A Secretaría de Estado de Memoria Democrática inclúe na súa web un buscador con información sobre a situación das fosas comúns da Guerra Civil coñecidas en todo o Estado, ao redor de seis mil, e unha base de datos de vítimas da violencia que seguiu ao Golpe de Estado de Franco
O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 iniciou un período de meses e anos de terror seguido por décadas de silencio. A represión exercida polo Franquismo provoocu a morte de milleiros de persoas en Galicia cuxos restos nin sequera puideron ser soterrados polas súas familias. En gabias e fosas comúns esparexidas por todo o país xacen aínda os cadáverese de moitas persoas que agardan pola súa recuperación e dignificación.
A Secretaría de Estado de Memoria Democrática inclúe na súa web un buscador con información sobre a situación das fosas comúns da Guerra Civil coñecidas en todo o Estado, ao redor de seis mil, e unha base de datos de vítimas da violencia exercida por ambos bandos nos anos seguintes á sublevación militar: 140.159 represaliados polos franquistas e 49.367 polos republicanos.
Non son todas as existentes, de seguro haberá máis. O pasado mes de marzo o Goberno do Estado encomendou ao grupo de investigación Histagra da USC a elaboración do Censo Estatal de Vítimas do golpe e a ditadura. Fíxoo grazas á experiencia previa demostrada no proxecto Nomes e Voces, a primeira gran investigación sobre as vítimas en Galicia, que acreditou case cinco mil asasinatos e un total duns quince mil casos de represión. Nomes e Voces tivo que pechar por falta de financiamento da Xunta.
A base de datos recolle a existencia de 96 fosas en Galicia nas que habería máis de 1.400 cadáveres
En Galicia esa represión foi exercida integramente polo bando franquista. Calcúlase que unhas 7.000 persoas foron asasinadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista e os seus corpos as máis das veces foron deitados en fosas comúns. A base de datos da Secretaría de Estado de Memoria Democrática recolle a existencia de 96 fosas en Galicia nas que habería máis de 1.400 cadáveres. Na páxina do proxecto Nomes e Voces pódese consultar un listado de 91 fosas, coincidentes na súa maior parte.
Estas fosas son moi diferentes entre si, sobre todo polo seu nivel de investigación e de recuperación dos restos alí aloxados. 29 delas foron xa exhumadas totalmente e 9 máis fórono parcialmente; 13 desapareceron e non son xa localizables; e 34 están pendentes de intervención; os restos presentes en 11 máis foron trasladados durante a ditadura ao Val de Cuelgamuros.
Nalgunhas só hai unha vítima, en varias máis dun cento; moitas están no interior de cemiterios, onde os cadáveres eran trasladados tras as execucións, outras noutros lugares, ás veces no mesmo lugar no que os represaliados foran asasinados.
Fosas exhumadas
29 delas foron xa exhumadas totalmente e 9 máis fórono parcialmente; 13 desapareceron e non son xa localizables; e 34 están pendentes de intervención; os restos presentes en 11 máis foron trasladados na ditadura ao Val de Cuelgamuros
Na listaxe destacan algunhas fosas especialmente significativas polo impacto que supuxeron os traballos de exhumación alí realizados. É o caso das fosas do Acevo, na Fonsagrada, onde en 2007 se recuperaron 13 cadáveres de integrantes do Batallón Galicia, entre eles o do Comandante Moreno. Ou a fosa do Cemiterio de Vilarraso, en Aranga, onde se recuperaron 21 cadáveres no ano 2018, entre eles o da mestra Mercedes Romero Abella.
Ou as fosas do Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames), onde foron soterrados nove dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto, asasinados en agosto de 1936. Ou tamén a fosa de Bértoa (Carballo), recentemente exhumada, onde se atoparon os restos de catro homes, entre eles o do pintor Francisco Miguel.
Cadáveres pendentes de ser recuperados
Algunhas das fosas comúns que gardan un maior número de cadáveres non foron aínda exhumadas, por distintos motivos. É o caso da situada no barrio ferrolán de Canido, no cemiterio do Val (Narón) ou nos camposantos de Santo Amaro (A Coruña), San Francisco (Ourense) e Pereiró (Vigo)
Algunhas das fosas comúns que gardan un maior número de cadáveres non foron aínda exhumadas, por distintos motivos. Por exemplo, a fosa común que existiu no cemiterio ferrolán de Canido desapareceu ao construírse o actual instituto. Varios restos mortais foron trasladados ao cemiterio, pero moitos outros perdéronse e ficaron soterrados baixo o novo edificio.
Noutros casos a recuperación é aínda posible. Tamén en Ferrol o Cemiterio de Serantes agocha unha fosa común na que podería haber un mínimo de 71 corpos, algúns xa recuperados. No Cemiterio de San Francisco, en Ourense, hai cando menos 141 cadáveres pendentes de ser recuperados, aínda que en 2005 construíuse un monumento financiado por subscrición popular co impulso da Asociación de Amigos da República. No Cemiterio de Val (Narón) hai 51 restos mortais que se intentaron recuperar sen éxito hai dous anos.
En Vigo no Cemiterio de Pereiró acolle tamén unha fosa común cun número indeterminado de cadáveres, resultado das execucións masivas de políticos e sindicalistas de esquerdas e republicanos, coma Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo e José Antela Conde, alcalde de Lavadores. E na Coruña o Cemiterio de San Amaro ten no seu interior unha fosa cos restos dunhas 250 persoas represaliadas, como recentemente revelou unha investigación de Rubem Centeno.
Impulso ás exhumacións en Galicia con fondos do Estado
Nos últimos anos o traballo de exhumación dos restos mortais soterrados nas fosas comúns está a recibir un importante impulso, sobre todo grazas ao apoio económico emprestado polo Goberno do Estado
Nos últimos anos o traballo de exhumación dos restos mortais soterrados nas fosas comúns está a recibir un importante impulso, sobre todo grazas ao apoio económico emprestado polo Goberno do Estado a través do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 21-24 que permitiu que, por primeira vez, en Galicia estes traballos de procura e dignificación tivesen non só aval, senón tamén financiamento público.
Neste período 21-24 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), Narón Fase I, Oza-Cesuras e Viana do Bolo (2023), Cabreira (Salvaterra de Miño) e O Val Fase II (Narón) (2024).
Neste ano 2025 -ao abeiro do novo Plan Cuadrienal 25-28- os fondos estatais están a permitir intervir en oito fosas de Teo, Rianxo, Narón, Viana do Bolo, A Capela, Crecente, Lousame e Mañón. Nestes últimos anos a Xunta negouse a participar nestas actuacións aínda que, dende o punto de vista formal, é o Goberno galego a que está a financiar os traballos a través das trasferencias que recibe do Goberno do Estado.
As actuacións realizadas nestes últimos anos levaron o equipo de Histagra que interveu nas fosas a "traballar coa hipótese da ocultación" duns corpos que foron agochados "á mantenta" unha vez que os nazis perderon a Segunda Guerra Mundial
As actuacións realizadas nestes últimos anos levaron o equipo de Histagra que interveu nas fosas a "traballar coa hipótese da ocultación" duns corpos que foron agochados "á mantenta" mediante prácticas recorrentes como construírlles nichos por riba. Cómpre situar os feitos "despois da Segunda Guerra Mundial", nun tempo en que o réxime franquista tiña especial interese en embazar as súas ligazóns cos nazis e tamén en executar "determinadas prácticas para ocultar a magnitude dos crimes" que cometera tras o golpe, explica o equipo de investigación.