francisco Pérez Carballo, Ramón Maseda, Eugenio Carré Naya, Pedro Galán, Luís Huici, Francisco Mazariegos, José María Eirís Carro, Jaurés, Bebel e Frances García, Ramón Carballo, Alejandro Basilio Palacios, os fusilados do Portiño, os fusilados da Fábrica de Brens, o pai e un irmán de Pucho Boedo ou Manuel Fernández López

Entre estes 250 nomes hai persoas que no seu momento tiveron unha gran significación pola súa actividade política ou sindical ou mesmo por xogar no Deportivo, coma o caso de Bebel, e sempre se destaca máis a súa figura, aínda que por suposto, todos os asasinados e a súa memoria son iguais de importantes. Quen está soterrado nestas foxas, poderías citar algúns?

Estou de acordo. Moitas veces este tipo de informacións céntranse máis nunha persoa que era máis coñecida, e iso serve para ter máis impacto mediático, pero esquécese falar das demais, que son persoas anónimas porque nunca se falou delas, pero todas elas tamén tiñan a súa vida, as súas familias e tamén foron asasinadas. Ao final esta listaxe de 250 é unha fotografía de toda unha xeración, de persoas que estaban moi implicadas en organizacións políticas, sindicais, culturais...

Entre os nomes que teño na lista están o de Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello da Coruña e vogal da Liga de Derechos del Hombre; José Pérez Ferreño, concelleiro de Cambre; Antonio García Pita, alcalde de Sada; Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña; Ramón Maseda, socialista; Eugenio Carré Naya, mestre e fillo de Uxío Carré Alvarellos; Pedro Galán, concelleiro na Coruña polo Partido Galeguista; Luís Huici, xastre e debuxante. En todos estes casos os seus restos foron trasladados posteriormente a un nicho a petición das súas familias.

Despois temos a Francisco Mazariegos; sindicalista da UGT, José María Eirís Carro; libreiro; aos irmáns da lejía: Jaurés, Bebel e Frances; Ramón Carballo, sindicalista da UGT; Alejandro Basilio Palacios; panadeiro. Temos tamén os fusilados do Portiño, os fusilados da Fábrica de Brens, temos ao pai e a un irmán de Pucho Boedo. Temos tamén a Manuel Fernández López, médico de familia e militante do Partido Galeguista e moi destacado por ter agochado na súa casa da Pasaxe a varios fuxidos.

Monumento aos “Fuxidos do Portiño”, na Coruña CC-BY-SA Nemigo

"Hai unha minimización permanente da dor das familias. Dise: “xa pasou moito tempo, hai xa non hai nada, xa non hai restos, para que meternos agora neste problema?”. Pero hai un baleiro, un desacougo, familias que nunca chegaran a saber que fóra destas persoas. O que facemos é encher ese baleiro e buscar unha evidencia"

Que valor ten para unha persoa coma ti, ou para calquera descendente dun familiar que foi asasinado en 1936 o feito de finalmente atopar os seus restos mortais, que ata agora estaban desaparecidos?

Hai unha minimización permanente da dor das familias. Dise: “xa pasou moito tempo, hai xa non hai nada, xa non hai restos, para que meternos agora neste problema?”. Pero o primeiro que hai é un baleiro, un desacougo, familias que nunca chegaran a saber que fóra destas persoas. O que facemos é encher ese baleiro e buscar unha evidencia. 

Cando un xuíz investiga un asasinato a evidencia de de que houbo un asasinato é a existencia dun cadáver. Polo tanto, aquí temos as probas do que foi un crime de Estado, un proceso de desaparición forzada e segundo a lexislación internacional un crime de lesa humanidade que non prescribe. Noutros lugares do Estado avanzouse máis, pero aquí está todo por facer. Nesta listaxe están a práctica totalidade dos fusilados no Campo da Rata, pero faltan moitos máis dos paseados na comarca e, por exemplo, os que eran executados en Ferrol, en Punta Martelo.

"O asasinato de 250 mozos da Coruña é algo que nos interpela como sociedade, algo que nos enfronta á nosa propia historia. Temos que ser capaces de que a xente nova entenda que isto que pasou lles podía ter pasado a eles. E todo co obxectivo de que isto funcione como un antídoto, para que nunca máis volva pasar"

Asistimos moitas veces a unha falta de empatía cara a este tema, persoas que repiten que a memoria democrática non ten importancia no presente, que a represión franquista quedou moi atrás, que reclaman unha equidistancia entre asasinos e asasinados... Vemos tamén un regreso de discursos que branquean ou mesmo reivindican as ideoloxías franquista e fascista que levaron á Guerra. Investigacións coma a túa, o feito de sabermos mellor o que pasou en 1936 poden servir para cambiar a forma de pensar destas persoas?

O que fixen eu é unha achega máis a un traballo que moita xente leva tempo facendo. Si que vexo que moita xente segue tendo esa idea de que o que pasou aquí en 1936 foi unha guerra entre dous bandos igualmente responsables do sucedido, unha idea que é unha forma de ocultar o que pasou. Porque o que pasou foi un Golpe de Estado e un proceso sistemático de eliminación de persoas que tivo como consecuencia unha ditadura de 40 anos e un retroceso moi importante da sociedade a moitos niveis.

O que temos aquí, o asasinato de 250 mozos da Coruña, é algo que nos interpela como sociedade, algo que nos enfronta á nosa propia historia. Temos que ser capaces entre todos de conseguir que haxa unha comunicación interxeracional, de que a xente nova entenda que isto que pasou lles podía ter pasado a eles. E todo co obxectivo de que isto funcione como un antídoto, para que nunca máis volva pasar.

Imaxe duns fusilamentos no Campo da Rata, tirada en 1936 polo soldado Pepe Sáez © Memoria do Cárcere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.