A Real Academia Galega (RAG) celebrou este venres o seu plenario extraordinario en Compostela co gallo do Día das Letras Galegas, onde homenaxeou o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, así como o seu "insobornable compromiso" coa lingua e a cultura de Galicia. No acto celebrado no Teatro Principal, o primeiro plenario presidido polo novo presidente Xesús Alonso Montero, este non dubidou en exixirlle a Núñez Feijóo que "apoie a cultura, o teatro e sobre todo as voces críticas" do país, como a do homenaxeado.
"Hai que apoiar a cultura porque voste, coma nós, somos vítimas do mercado", díxolle Montero a Feijóo
Foi no peche da sesión cando Alonso Montero destacou o compromiso de Vidal Bolaño para lembrar que os artistas "se non son críticos non son intelectuais". “Hai que apoiar a cultura, o teatro, hai que apoiar sobre todo as voces críticas porque vostede, como nós, somos vítimas do mercado”, díxolle o presidente da RAG a Alberto Núñez Feijóo.
"O mercado causa os recortes e a política de austeridade que non queremos", asegurou o presidente da RAG
Ademais, Montero destacou que o teatro serve para se "mirar no espello" no que "aparecen as taras da sociedade". Así, ao igual que fixera pouco antes no acto de homenaxe a Vidal Bolaño no barrio de Vista Alegre, o presidente da centenaria institución asegurou que as devanditas "taras" son "inventadas polo mercado", que "causa os recortes e a política que non queremos de austeridade". "Se cadra nas vindeiras eleccións habería que facer unhas eleccións planetarias: uns a favor do mercado e outros en contra", repetiulle o máximo dirixente da Academia a Núñez Feijóo.
Ao plenario asistiron preto dunha vintena de académicos da RAG, aínda que Alonso Montero xustificou a ausencia de Andrés Torres Queiruga e o actual secretario, Henrique Monteagudo, ambos os dous no estranxeiro. Por iso, foi o anterior secretario, Xosé Luis Regueira, o encargado de ler a acta na que se designaba a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado para o Día das Letras deste ano.