0 Gardados para despois

Arriba, corazóns galegos! Hoxe plebiscítase o futuro!

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


A de hoxe non é unha xornada electoral como outras. Non vai ter o carácter de polémica política propia doutras votacións. É por iso que o Comité de Propaganda organizou actos por todo o país que nada teñen que ver co enfrontamento partidario que Galicia, como o resto do Estado, vive dende hai anos. Para mostra, por exemplo, o eventos celebrados na Praza da República, en Lugo, onde o Comité celebrou unha verbena amenizada pola banda municipal e mais polo coro Froles e Silveiras. Estes músicos puxéronlle banda sonora a unha xornada que se prevé histórica. Hoxe plebiscítase o Estatuto!

Non só a cidade da Muralla, nin de lonxe, agarda con entusiasmo este 28 de xuño de 1936. Na Coruña, por exemplo, o bo tempo axudou a que milleiros de persoas acudisen á festa galega organizada no Parque de Méndez Núñez, na que as intervencións de varios coros se alternaron con speachs dos señores Del Riego, Silvino Santiago, Arturo Sabio, Martín Martínez ou o alcalde da cidade, don Alfredo Suárez Ferrín. Tales son as ansias de Estatuto que o día do plebiscito recíbese mesmo cunha avioneta que deixou caer milleiros de follas de propaganda mentres facía ver un enorme letreiro co lema: "Autonomía, si".

Moitos papeis na Coruña, e non menos en Vigo. Na noite deste día 27 quedaron literalmente empapeladas algunhas paredes e fachadas das rúas máis céntricas da cidade. Vigo semella en festas e, ao tempo, transmite solemnidade e a isto contribuíu tamén a emisión especial de Radio-Vigo, estación de radio na que diversos oradores aseguraron que a votación será "espléndida".

O señor Rajoy Leloup chama a participar nesta "manifestación democrática da cidadanía"

Nun sentido semellante se pronunciou a través de Unión Radio Galicia, en Santiago, un dos persoeiros clave do proceso estatutario, don Enrique Rajoy Leloup, secretario do Comité Central de Autonomía. Segundo o señor Rajoy, os electores deben participar do que é unha "manifestación democrática da cidadanía". "Quen non ten liberdade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou é un incapaz que precisa tutela", resumiu Rajoy para dar conta de votar afirmativamente polo Estatuto.

O alcalde de Santiago emprestou o coche de recollida de lixo aos mozos autonomistas que organizaron mitins

Na cidade de Compostela foi tamén moi intensa a actividade dos mozos autonomistas que, coa axuda do señor alcalde, don Ánxel Casal -quen lles emprestou o coche de recollida de lixo e unha buguina para facer campaña pola comarca-, seguen realizando propaganda intensísima para "levar a todas as aldeas a boa nova do futuro digno de Galicia", declarou un deles, Avelino Pousa Antelo, en compaña doutro mozo de menor idade, Isaac, fillo do ilustre artista don Camilo Díaz Baliño. Un dos actos máis numerosos foi o celebrado en Lestedo, onde Pousa Antelo exerceu de orador xunto a outros como Maximino Rial, Gutiérrez del Arroyo ou Fernando Caamaño.

O alcalde de Vigo chama a votar pola "personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade

Outro alcalde, o de Vigo, tamén animou os cidadáns a participar no plebiscito. Fíxoo nun bando, no que don Emilio Martínez Garrido chama á "reflexión, ao sntimento, á comenencia e ao deber" de que "todos os veciños" vaian ás urnas e alí procuren "a personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade". "O que Galicia quere -di o bando- é, con conciencia da súa peculiaridade económica, política e cultural, rexerse por leis propias e estar cinguida, ao sesgo da súa autonomía, voluntariamente fraternal con todos os demais países da Iberia e do Mundo". "Unida polo amor e non pola imposición ou pola forza", advirte.

Vista do acto autonomista celebrado ante o monumento a Curros Enríquez, no Parque de Méndez Núñez da Coruña

Tres anos de demora

O plebiscito deste 28 de xuño chega máis de tres anos despois de que o Comité Central da Autonomía lograse do Goberno da República o decreto de convocatoria, en 1933. No entanto, a vitoria da CEDA freou o proceso ata o pasado febreiro, cando o Partido Galeguista incluíu, no seu programa de eleccións ás Cortes coa Fronte Popular, a reactivación do proceso autonómico, defendido na Cámara por don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A data do plebiscito foi fixada o pasado mes de maio e, dende ese momento, políticos autonomistas e un bo número de artistas, intelectuais e representantes labregos fixeron campaña polo Estatuto. Para que o Goberno da República acepte a autonomía galega o "si" no plebiscito ten que estar apoiado por dous terzos do censo. Se a aprobación se produce, o Comité da Autonomía terá que entregarlles aos presidentes das Cortes e da República o texto estatutario, como paso previo á súa entrada en vigor, comunicación da que quedará encargado o señor Casal, alcalde compostelán.

Texto elaborado a partir de informacións publicadas no xornal El Pueblo Gallego nas súas edicións do 28 e do 30 de xuño de 1936, de discursos e documentos do Comité Central da Autonomía e de testemuños posteriores. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O Estatuto triunfa nas urnas: "Viva Galicia autónoma!"

"Viva Galicia autónoma". Foi un dos berros máis repetidos tras confirmar o Comité Central da Autonomía os resultados do plebiscito do Estatuto. O entusiasmo da campaña e da propia xornada de votacións reflectiuse nas urnas cun escrutinio esmagador: 991.476 votos a prol fronte a 6.085 en contra e 1.378 en branco, segundo as actas de escrutinio chegadas aos diferentes xulgados do país. Ou, o que é o mesmo, un 99% dos votos a prol da autonomía galega.

Unha vez coñecido o resultado o alcalde de Santiago, Ánxel Casal, foi o encargado de cursar telegramas dirixidos tanto á súa excelencia o presidente da República, don Manuel Azaña, como ao xefe do Goberno, señor Portela Valladares: "Al recibir primeras noticias del triunfo autonomista, signifícole agradecimiento de este Comité por ingente labor desarrollada en favor del Estatuto", telegrafou Casal. O alcalde compostelán comunicou tamén o resultado á Irmandade da Fala de Montevideo, á Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, ao Centro Galego da Habana e mais ao presidente da Generalitat de Catalunya, señor Companys.

Casal comunicoulle o resultado ao presidente da República e ao xefe do Goberno e o PG confía na súa rápida aprobación no Parlamento

Alén do propio Comité da Autonomía, algunhas das reaccións máis entusiastas ao resultado chegaron dende o Partido Galeguista. "O Estatuto está ganado. Absolutamente ganado. Cando un pobo se manifesta como Galicia se manifestou, nin as traizóns, nin as manobras inutilmente entorpecedoras, nin tampouco as incidencias da política poden virar o rumbo glorioso", afirman os galeguistas, quen amosan a súa "confianza" en que o terceiro trámite constitucional, a aprobación do Estatuto no Parlamento da República, se produza "logo, dentro de poucos meses". Con este obxectivo, prevese que en poucos días unha delegación galega viaxe a Madrid para entregar o texto estatutario.

"A posición solapada e xorda da dereita e de certa prensa non conseguiu o seu propósito", din os galeguistas, entre chanzas co "santo pucheirazo"

"A posición solapada e xorda da dereita e de certa prensa que olla en perigo os seus privilexios non conqueriu o seu ruín propósito. Galicia vibrou e afirmou diante de Hespaña e do mundo enteiro a súa arela auténtica de liberdade", proclamou o PG no seu boletín. Así e todo, entre as manifestacións de alegría nas rúas e diversos locais, algúns mozos galeguistas, como Pousa Antelo, comezaron a empregar unha expresión, a medio camiño entre a hilaridade e a revelación: "O santo pucheirazo".

Os estudos galegos, nova oportunidade profesional

O previsible éxito do Estatuto no plebiscito deste 28 de xuño levou xa diferentes colectivos profesionais a exploraren as oportunidades laborais na Galicia autónoma. Un dos primeiros gremios en facelo foi o das academias en xeral e as especializadas en linguas en particular.

Así, por exemplo, o coñecido Colexio Balmes, de Lugo, vén de inaugurar a súa Sección de Estudos Galegos. "Por virtude da inminente autonomía da nosa rexión vaille ser acaso i ndispensable ou, cando menos, moi útil, unha preparación orientada" a "materias" como "falar e escribir correctamente en galego", coñecer "as vicisitudes históricas e manifestacións literarias" do idioma ou dominar o coñecemento do país.

É por isto que Balmes abre dende o primeiro de xullo dous cursiños: un de Lingua e Literatura galegas e outro, de Historia e Xeografía de Galicia, ambos con exercicios prácticos. As matrículas teñen prezos "módicos", aseguran.