0 Gardados para despois

Os alcaldes asasinados polos franquistas volven presidir a Deputación da Coruña

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


José López Bouza, de Izquierda Republica, e Ánxel Casal, do Partido Galeguista, eran presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña en 1936. Os dous foron asasinados polos franquistas en agosto dese ano. Os sublevados contra a II República fixeron o mesmo con outros moitos rexedores, ex-alcaldes ou cargos da Administración: Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña), Jesús Castaño (Mañón), Cipriano Fernández (Fisterra), Pablo Rico (Fene) ou Xaime Quintanilla (Ferrol) son só algúns exemplos dos cargos políticos, pero tamén administrativos, que morreron a mans da represión fascista tras o golpe. Todos eles, a comezar por quen foran responsables da institución provincial, foron homenaxeados este xoves pola Deputación coruñesa.

Os retratos de López Bouza e Casal presidiron simbolicamente o acto que, encabezado polos actuais presidente e vicepresidenta, Valentín González Formoso (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG), lembrou xunto a alcaldes e alcaldesas da provincia e membros de todos os grupos políticos da corporación a quen "tentaron ser borrados da historia durante máis de 40 anos". Cómpre, di González Formoso, "recuperar a memoria e a dignidade dos milleiros de persoas que sufriron con dureza a represión franquista" por "defenderen a liberdade e a democracia".

"Hoxe é un día feliz -di o socialista-, porque aínda que sexa simbolicamente, José López Bouza e Ánxel Casal volven presidir un acto da Deputación da Coruña". Esta, sinalou, é "unha forma de expresarlles agradecemento, respecto e recoñecemento" nunha homneaxe que non foi concibida con "ánimo de desquite, mais si de xustiza". A intención, resalta, non é outra que "recoñecer o compromiso democrático de todas estas persoas" para "manter viva a chama da liberdade nos momentos máis escuros da nosa historia recente".

A Deputación coruñesa retíralle esta semana as honras a Franco

Na véspera do pleno no que a entidade coruñesa lle retirará as honras que aínda mantiña Francisco Franco -fillo predilecto e presidente de honra- a vicepresidenta subliña a necesidade de "borrar o esquecemento" sobre os políticos represaliados, pero tamén sobre "a metade do funcionariado" da Deputación, vítima dunha "depuración estarrecedora. "En dous anos e medio o 50%" do persoal "foi destituído por ser considerado sospeitoso", lembrou tras ler, un a un, os nomes dos alcaldesa asasinados no 36, así como aos que puideron evitar a morte a través do exilio. "Queremos lembrar non só os seus nomes, senón tamén a obriga dos gobernos de recuperar a súa propia historia e vencer o silencio imposto durante tanto tempo.

"No noso país non houbo guerra, só unha represión brutal"

Nesta liña, avanza, a elaboración "dunha listaxe rigorosa de cargos municipais represaliados despois de 1936" será unha das tarefas que a Deputación coruñesa abordará de inmediato en materia de memoria histórica. "Queremos facer xustiza, porque só así podemos garantir a dignidade das institucións", dende a lembranza de que "no noso país non houbo guerra, senón unha represión brutal que nos descabezou, decapitou as ideas máis avanzadas, as biografías máis modernas, as persoas máis implicadas na creación dun mundo mellor e máis igualitario.

"Para perdoar, o que agrede ten que pedir perdón"

O neto de Suárez Ferrín lembra que a sentenza que deu cobertura ao asasinato do seu avó nunca foi anulada

As intervencións de González Formoso e Sanmartín estiveron acompañadas polo neto de quen fora alcalde da Coruña e e asasinado, Alfredo Suárez Ferrín, en cuxa opinión "esquecer" non é unha opción e "perdoar" é "difícil", porque "para perdoar, o que agrede ten que pedir perdón, e ninguén o fixo nos corenta anos de ditadura". En representación das familias das persoas represaliadas presentes no acto, Alfredo Suárez lembrou que "uns, rematada a contenda chamada cruzada, foron recoñecidos como mártires" e "dos outros, dos nosos", non se podía "nin falar". E se alguén falaba, a resposta era "que algo malo faría".

Neste sentido, Suárez lembra que a sentenza que deu cobertura ao asasinato do seu avó aínda non foi anulada. "Parece ser que a lei non o permite" malia ser unha execución realizada "por militares fóra da lei", lamenta. Por todo isto, conclúe cun desexo: "Non perdades a memoria".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.