O 28 de xuño de 1936 Galicia plebiscitou nas urnas o seu Estatuto de Autonomía. Coas garantías procesuais propias da época o texto estatutario saíu adiante cun 99% dos votos escrutados, unha xornada de votación "espléndida" á que se chegou tras unha intensa campaña impulsada por forzas políticas e persoeiros do mundo da cultura, pero tamén por concellos como os da Coruña, Santiago ou Vigo, que xunto a outros de todo o país deron soporte político e tamén económico ao Comité Central da Autonomía. Mitins en todo tipo de locais, pero tamén eventos festivos e a edición de abondosos materiais gráficos encheron de cor unha campaña que chegou a manexar un orzamento dunhas 180.000 pesetas cuxos restos os franquistas tentaron, sen éxito, roubar tras o golpe de Estado mentres perseguían e, nalgúns casos, asasinaban os impulsores do Estatuto.
Os golpistas detectaron "importantes sumas" dedicadas "ao desmembramento da patria" e tentaron sacalas dos bancos
Os detalles deste roubo frustrado foron achados recentemente polo investigador Luis Lamela -quen este 29 de xuño será premiado pola Fundación Luis Tilve polos seus traballos de memoria histórica- no Arquivo Xeral da Administración do Estado, en Alcalá de Henares, onde se atopa o libro xeral de entrada de correspondencia do Goberno Civil da Coruña. Nese rexistro ficaron reflectidas as comunicacións que o ascendido a gobernador e delegado de Orde Pública, Florentino González-Vallés, mantivo durante meses para tentar "incautar" os cartos.
O primeiro deses movementos chegou apenas dúas semanas despois de que o Estatuto plebiscitado fose entregado ás autoridades da II República, o 30 de xullo, cando un dos militares sublevados advertiu por telegrama de que "en bancos e outras entidades da rexión galega existen contas correntes abertas" con "importantes sumas" dedicadas "ao desmembramento da patria". "As autorizacións para dispoñer destas contas son sinaturas de significados elementos da Fronte Popular e de sociedades obreiras" que "se dispoñen de tempo utilizarán tales fondos en beneficio seu e prexuízo de España", concluía o texto.
O Banco Pastor informou os franquistas da existencia dun crédito de 100.000 pesetas para a campaña avalado por Ánxel Casal e López Bouza
Diante desta notificación o gobernador dirixiuse a "todas as entidades bancarias da provincia" para pedir información ao respecto e esixir que, de existiren, os fondos quedasen á "disposición" da Delegación de Orde Pública. Ao pouco tempo, o 1 de agosto, chegou resposta procedente do Banco Pastor, cunha aclaración. "Non existe nin existiu neste banco conta corrente de metálico Pro-Estatuto", senón "unha conta de crédito aberta ao Comité Central da Autonomía", isto é, un préstamo de ata 100.000 pesetas que sería sufragado "por conta das subvencións concedidas a dito comité" polos concellos da Coruña e Vigo e as Deputacións da Coruña e Pontevedra. Esta póliza de crédito tiña a "garantía persoal e solidaria", o aval, do alcalde de Santiago, Ánxel Casal, do presidente da Deputación da Coruña, José López Bouza, e mais de Esteban Mariño.
O director do banco, Ricardo Rodríguez Pastor, facilitou aos golpistas -aos que nos anos seguintes financiaría- un extracto de operacións segundo o cal o Comité da Autonomía retirara ata 80.000 pesetas do crédito, do que restaran só 20.000 dispoñibles e subliñou, ademais, que o Pastor se "limitara, estrita e rigorosamente, a acceder a unha operación bancaria solicitada e garantida por persoas que daquela ostentaban cargos públicos". Nas seguintes semanas os militares localizaran ademais un saldo de 464,76 pesetas noutra conta do Banco Hispano Americano.
Intentos de incautación
Nos primeiros días de 1937 e despois de múltiplas cartas e telegramas o coronel Enrique Cánovas, gobernador militar da Coruña, coidaba ter xa claro o roteiro para "incautar" os cartos e emitiu unha orde ao respecto. "Tendo en conta que o Comité Central de Autonomía era un organismo afecto por coincidencia de orixe e fin ao chamado Fronte Popular tendente á criminal desintegración da Patria, acordei a incautación a favor do Estado Español das 20.000 pesetas non investidas do crédito concedido polo Banco Pastor da Coruña. (...) Ditas 20.000 pesetas serán ingresadas polo Banco Pastor na conta do Tesouro do Banco de España", ordenou.
A investigación de Luis Lamela amosa como os golpistas acabaron concluíndo de que as 20.000 pesetas que tentaban roubar non existían
Ese requerimento foi trasladado fisicamente o 7 de xaneiro do 37 á sede do Pastor, onde os militares foron informados de que os cartos do Estatuto, como tales, non existían. A póliza de crédito xa "vencera" e o Pastor iniciara os trámites contra "os avalistas" para procurar recuperar o diñeiro que "adiantaran" para a campaña estatutaria, polo que pediu "demorar" a incautación. Días despois, explica Luis Lamela, os franquistas erixidos en "novas autoridades" fixeron ver aos militares a través da 'Avogacía do Estado' que as 20.000 pesetas que tentaban cobrar realmente "non pertenceran en ningún momento" ao comité autonomista, xa que nunca chegaran a retiralas e seguían a ser, en sentido estrito, "patrimonio do banco".
O banco tentou executar os avais cando Casal e López Bouza xa foran asasinados
En abril de 1937 a orde de incautación ficou definitivamente "sen efecto" por ser imposible de executar pero, explica o investigador, quen "non quedaron libres de responsabilidade patrimonial ante o Banco Pastor" foron "os avalistas que se prestaran a asinar o crédito para levar adiante o plebiscito do 28 de xuño", polo que a entidade procurou ir contra os seus bens, toda vez que os concellos e deputacións que subvencionaran a campaña se negaron, xa en mans dos golpistas, a librar os cartos que concederan. Ánxel Casal fora asasinado o 19 de agosto de 1936 en Teo e López Bouza matárono apenas dez días despois, o 30 de agosto, no cemiterio ferrolán de Canido.