Dende o pasado 21 de outubro está en vigor a lei de memoria democrática tras recibir a luz verde definitiva tanto do Congreso como do Senado. Entre as disposicións da nova norma está a institución do 31 de outubro como "día de recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura" por cadrar nesa data dous aniversarios: a da aprobación polas Cortes da Constitución de 1978 e da lei de memoria histórica de 2007.
Pedro Sánchez afirma que a data de homenaxe ás vítimas fixada na nova lei persegue "honrar moitas vidas sepultadas baixo unha lousa de indiferenza imperdoable"
Este 31 de outubro foi, daquela, 47 anos despois da morte do ditador, o primeiro día no que o Estado homenaxeou cun día de seu as vítimas do golpe de 1936 e do réxime que encabezou Francisco Franco durante catro décadas. O acto, encabezado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, incluíu a entrega de diplomas "de reparación" a unha vintena de persoas represaliadas pola ditadura. Entre elas, Xesús Alonso Montero.
O escritor, fora presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, sufriu a represión da ditadura pola súa militancia comunista e compromiso político. Tamén os golpistas do 23F o incluíran nas súas listas negras como "comunista radical". Xunto a el, recibiron o recoñecemento do Estado, persoalmente ou a través dos seus descendentes, persoas de procedencias dispares como cregos asasinados durante a guerra civil, persoeiros exiliados, sobreviventes da guerrilla antifranquista, un sobrevivente da matanza de Atocha, militantes feministas perseguidas e encarceradas, dirixentes sindicais ou militantes de diversas formacións [listaxe completa, no sitio web da Moncloa].
Defende Sánchez que este acto xurdido da nova lei serve para "honrar moitas vidas anónimas sepultadas baixo unha lousa de indiferenza imperdoable" e pretende "saldar a débeda de gratitude" con "quen se comprometeron cunha España democrática", para así "edificar sobre a súa lembranza unha memoria democrática compartida". As vítimas do golpe, da guerra e da ditadura franquista, engade, son a mostra do "alto prezo pola liberdade" que pagaron moitas destas persoas. "Ademais de preservarmos ese legado, nunca debemos dalo por sentado", advertiu.
"Nunca máis ides camiñar sós", prometeu Sánchez aos representantes das vítimas que acudiron ao acto. Como pano de fondo ecoan as reivindicacións de diversos colectivos de defensa da memoria histórica que, se ben observan na nova lei un avance, coidan que seguen tratadas polo Estado como "vítimas de segunda", segundo manifestan nesta reportaxe de infoLibre.
Homenaxe do PSdeG ás vítimas en Ferrol
Formoso reprocha á Xunta o "desleixo deliberado" de non incluír "un só euro" nos orzamentos para a recuperación da memoria democrática e a asistencia ás vítimas
A esta primeira homenaxe oficial do Estado ás vítimas da ditadura non asistiu o líder do PP e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen prometeu derrogar a lei de memoria democrática se chegase ao Goberno de España. Tampouco a Xunta se sumou á conmemoración con acto ningún de seu.
Ese voto en contra foi lembrado nesta xornada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que xunto ao alcalde da cidade, Ángel Mato, e outros cargos socialistas participou na contorna do castelo de San Felipe, en Ferrol, nunha homenaxe "aos fusilados, paseados e represaliados" polo franquismo. No acto, Formoso lamentou que a Xunta non dedique "un só euro" á memoria democrática nos seus orzamentos.
Ese "desleixo deliberado", censura o líder socialista, prodúcese malia haber documentadas en territorio galego "461 foxas das que só se interviu en 30 delas". "Están faltando ao respecto ás vítimas", afea, porque "unha Galicia que non respecte á súa memoria é unha Galicia sen dignidade e non podemos obrigar o pobo galego a vivir sen dignidade".