40 anos do 23-F: a noite que a democracia cambaleou

O tenente-coronel Antonio Tejero, no asalto ao Congreso e nomes galegos nas listas negras manexadas polos ultradereitistas CC-BY-NC-SA Imaxe tirada de RTVE | Montaxe: Praza Pública

O 23 de febreiro de 1981 votábase no Congreso a investidura de Leopoldo Calvo Sotelo como presidente do Goberno, en substitución de Adolfo Suárez, despois de que dous días antes o candidato non obtivera os votos suficientes. Ás 18.23 horas, na quenda de votación do socialista Manuel Núñez Encabo, irromperon no hemiciclo algo máis de 200 gardas civís comandados polo tenente-coronel Antonio Tejero, que interrompeu a votación ao berro de "Quieto todo el mundo!". Era o comezo do intento de Golpe de Estado do 23-F, do que hoxe fan 40 anos.

A incerteza sobre a posición do rei Juan Carlos durou case sete horas, o tempo que tardou en anunciar o seu rexeitamento ao Golpe de Estado

Foron uns momentos marcados por unha grande incerteza, sobre todo durante os primeiras horas, ata que ás 1.12 horas da madrugada, case sete horas despois do secuestro do Congreso, o rei Juan Carlos I interveu a través da televisión para manifestar a súa defensa da Constitución e o seu rexeitamento ao Golpe. O xeneral Milans del Bosch, que decretara o Estado de Excepción en Valencia e chegara a sacar tanques á rúa, depuxo a súa actitude ás seis da mañá e ao redor das doce do mediodía do día 24 Tejero permitiu os deputados abandonar o Congreso, antes de ser detido.

Son moitas aínda as incógnitas abertas en relación ao Golpe de Estado, sobre todo no que se refire ao papel xogado polo xeneral Alfonso Armada, moi próximo ao rei, e no que atinxe á existencia doutros plans de Golpe de Estado, en versións máis brandas, que dende había tempo viñan avogando por un golpe de man para pilotar a Transición Política doutro xeito. Ou tamén, á reacción dos Estados Unidos, que coñecido o Golpe se limitou a afirmar que o asalto ao Congreso era "un asunto interno dos españois" sobre o que non podía pronunciarse. Unhas incógnitas que se manteñen en boa medidas pola negativa dos sucesivos Gobernos a modificar a Lei de Segredos Oficiais que, de momento, manterá ocultos documentos clave sobre o 23F ata o ano 2030.

Son moitas aínda as incógnitas abertas en relación ao Golpe de Estado, sobre todo no que se refire ao papel xogado polo xeneral Alfonso Armada

En Galicia, ao igual que no resto do Estado, esas primeiras horas foron momentos de grande angustia especialmente para os e as militantes de esquerda e nacionalistas. Houbo quen cruzou a fronteira con Portugal ou pensou en facelo o día 24 en función do desenvolvemento dos acontecementos; houbo que agachou ou mesmo destruíu documentación de partidos, sindicatos e outras organizacións que podería ter comprometido aos seus membros; e, en xeral, todos e todas tomaron algunha precaución. Houbo tamén militantes que se presentaron nas sedes das súas organizacións ou na propia Casa do Concello onde a súa formación contaba con algún representante para buscar formas de defender dende alí a democracia.

 

Suso Veiga: "O 23F creou o mito da Transición e, sobre todo, o mito de Juan Carlos I como salvador da democracia"

"No momento en que me despedín dalgúns compañeiros da organización tiven a sensación íntima de que ao mellor non volvía a velos nunca máis"

É o caso de Xesús Veiga, deputado do Parlamento galego entre 1993 e 2005 e no ano 1981 dirixente do Movemento Comunista de Galicia (MCG), que relata así as súas primeiras sensacións e decisións ao saber do Golpe. "Estaba escoitando en directo a investidura, a través da Cadena SER, e no momento en que vin que estaba habendo un Golpe no Congreso, establecín contacto coa xente do partido. No MCG xa tiñamos un plan de acción previsto por se sucedía algo así, porque era unha posibilidade que xa analizáramos. Todos tomamos unha serie de medidas de seguridade, que pasaban en primeiro lugar por pasar esa noite nunha casa que non estaba asociada a min e, en caso de que o Golpe triunfara, o plan era pasar a Portugal ao día seguinte. No momento en que me despedín dalgúns compañeiros da organización tiven a sensación íntima de que ao mellor non volvía a velos nunca máis".

Veiga explica que na análise previa que realizara o MCG considerábase que había "varios plans golpistas en marcha, algúns máis 'duros' e outros máis 'brandos'" e especulábase que sobre todo estes últimos contaban co apoio da Casa Real. "Na medida en que o Rei tardou moitas horas en aparecer, iso fixo que se incrementase a incerteza. Aínda que o certo é que unha vez que interveu Juan Carlos todos nos tranquilizamos un pouco e lembro que dúas ou tres horas despois puiden conciliar o sono", conta.

Veiga destaca que a partir do 23F "creouse o mito da Transición e creouse o mito, sobre todo, de Juan Carlos I como salvador da democracia, un mito que agora está medio afundido por toda a súa traxectoria nas décadas seguintes"

Veiga destaca que a partir do 23F "creouse o mito da Transición e creouse o mito, sobre todo, de Juan Carlos I como salvador da democracia, un mito que agora está medio afundido por toda a súa traxectoria nas décadas seguintes". Sinala que este 'mito' "comezou a actuar dende ese momento e é importante para entender cousas que sucederon nos meses seguintes, como a aprobación da LOHAPA". Subliña que "o Golpe de Estado foi un baño de realidade que amosou as consecuencias que tiña a pervivencia de restos do franquismo en posicións de poder, que era algo que condicionaba o funcionamento do sistema político". Con todo, engade que "a maioría absoluta obtida polo PSOE en outubro de 1982 afastou o medo a un novo Golpe".

 

Carlos Barros: "Non tiñamos capacidade de reacción. Había unha memoria da represión que xogaba na nosa contra"

Carlos Barros, historiador, era daquela xefe de prensa do Partido Comunista de Galicia. Conta que “o Golpe sorprendeume na casa e o primeiro que fixen foi levar á miña familia a un lugar seguro, a outra vivenda. A continuación despraceime á sede do PCG, que estaba en Travesía de Vigo, onde nos xuntamos un grupo de militantes". "Nese momento decidín chamar ao Comisario de Policía de Vigo para coñecer cal era a situación e a súa resposta encheume de intranquilidade, porque el díxome que non tiña ningunha posición sobre o que estaba a suceder e que simplemente agardaba ordes. A continuación chamei ao Gobernador Civil, que si tivo unha resposta máis comprometida coa democracia", explica. 

Policía nas rúas de Madrid, na noite do 23-F © RTVE

"Aínda que había unha memoria da represión que xogaba na nosa contra, tamén había unha memoria da loita do pobo a prol da liberdade que xogaba ao noso favor e que axudaba a consolidar a democracia que tanto custara gañar

"Despois dirixinme ao Concello para falar co alcalde, Manolo Soto, e alí preocupoume a escasa mobilización que había na sede do Goberno municipal. Vin que non tiñamos capacidade ningunha de reacción nin de mobilizar a poboación", subliña, engadindo que "o medo histórico á represión do Franquismo xogou na nosa contra. A xente víase incapaz de enfrontarse ás forzas armadas. Esa era a correlación de forzas".

Con todo, Barros tamén subliña que aínda que “había unha memoria da represión que xogaba na nosa contra, tamén había unha memoria da loita do pobo a prol da liberdade que xogaba ao noso favor e que axudaba a consolidar a democracia que tanto custara gañar". “A democracia en 1981 era irreversible, agora vémolo claro. Pero nese momento non estabamos tan seguros”, di. Así mesmo, en relación á posibilidade dun 'golpe brando' que tamén estivo sobre a mesa nesas horas (por exemplo a través do Goberno 'de unidade nacional' proposto por Armada a Tejero), Barros alerta de que "os golpes brandos non existen. Os Golpes de Estado ou retroceden ou van para adiante, non hai punto medio. En Bolivia, por exemplo, o pobo conseguiu nos últimos meses que os golpistas retrocedesen, pero de ter triunfado algo así en España, os militares terían todo o poder".

"Se agora nos queixamos de que a memoria franquista está moi presente nos partidos de dereita e en sectores do Exército, imaxina o que era entón. Ata onde podía chegar a represión? Non o podemos saber. Podía acabar da peor maneira"

Nese senso, ve "como unha medida necesaria" a súa decisión e a de moitos outros de protexer a súa familia, agochándose noutro domicilio. "Tempo despois coñecemos as listas negras nas que figurabamos centos de demócratas galegos que podíamos ter sido obxectivo dos golpistas, un plan de represión de persoas significadas”. "Esas listas foron feitas por axentes ou ex axentes da Brigada Político-Social e en función de como se desenvolvese o Golpe, podían ter tido moitas consecuencias distintas. Se agora nos queixamos de que a memoria franquista está moi presente nos partidos de dereita e en sectores do Exército, imaxina o que era entón. Ata onde podía chegar a represión? Non o podemos saber. Podía acabar da peor maneira", di.

Barros destaca a incerteza que se viviu nas primeiras horas, ata a intervención do rei Juan Carlos I: "Claro que tiñamos dúbidas, porque estaba caladiño como un peto. Co tempo sóubose que tivo os seus contactos con Armada, e que tamén foi en parte responsable, ao aliñarse con el de forma crítica contra o Goberno daquel momento”. “Pero hai que recoñecer que ao final, despois de estar bailando entre varias posicións, decidiuse a apoiar a democracia e a súa intervención foi decisiva, porque había moitos capitáns xerais que nese momento estaban dubidando se apoiar o Golpe ou non”, destaca.

Manuel Monge: "A versión que se conta hoxe sobre o 23F é un conto de fadas"

Manuel Monge, mestre, era naquel momento militante de Esquerda Galega. Conta que pouco despois das seis da tarde pasou polo Concello da Coruña, como facía con frecuencia para traballar cos dous concelleiros da súa formación. "Fun falar con Manuel Rivas, que daquela era o responsable de prensa do Goberno municipal, e foi el o que me contou que un grupo de gardas civís acababa de entrar no Congreso. O primeiro que fixen foi ir á sede de Esquerda Galega para agochar as fichas dos militantes e o resto de documentación que podía ser comprometedora, que levamos a unha casa fóra da cidade", relata. Monge destaca que "aínda que a primeira reacción podía ser saír correndo, pensamos que había que dar unha mostra de firmeza dende o Concello e quedamos alí un grupo de militantes de Esquerda Galega apoiando ao Goberno municipal. Estivemos alí toda a noite".

"Pensamos que había que dar unha mostra de firmeza dende o Concello e quedamos alí un grupo de militantes de Esquerda Galega apoiando ao Goberno municipal. Estivemos alí toda a noite"

"Fixemos xestións, ademais, para que ao día seguinte se convocase un pleno extraordinario, como así se fixo", explica. Un pleno que, curiosamente, foi decisivo na aceleración da operación que desaloxou a Domingos Merino como alcalde de Coruña. "O pleno extraordinario amosou como estaban as posicións políticas na cidade nese momento. Presentouse unha moción que nun dos puntos rexeitaba o Golpe de Estado, pero que noutro punto manifestaba o apoio ao Rei Juan Carlos e á Monarquía. Merino dixo que el non podía votar a favor iso e iso acelerou a operación de UCD e PSOE para botalo da alcaldía", conta Monge.

Para Monge, "a versión que se conta hoxe sobre o 23F é un conto de fadas, trátanos como imbéciles, e iso non o digo eu, senón alguén tan pouco sospeitoso de radicalismo como Gonzalo Bareño, que o escribiu en La Voz de Galicia". "E iso é o que se vai representar este martes nos actos oficiais: que Juan Carlos I salvou a democracia e que temos que estar agradecidos", di. Monge destaca que "o 23F reforzou a monarquía". "Iso é o que se consegue cando tes un control absoluto dos medios de comunicación que che permite inverter o relato, creando a imaxe de que Juan Carlos salvou a democracia, cando a realidade é que estaba ao tanto do Golpe nos meses previos. O que pasou foi que o Golpe estaba previsto dun xeito distinto, e por iso o Rei finalmente se pronunciou en contra", sinala.

Monge salienta que o 23F amosou as consecuencias de manter aos sectores afíns á ditadura en posicións de poder, "un franquismo que segue aí e que non cesa"

Monge salienta que o 23F amosou as consecuencias de manter aos sectores afíns á ditadura en posicións de poder, "un franquismo que segue aí e que non cesa", apunta. Monge destaca que nos anos seguintes ao Golpe a influencia destes sectores na política española seguiu moi presente: "Meses despois aprobouse a LOHAPA, que buscou frear os procesos autonómicos, aínda que anos máis tarde o Tribunal Constitucional tivo que anular varios dos seus artigos. De igual xeito, acelerouse o ingreso de España na OTAN. E tampouco é casual o nacemento dos GAL pouco despois", comenta. E conclúe: "Botámonos as mans á cabeza cos recentes manifestos franquistas no Exército, pero a realidade é que levan aí 40 anos, porque eses sectores nunca foron retirados destes espazos".

Alfonso Armada © RTVE

Joám Facal: "As posicións eran ambiguas e houbo sorte de que caera a moeda pola parte que caeu"

"Eu concédolle moita importancia ao 23F e para nada concordo con aqueles que dende o presente afirman que todo estivo preparado para desenvolverse dese xeito. As posicións eran incriblemente ambiguas e houbo sorte de que caera a moeda pola parte que caeu"

Joám Facal, militante do Partido Obreiro Galego integrado en Unidade Galega, traballaba naquel momento en Sodiga, en Santiago e ía a viña todos os días á Coruña, onde vivía daquela. Lembra que "ese día saín do traballo e cando ía pola autoestrada escoitei a nova do Golpe de Estado. De inmediato, dirixinme á sede do partido e con algúns compañeiros, como Gonzalo Vázquez Pozo, que era concelleiro na Coruña, decidimos ir á Casa do Concello para pecharnos como exemplo de coraxe cívica e para animar á xente".

"Aquel día o franquismo ambiental que impregnaba todo estoupou nunha acción que pretendía ser unha volta atrás que, por outra parte, estaba cantada. Eu concédolle moita importancia ao 23F e para nada concordo con aqueles que dende o presente afirman que todo estivo preparado para desenvolverse deste xeito. As posicións eran incriblemente ambiguas e houbo sorte de que caera a moeda pola parte que caeu", destaca. "Aínda que creo que a medio prazo aquilo non podía durar e que os militares non poderían ter aguantado moito no poder, o certo é que aquilo que reviraba como o que pretendían os golpistas as persoas que estabamos nesa lista negra poderíamos ter sufrido graves consecuencias", di

"A ética política na esquerda era tremendamente esixente naqueles tempos e tiñamos claro que debíamos dar a cara"

"Xa antes do 23F eu recibía na casa chamadas de madrugada e recibía ameazas de morte, o que se conecta coas 'listas negras' que despois se coñeceron, e nas que apareciamos eu e os meus irmáns Xaquín e Ramón, ou o meu cuñado Camilo [Nogueira]. Evidentemente, eran un motivo de preocupación", subliña.

E conclúe: "A cultura democrática que tiñamos os militantes de esquerda era moi firme e tiñamos claro que debíamos dar a cara. Non lembro a ninguén de Esquerda Galega que fuxira, aínda que sería entendible. A ética política na esquerda era tremendamente esixente naqueles tempos. Para nós militar non era estar apuntado a un partido, era levar adiante unha transición cara a unha Galicia radicalmente diferente".

As 'listas negras' galegas do 23-F

Independentemente de que o intento de Golpe de Estado tivese máis ou menos forza ou máis ou menos posibilidades de éxito, o perigo para moitos e moitas militantes era claro, tendo en conta o odio que as súas ideoloxías espertaban na ultradereita e nos grupos abertamente franquistas que aínda mantiñan amplas posicións de poder no exército ou nas forzas de seguridade. Neses anos circulaban 'listas negras' de militantes de esquerda que eran considerados obxectivos a controlar por parte destes sectores. Anos despois do 23F o historiador Carlos Fernández publicou en La Voz de Galicia unha ampla lista duns 500 nomes, composta a partir das listas que manexaban estes grupos de ultradereita. 

Neses anos circulaban 'listas negras' de militantes de esquerda que eran considerados obxectivos a controlar por parte destes sectores golpistas. Uns 500 nomes galegos figuran nunha das máis coñecidas

A relación de nomes acompañábase dunha descrición (non sempre exacta) da súa militancia e dalgúns comentarios (moitas veces profundamente incorrectos) sobre a súa 'perigosidade'. Comunistas, socialistas, nacionalistas, militantes de partidos (dende o PCG, BNPG, MCG, ORT, PSG ou POG ata o PSOE ou mesmo o PG) e de sindicatos, activistas culturais, intelectuais ou profesores universitarios, todos eles constituían -pola súa visibilidade- unha primeira liña de obxectivos para os impulsores do Golpe de Estado.

Ofrecemos a 'lista negra', tal e como foi publicada (coas descricións orixinais que incluía para cada persoa), nunha táboa interactiva. Nela aparecen nomes tan recoñecibles como os de Xosé Manuel Beiras ("Profesor de la U de Santiago, nacionalista radical, posee armas, ha ayudado a terroristas del Grapo, de gran predicamento entre la masa estudiantil"), Camilo Nogueira ("Ingeniero, profesor de Universidad, nacionalista radical"), Xosé Luís Méndez Ferrín ("Profesor y escritor de Vigo, partidario de la lucha armada, ideólogo del Grapo y de la UPG, de gran predicamento entre la juventud, posee armas. Muy peligroso"), Xesús Alonso Montero ("Comunista radical. Profesor de Instituto en Vigo") ou os nosos tres entrevistados, como Carlos Barros ("Perito industrial, comunista vigués, posee armas"). 

Na lista é recorrente a mención á "perigosidade" dalgún dos militantes de esquerda ou referencias á posesión de armas, máis que dubidosa nos máis dos casos

Na lista é recorrente a mención á "perigosidade" dalgún dos militantes de esquerda ou referencias á posesión de armas, máis que dubidosa nos máis dos casos. Destacan tamén algunhas referencias a dirixentes políticos do momento, como o alcalde vigués Manuel Soto ("Alcalde socialista de Vigo, ha organizado un verdadero soviet en el Ayuntamiento, tienen depósito de armas explosivos").

'Nube de palabras' das 'descricións' das persoas sinaladas na lista negra ©

Na lista as palabras máis repetidas son 'socialista', 'comunista', 'nacionalista' ou 'CC.OO.

En conxunto, as descricións coas que aparecen as persoas 'sinaladas' nestas listas negras amosan aquelas ideoloxías e actividade que os golpistas máis odiaban e tiñan no seu punto de mira. Entre as palabras máis repetidas figuran 'socialista', 'comunista', 'nacionalista', 'CC.OO.', ademais de 'dirixente' e 'militante', pero tamén 'profesor', 'metalúrxico', 'construción', 'escritor', 'Astano', 'mestre', 'obreiro' ou 'galeguista'. Todo aquilo que o 23F perseguía e buscaba atacar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.