Este 20 de novembro fixéronse 47 anos da morte do ditador Francisco Franco, o primeiro 20N dende a entrada en vigor da Lei de Memoria Democrática. A lei ampliou os contidos da Lei de Memoria Histórica do ano 2007, con preceptos novos como a supresión de títulos nobiliarios concedidos polo xeneral golpista aos seus afíns ou a celebración por parte do Estado de actos de homenaxe e reparación ás vítimas.
O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática transfire fondos para as exhumacións á Xunta, que opta por dar aos traballos un baixísimo perfil público
Antes da entrada en vigor da nova norma, o actual Goberno de España xa puxera en marcha o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 2021-24, que ten entre os seus obxectivos centrais cumprir co compromiso de achegar fondos públicos á exhumación de vítimas cuxos restos aínda permanecen guindados en fosas comúns. Segundo o previsto, o Estado está transferindo fondos ás comunidades autónomas para realizar estes traballos e así sucedeu xa no ano 2021 tamén en Galicia, aínda que a Xunta optou por dar un baixísimo perfil público á recepción destes cartos.
O Goberno galego cumpriu en 2021 a obriga legal de dedicar estes cartos do Estado -algo máis de 106.000 euros- ás exhumacións e todo o que implican -dende as pescudas previas ata a divulgación dos resultados- a través dun convenio co grupo Histagra da Universidade de Santiago, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto. Traballa en colaboración co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e co Grupo de Medicina Xenómica da propia USC para accións como as investigacións forenses e as análises xenéticas dos restos atopados. Estas investigacións permitiron, por exemplo, identificar tres persoas fusiladas nunha foxa en Vilagarcía.
O grupo Histagra da USC coordina os traballos, que no Plan de Memoria Democrática de Galicia para este 2022 prevén exhumar os corpos dunha ducia de asasinados polos golpistas
Neste 2022, outra volta cun perfil baixísimo, a Xunta asinou un novo convenio co grupo Histagra tras recibir do Estado 104.161,33 euros coa mesma finalidade. Os fondos chegaron formalmente á Xunta o pasado setembro, que os incluíu na súa partida de Actividades de Promoción e Difusión Cultural (o Goberno galego non ten partida nin área ningunha dedicada á memoria histórica dende a fin do Executivo de coalición PSdeG-BNG). Cadrando co 20N, o grupo Histagra confirmou que esa sinatura concretouse, efectivamente, a finais do pasado setembro.
Cun orzamento total de 110.351 euros, o Plan de Memoria Democrática de Galicia 2022 centrarase en tres foxas cuxa exhumación autorizo o Ministerio de Presidencia, do que depende a Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Segundo as investigacións, conteñen os restos dunha ducia de persoas. A primeira, explican, é a foxa de Vilacova, en Lousame, na que consta que están os corpos de dúas persoas represaliadas das que só unha delas foi identificada. Trátase de Manuel García Hermo, nacido na Pobra do Caramiñal e residente en Ribeira, xastre de profesión, militante da UGT e asasinado o 30 de agosto de 1936.
A continuación figura neste plan unha foxa no concello da Capela con tres corpos de veciños das Pontes. Son Joaquín Antón Rodeiro, estudante de 27 anos, Manuel Franco Bermúdez, de 36 anos e mais Francisco Guerreiro Guerreiro, militante do PSOE de 43 anos.
Nos traballos participa o Imelga e o grupo de xenetistas encabezado por Ángel Carracedo
As restantes sete persoas cuxa exhumación se inclúe neste plan están nunha foxa de Celanova, onde foron asasinadas tras o xuízo simulado en Camposancos polas autoproclamadas novas autoridades. Trátase de sete homes procedentes de Asturias: Abelardo Suárez del Busto, de 28 anos, albanel de Xixón; Alfonso Moreno Gayol, de 26 anos, chofer e nado en Salamanca; Baldomero Vigil Escalera Vallejo, de 19 anos, pintor de Xixón; Belarmino Álvarez García, de 29 anos, mineiro de Sama de Langreo; Guillermo de Diego Álvarez, de 25 anos, chofer e natural de Mieres; Marcelino Fernández García, de 21 anos, mecánico e tamén de Mieres; e Mariano Blanco González, de 36 anos, litógrafo de Xixón.
Explican dende Histagra que nos traballos colaboran, ademais do grupo Histagra, o grupo Síncrisis que coordina o profesor José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense Fernando Serrulla (Imelga) e o xenetista Ángel Carracedo, a cuxo equipo corresponde "o cotexo xenético con aqueles familiares dos asasinados que desexen que se leve a cabo". O labor arqueolóxico desenvólveo a empresa Tempos Arqueólogos.