A entrega do Estatuto: Así puido ser lembrado xullo de 1936 en Galicia

Entrega do Estatuto galego nas Cortes republicanas, en xullo de 1936 © Nomes e Voces

O caloroso sábado, 18 de xullo de 1936, a conspiración que alimentou o golpe de Estado contra a II República xa estaba en marcha. Naquela xornada a prensa galega recollía a tensión política xeral que xerara o asasinato de José Calvo Sotelo -"muerto alevosamente en holocausto de la Patria", rezaba unha esquela na primeira páxina de El Progreso de Lugo- e daba conta, por exemplo, de que "el comandante militar de Canarias, general Franco", acudira presidir o enterro do xeneral Balmes, falecido en estrañas circunstancias, en representación do ministro da Guerra. Pero xunto a estas novas figuraba outra: a culminación, pola banda galega, da entrega do Estatuto de Autonomía ás autoridades republicanas para que iniciase o seu trámite final, a aprobación nas Cortes.

Un dos xornais máis abertamente partidarios do proceso estatutario, o vigués El Pueblo Gallego, levaba á súa capa a crónica do último acto solemne protagonizado pola delegación galega que se desprazara a Madrid. Despois de reunírense o día 15 co presidente do lexislativo, Diego Martínez Barrio, o 17 de xullo foi o presidente da República, Manuel Azaña, quen recibiu a comisión encabezada polo presidente do Comité Central da Autonomía, Bibiano Fernández Ossorio-Tafall e o secretario do mesmo, Enrique Rajoy Leloup. Xunto a eles acudiran varios alcaldes, como o compostelán Ánxel Casal, os presidentes das catro deputacións e numerosos deputados como Alfonso Rodríguez Castelao, que falou no nome de todos.

Capa de 'El Pueblo Gallego' do 19 de xullo de 1936 Dominio Público Praza Pública

"Galicia autónoma será unha democracia exemplar", aseguroulle Castelao a Azaña, quen retrucou co seu apoio á "necesidade de abrir cauces políticas ás aspiracións rexionais, que xa van abríndose paso". "Espero e desexo que o Estatuto de Galicia sirva para consolidar a República e a democracia, a cal depende en gran parte do esforzo, do fervor e da vontade que poñan no seu empeño os encargados de administrala", dixo o presidente republicano, aproveitando para anunciar unha inminente visita a territorio galego coa fin, dixo, de "compartir a alegría dese pobo ante a boa nova do Estatuto".

Castelao: "Galicia autónoma será unha democracia exemplar"

Xunto ás evolucións do proceso estatutario El Pueblo Gallego aproveitaba para informar os seus lectores de que xa estaba a preparar "unha edición extraordinaria para o próximo 25". "No Día de Galicia este diario estenderá ante os ollos dos seus lectores o panorama de todos os grandes problemas vivos da rexión" a través "das máis insignes plumas e os artistas máis ilustres de Galicia contribuirán a esta obra", sinalaba. 

"Inicio do levantamento" e bandos militares

Ao día seguinte o ton do progresista xornal vigués mudou radicalmente. O "inicio dun levantamento en Melilla e Ceuta" ocupaba toda a capa, na que se aseguraba que as autoridades republicanas non ían declarar o estado de guerra. Ossorio-Tafall púñalle agora voz nas mesmas páxinas á versión gobernamental dos feitos: o Goberno estaba a tomar medidas para "dominar as sublevación", acción s"suficientes para restablecer a normalidade", afirmaba. El Pueblo Gallego xa non saíu do prelo o día 20 mentres nas rúas de Vigo os sindicalistas se enfrontaban, con pouco éxito, aos militares sublevados. Dez días despois os franquistas incautaban o xornal, situaban un militar á súa fronte e incorporábano á prensa do 'Movimiento Nacional'.

Capa de 'El Progreso' do 21 de xullo de 1936 Dominio Público Praza Pública

Quen non atendese as ordes militares "non poderán queixarse se lles acontece algún mal"

Mentres, noutros puntos de Galicia, a prensa que puido seguir sendo publicada recollía os bandos militares que advertían das consecuencias de resistirse ao golpe como tentaban facer, por exemplo, os mineiros de Vilaodriz (A Pontenova) o u os sindicalistas ferroviarios de Monforte. É o caso, por exemplo, do publicado polo comandante Alberto Caso en El Progreso. Nunha cidade intimamente ligada ao agro levar unha fouce pasou a ser considerado portar unha arma, prohibiuse a formación de "grupos" nas rúas "de máis de dúas persoas" e "as persoas de orde" foron instadas a "recluírse" na casa de nove da noite a sete da mañá. Quen non atendese estas e outras ordes "non poderán queixarse se lles acontece algún mal", advertía o documento. Aquel xullo, ao cabo, xa nunca puido ser lembrado como o mes do Estatuto.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.