0 Gardados para despois

A entrega do Estatuto: Así puido ser lembrado xullo de 1936 en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O caloroso sábado, 18 de xullo de 1936, a conspiración que alimentou o golpe de Estado contra a II República xa estaba en marcha. Naquela xornada a prensa galega recollía a tensión política xeral que xerara o asasinato de José Calvo Sotelo -"muerto alevosamente en holocausto de la Patria", rezaba unha esquela na primeira páxina de El Progreso de Lugo- e daba conta, por exemplo, de que "el comandante militar de Canarias, general Franco", acudira presidir o enterro do xeneral Balmes, falecido en estrañas circunstancias, en representación do ministro da Guerra. Pero xunto a estas novas figuraba outra: a culminación, pola banda galega, da entrega do Estatuto de Autonomía ás autoridades republicanas para que iniciase o seu trámite final, a aprobación nas Cortes.

Un dos xornais máis abertamente partidarios do proceso estatutario, o vigués El Pueblo Gallego, levaba á súa capa a crónica do último acto solemne protagonizado pola delegación galega que se desprazara a Madrid. Despois de reunírense o día 15 co presidente do lexislativo, Diego Martínez Barrio, o 17 de xullo foi o presidente da República, Manuel Azaña, quen recibiu a comisión encabezada polo presidente do Comité Central da Autonomía, Bibiano Fernández Ossorio-Tafall e o secretario do mesmo, Enrique Rajoy Leloup. Xunto a eles acudiran varios alcaldes, como o compostelán Ánxel Casal, os presidentes das catro deputacións e numerosos deputados como Alfonso Rodríguez Castelao, que falou no nome de todos.

"Galicia autónoma será unha democracia exemplar", aseguroulle Castelao a Azaña, quen retrucou co seu apoio á "necesidade de abrir cauces políticas ás aspiracións rexionais, que xa van abríndose paso". "Espero e desexo que o Estatuto de Galicia sirva para consolidar a República e a democracia, a cal depende en gran parte do esforzo, do fervor e da vontade que poñan no seu empeño os encargados de administrala", dixo o presidente republicano, aproveitando para anunciar unha inminente visita a territorio galego coa fin, dixo, de "compartir a alegría dese pobo ante a boa nova do Estatuto".

Castelao: "Galicia autónoma será unha democracia exemplar"

Xunto ás evolucións do proceso estatutario El Pueblo Gallego aproveitaba para informar os seus lectores de que xa estaba a preparar "unha edición extraordinaria para o próximo 25". "No Día de Galicia este diario estenderá ante os ollos dos seus lectores o panorama de todos os grandes problemas vivos da rexión" a través "das máis insignes plumas e os artistas máis ilustres de Galicia contribuirán a esta obra", sinalaba. 

"Inicio do levantamento" e bandos militares

Ao día seguinte o ton do progresista xornal vigués mudou radicalmente. O "inicio dun levantamento en Melilla e Ceuta" ocupaba toda a capa, na que se aseguraba que as autoridades republicanas non ían declarar o estado de guerra. Ossorio-Tafall púñalle agora voz nas mesmas páxinas á versión gobernamental dos feitos: o Goberno estaba a tomar medidas para "dominar as sublevación", acción s"suficientes para restablecer a normalidade", afirmaba. El Pueblo Gallego xa non saíu do prelo o día 20 mentres nas rúas de Vigo os sindicalistas se enfrontaban, con pouco éxito, aos militares sublevados. Dez días despois os franquistas incautaban o xornal, situaban un militar á súa fronte e incorporábano á prensa do 'Movimiento Nacional'.

Quen non atendese as ordes militares "non poderán queixarse se lles acontece algún mal"

Mentres, noutros puntos de Galicia, a prensa que puido seguir sendo publicada recollía os bandos militares que advertían das consecuencias de resistirse ao golpe como tentaban facer, por exemplo, os mineiros de Vilaodriz (A Pontenova) o u os sindicalistas ferroviarios de Monforte. É o caso, por exemplo, do publicado polo comandante Alberto Caso en El Progreso. Nunha cidade intimamente ligada ao agro levar unha fouce pasou a ser considerado portar unha arma, prohibiuse a formación de "grupos" nas rúas "de máis de dúas persoas" e "as persoas de orde" foron instadas a "recluírse" na casa de nove da noite a sete da mañá. Quen non atendese estas e outras ordes "non poderán queixarse se lles acontece algún mal", advertía o documento. Aquel xullo, ao cabo, xa nunca puido ser lembrado como o mes do Estatuto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Franco segue a perder honras en Galicia

A Deputación e o Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello da Coruña... Son só algunhas das institucións galegas que, nos últimos anos, retiraron honras que durante o franquismo lle foran concedidas ao ditador e a outros cargos do seu réxime en forma de rúas, alcaldías perpetuas, filiacións predilectas e outras figuras semellantes. Este 18 de xullo, cadrando co octoxésimo aniversario do golpe de Estado que derivou na Guerra Civil, foron varios os xestos de condena e retirada de honras ao ditador e a quen formaron parte da súa rebelión.

Así, o goberno local coruñés continuou este luns a aplicar as recomendacións da comisión municipal para a aplicación da memoria histórica e retirou dos corredores do Pazo de María Pita, sede do consistorio, os retratos dos alcaldes militares impostos tras o golpe de Estado de 1936, José Fuciños Gayoso e Hernán Martín de Barbadillo. Case á mesma hora a Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia, lonxe das discordancias doutras ocasións, aprobaba unha declaración institucional -figura que só pode ser empregada se hai unanimidade dos grupos- de condena da ditadura, instando ademais a "proseguir" coas accións de recuperación da memoria das vítimas.

Franco deixará de ser presidente perpetuo da Deputación de Pontevedra

Outras institucións galegas tamén amosaron, durante a xornada, a súa posición de condena do franquismo. Foi o caso da Deputación de Lugo, que aprobou unha declaración institucional ao respecto ademais de pendurar da súa sede, no Pazo de San Marcos, unha pancarta co lema Xamais un 18 de xullo, a mesma que foi colocada tamén na casa do Concello de Lugo. Outra Deputación, a de Pontevedra, anunciaba a través do seu deputado de Cultura, o nacionalista Xosé Leal, anunciaba a presentación dunha inicaitiva para, no vindeiro pleno, retirarlle a Franco a distinción honorífica de presidente perpetuo da institución, así como para revogar as distincións que aínda manteñen no ente provincial outros cargos de Falange e do réxime ditatorial.

Por outra banda, a candidata e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou na Coruña que o programa da formación nacionalista ás eleccións galegas incluirá a elaboración dunha lei galega da memoria histórica que "permita homenaxear as 4.000 vítimas" que, segundo investigacións oficiais, foron "reprimidas e asasinadas" no país. Nun acto celebrado ante o Teatro Rosalía lamentou que Feijóo promovese unha "lousa de silencio" ao retirar as axudas que durante o bipartito promoveran a recuperación da memoria histórica.