Arriba, corazóns galegos! Hoxe plebiscítase o futuro!

Dominio Público Praza Pública

A de hoxe non é unha xornada electoral como outras. Non vai ter o carácter de polémica política propia doutras votacións. É por iso que o Comité de Propaganda organizou actos por todo o país que nada teñen que ver co enfrontamento partidario que Galicia, como o resto do Estado, vive dende hai anos. Para mostra, por exemplo, o eventos celebrados na Praza da República, en Lugo, onde o Comité celebrou unha verbena amenizada pola banda municipal e mais polo coro Froles e Silveiras. Estes músicos puxéronlle banda sonora a unha xornada que se prevé histórica. Hoxe plebiscítase o Estatuto!

Non só a cidade da Muralla, nin de lonxe, agarda con entusiasmo este 28 de xuño de 1936. Na Coruña, por exemplo, o bo tempo axudou a que milleiros de persoas acudisen á festa galega organizada no Parque de Méndez Núñez, na que as intervencións de varios coros se alternaron con speachs dos señores Del Riego, Silvino Santiago, Arturo Sabio, Martín Martínez ou o alcalde da cidade, don Alfredo Suárez Ferrín. Tales son as ansias de Estatuto que o día do plebiscito recíbese mesmo cunha avioneta que deixou caer milleiros de follas de propaganda mentres facía ver un enorme letreiro co lema: "Autonomía, si".

Moitos papeis na Coruña, e non menos en Vigo. Na noite deste día 27 quedaron literalmente empapeladas algunhas paredes e fachadas das rúas máis céntricas da cidade. Vigo semella en festas e, ao tempo, transmite solemnidade e a isto contribuíu tamén a emisión especial de Radio-Vigo, estación de radio na que diversos oradores aseguraron que a votación será "espléndida".

O señor Rajoy Leloup chama a participar nesta "manifestación democrática da cidadanía"

Nun sentido semellante se pronunciou a través de Unión Radio Galicia, en Santiago, un dos persoeiros clave do proceso estatutario, don Enrique Rajoy Leloup, secretario do Comité Central de Autonomía. Segundo o señor Rajoy, os electores deben participar do que é unha "manifestación democrática da cidadanía". "Quen non ten liberdade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou é un incapaz que precisa tutela", resumiu Rajoy para dar conta de votar afirmativamente polo Estatuto.

O alcalde de Santiago emprestou o coche de recollida de lixo aos mozos autonomistas que organizaron mitins

Na cidade de Compostela foi tamén moi intensa a actividade dos mozos autonomistas que, coa axuda do señor alcalde, don Ánxel Casal -quen lles emprestou o coche de recollida de lixo e unha buguina para facer campaña pola comarca-, seguen realizando propaganda intensísima para "levar a todas as aldeas a boa nova do futuro digno de Galicia", declarou un deles, Avelino Pousa Antelo, en compaña doutro mozo de menor idade, Isaac, fillo do ilustre artista don Camilo Díaz Baliño. Un dos actos máis numerosos foi o celebrado en Lestedo, onde Pousa Antelo exerceu de orador xunto a outros como Maximino Rial, Gutiérrez del Arroyo ou Fernando Caamaño.

O alcalde de Vigo chama a votar pola "personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade

Outro alcalde, o de Vigo, tamén animou os cidadáns a participar no plebiscito. Fíxoo nun bando, no que don Emilio Martínez Garrido chama á "reflexión, ao sntimento, á comenencia e ao deber" de que "todos os veciños" vaian ás urnas e alí procuren "a personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade". "O que Galicia quere -di o bando- é, con conciencia da súa peculiaridade económica, política e cultural, rexerse por leis propias e estar cinguida, ao sesgo da súa autonomía, voluntariamente fraternal con todos os demais países da Iberia e do Mundo". "Unida polo amor e non pola imposición ou pola forza", advirte.

Vista do acto autonomista celebrado ante o monumento a Curros Enríquez, no Parque de Méndez Núñez da Coruña

Tres anos de demora

O plebiscito deste 28 de xuño chega máis de tres anos despois de que o Comité Central da Autonomía lograse do Goberno da República o decreto de convocatoria, en 1933. No entanto, a vitoria da CEDA freou o proceso ata o pasado febreiro, cando o Partido Galeguista incluíu, no seu programa de eleccións ás Cortes coa Fronte Popular, a reactivación do proceso autonómico, defendido na Cámara por don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A data do plebiscito foi fixada o pasado mes de maio e, dende ese momento, políticos autonomistas e un bo número de artistas, intelectuais e representantes labregos fixeron campaña polo Estatuto. Para que o Goberno da República acepte a autonomía galega o "si" no plebiscito ten que estar apoiado por dous terzos do censo. Se a aprobación se produce, o Comité da Autonomía terá que entregarlles aos presidentes das Cortes e da República o texto estatutario, como paso previo á súa entrada en vigor, comunicación da que quedará encargado o señor Casal, alcalde compostelán.

Texto elaborado a partir de informacións publicadas no xornal El Pueblo Gallego nas súas edicións do 28 e do 30 de xuño de 1936, de discursos e documentos do Comité Central da Autonomía e de testemuños posteriores. 

Mulleres autonomistas, con bandeiras galegas no centro de Vigo Dominio Público Pacheco / El Pueblo Gallego
Aspecto do centro da Coruña, engalanado con propaganda autonomista © El Pueblo Gallego

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.