Domingos Merino: a derruba dun alcalde e dun modelo de cidade

Domingos Merino, en María Pita © Homenaxe a Domingos Merino

O 26 de febreiro de 1981 Domingos Merino presentou a súa dimisión como alcalde da Coruña, sendo substituído un mes máis tarde por Joaquín López Menéndez (UCD). Dous anos despois, o 8 de maio de 1983, Francisco Vázquez gañaba as eleccións municipais con maioría absoluta, dando inicio aos seus 23 anos de goberno. O cambio de rexedor que tivo lugar hai 36 anos foi tamén un cambio no modelo de cidade e que hai que analizar nun contexto de fortes presións que empregaron como instrumento o sentimento localista ligado ao debate sobre a capitalidade pero que tiñan na súa base outro tipo de conflitos, nos que determinados intereses económicos e o deseño urbanístico da cidade foron claves. Nos últimos días moitos e moitas tiveron na cabeza, ante a moción de confianza á que se someteu Xulio Ferreiro, a caída de Merino

Monge: "As forzas e poderes fácticos da Coruña asustáronse porque despois de corenta anos de total dominio económico e social, viron como se poñía en perigo o seu poder, tanto no político como en aspectos tan relevantes como o urbanismo"

"As forzas e poderes fácticos da Coruña asustáronse porque despois de corenta anos de total dominio económico e social, logo de décadas poñendo e quitando alcaldes, viron como se poñía en perigo o seu poder, tanto no político como en aspectos tan relevantes como o urbanismo", relataba Manuel Monge hai dous anos en conversa con Praza sobre o proceso de derruba de Merino. "Para os sectores instalados no poder era un ser estraño, un elemento a bater porque representaba á Coruña máis popular, máis creativa e máis culta", destacaba tamén Xurxo Souto.

 

A derruba

A caída de Merino foi tamén acompañada dunha constante campaña de ataques e desprestixio impulsada por grupos de poder locais e os dous xornais da cidade

A caída de Merino veu propiciada pola retirada do apoio que ata ese momento -en virtude dos Pactos do Hostal que os partidos de esquerda asinaran tralas eleccións municipais de abril 1979- lle viñeran prestando o PG e o PSOE e hai que contextualizala na debilidade dos apoios do rexedor (unha fragmentada UG contaba con 5 concelleiros de 27, máis o apoio dos dous edís do PCG e -con matices- dos dous representantes do BNPG). Porén, foi tamén acompañada dunha constante campaña de ataques e desprestixio impulsada por grupos de poder locais e os dous xornais da cidade: La Voz de Galicia (sobre todo) e El Ideal Gallego (no último momento). 

Merino: "O acoso empeza dende o momento da toma de posesión"

O propio Merino sinalou nunha entrevista publicada en 2005 por Vieiros que "o acoso empeza dende o momento da toma de posesión. Ademais, a oposición encontrou un tema: a capitalidade, aínda que máis que encontralo buscouno, para dar renda solta á vía da demagoxia. Atopou un filón e enganchouse a el, unha parte do PSOE enganchouse a iso, a presentar como incompatible A Coruña con Galicia". De feito, só unha semana despois da súa toma de posesión, o 26 de abril, convocouse no Pazo dos Deportes un acto a prol da capitalidade da Coruña. A pesar de que a defensa de que a cidade herculina debía ser a capital de Galicia era común a case todos os partidos na cidade (tamén na esquerda e en varias das formacións nacionalistas), esta convocatoria estaba liderada polos sectores máis conservadores e antiautonomistas, algúns directamente franquistas.

Durante os meses seguintes mantívose a presión, aproveitando o tema da capitalidade pero tamén outros, coma a retirada dos símbolos relixiosos no seu despacho ou a súa presenza ou non en actos confesionais

En Vieiros Merino afirmaba que non acudiu ao acto "porque considerei que realmente non estaba encamiñado á defensa da capitalidade, senón intentando presentar unha suposta incompatibilidade da Coruña con Galicia. E en realidade era un ataque ó proceso de consecución do autogoberno para Galicia. Así que non fun. Puiden ir alí e converterme nun deses alcaldes populistas. Puiden facer ese papel, pero a min repugnábame". Quen si cumpriu á perfección ese papel populista foi Francisco Vázquez, que mesmo apareceu en muletas e cunha perna escaiolada logo dun accidente, incrementando o dramatismo da situación. Vázquez, González Dopeso e Begoña Bonet (presidenta da Asociación de Amas de Casa da Coruña) foron os protagonistas dun acto que serviu basicamente para atacar o goberno preautonómico de Rosón e a Merino, de quen se pediu a dimisión.

“El cambio es urgente. El vergonzoso espectáculo acaecido durante el Pleno del viernes es una muestra del progresivo deterioro de la actividad municipal", reclabama La Voz de Galicia en xaneiro de 1981

Durante os meses seguintes mantívose a presión destes sectores e tamén da prensa local, aproveitando o tema da capitalidade (a pesar de que Merino si participou en manifestacións a prol desta postura, coma a que tivo lugar o 22 de xuño de 1979) pero tamén outros, coma a retirada dos símbolos relixiosos no seu despacho ou a súa presenza ou non en actos confesionais, coma a procesión da virxe do Rosario. A presión incrementouse a partir de xaneiro de 1981. Despois dun accidentados pleno no que PSG, POG e BNPG presentaron unha moción para rexeitar a sanción imposta a unha mestra de Dices-Rois por impartir as súas clases en galego, a prensa local denunciou o que consideraba "caos" na vida municipal. La Voz de Galicia pedía ao día seguinte a dimisión de Merino nunha información con ton editorial que afirmaba: “El cambio es urgente. El vergonzoso espectáculo acaecido durante el Pleno del viernes es una muestra del progresivo deterioro de la actividad municipal” e que “Se tocó fondo ya y ahora habrá que elegir entre permanecer en ese fondo o intentar regresar a la superficie (...) Hay que soltar todo el lastre”. 

Días despois, o 3 de febreiro, os grupos municipais de UCD, PSOE e CD solicitaron formalmente a dimisión do alcalde (o que levou a PCG, POG, PSG e PG a solicitar una xuntanza urxente dos asinantes do Pacto do Hostal), nunha campaña que día a día se intensificaba e que utilizaba, sobre todo, as páxinas de La Voz de Galicia. Nas súas informacións, o xornal mesmo elevaba a categoría de noticia cuestións anecdóticas coma unha gripe que o rexedor sufriu durante un par de días: “su afección gripal va evolucionando favorablemente, si bien persiste todavía el estado febril”, publicou o xornal. Ou, por exemplo, nunha entrevista sen asinar que La Voz lle realizou nesas datas a Merino na súa casa, o diario destacaba que o alcalde se atopaba en “bata de cuadros” e sobre os seus libros dicía que “la mayor parte de ellos en gallego, algunos en portugués y francés y pocos en castellano. Estos eran de temas políticos, desde El Capital hasta una biografía de Stalin”.

Foi o 23F o que precipitou definitivamente os acontecementos na Coruña

O 22 de febreiro o foco político local parecía mudar un chisco, ao coñecerse que fora suspendida de militancia toda a agrupación do PSOE da Coruña, que vivía neses días un intenso conflito interno. Porén, foi o 23F o que precipitou definitivamente os acontecementos na Coruña. Tras o fracaso do Golpe de Estado, convocouse un pleno no que se presentou unha moción de condena da acción de Tejero e de apoio ao Rei e á Constitución. Domingos Merino abstívose, o que provocou unha inmediata reacción na prensa local. La Voz de Galicia titulaba na súa portada que "El alcalde de La Coruña se abstuvo de manifestar su respeto y adhesión al Rey, a la Constitución y al Parlamento". E El Ideal Gallego escribía nun editorial que “no merece el calificativo de demócrata ni ostenta con legitimidad moral ni política un cargo público (...) el señor Merino, con su partido, ha entrado en un cúmulo de contradicciones que hacen incomprensible su permanencia en la Alcaldía (...) que se abtenga también de su cargo: que dimita”. Ao día seguinte Merino presentou a súa dimisión.

Neses momentos, tan significativos coma os ataques da prensa e dos lobbys locais a Domingos Merino eran as gabanzas a Francisco Vázquez

Neses momentos, tan significativos coma os ataques da prensa e dos lobbys locais a Domingos Merino eran as gabanzas a Francisco Vázquez. Tres días despois da dimisión do rexedor, El Ideal Gallego publicaba unha extensa entrevista co líder socialista, titulada "Francisco Vázquez, a tumba abierta. La Coruña se juega ahora su futuro". Nela, Vázquez afirmaba que "La ciudad ha sido vejada y humillada por la posición política del alcalde", que "Merino no supo estar a la altura de las circunstancias", que "El PSG mantiene posturas similares a Herri Batasuna, desestabilizadoras y amenazadoras para la democracia y la libertad" e que "El Ayuntamiento no tiene que tratar el aborto, el divorcio, ni farrapos de gaita". Dous días despois, o xornal publicaba un artigo de opinión de Enrique de Arce no que o xornalista se referia á entrevista e que define moi ben o ambiente creado ao redor de quen dous anos máis tarde acabou gañando as eleccións con maioría absoluta: “Por fin un líder socialista coruñés se ha definido con rotundidad sobre la crisis municipal. Ya era hora (...) Francisco Vázquez habla como un político y un ciudadano plenamente consciente de los problemas más importantes que padece España en general y La Coruña en particular (...) aún es tiempo de enderezar el camino”.

 

De Merino a Vázquez

As eleccións de 1983 outorgáronlle a Francisco Vázquez a maioría absoluta (14 de 27 concelleiros)

Menéndez, o alcalde urbanista (como se definira a si mesmo na campaña de 1979), non deixou nos seus dous anos de xestión unha gran pegada na cidade. Gobernaba en minoría e polo camiño UCD acelerou o seu proceso de esfarelamento. Menéndez acabou tamén deixando a formación, despois de que os ucedeos galegos aprobasen oficialmente unha posición favorable coa escolla de Santiago como capital. As eleccións de 1983 outorgáronlle a Francisco Vázquez a maioría absoluta (14 de 27 concelleiros), tras uns meses marcados polo debate sobre a capitalidade (Vázquez abandonara a secretaría xeral do PSdeG-PSOE pola aposta socialista por Compostela). Coalición Popular (8 edís) e La Coruña Unida (5) completaron unha corporación da que PCG, EG, BNPG e PSG quedaron fóra.

Ese día deron comezo os case 23 anos de goberno de Vázquez na cidade, ata que en febreiro de 2006 -entre numerosas acusacións de corrupción e procesos abertos- foi enviado como embaixador ao Vaticano. 23 anos que estableceron un determinado modelo de cidade, comezando polo urbanismo, os grandes centros comerciais e os aparcamentos subterráneos. Vázquez impuxo con tanta eficacia este modelo que mesmo puido chegar a parecer que non había alternativa. Unha xestión que tamén foi quen de ocultar, a través de determinadas accións cosméticas e éxitos parciais no social e no cultural, a exclusión dunha parte importante da poboación. 

Monge: "Chegou Vázquez, que era o candidato do capital, da Igrexa e do poder económico, e o primeiro que se fixo foi dar por finalizado o proxecto urbanístico que pretendía evitar a especulación; logo pasou o que pasou e chegaron os atropelos que todos puidemos ver"

"Chegou Francisco Vázquez, que era o candidato do capital, da Igrexa e do poder económico, e o primeiro que se fixo foi dar por finalizado o proxecto urbanístico que pretendía evitar a especulación; logo pasou o que pasou e chegaron os atropelos que todos puidemos ver", contaba Manuel Monge en 2014. A peculiar versión de socialismo á coruñesa representada por Vázquez tivo a súa mellor expresión na polémica aprobación, en 1984, do Plan Xeral de Urbanismo, que mesmo provocou a dimisión de tres concelleiros do PSdeG-PSOE, compensada polo apoio dos edís de AP a esta planificación ao gusto de construtores e promotores inmobiliarios e que definiu o deseño da cidade nas décadas seguintes.

A peculiar versión de socialismo á coruñesa representada por Vázquez tivo a súa mellor expresión na polémica aprobación, en 1984, do Plan Xeral de Urbanismo, que mesmo provocou a dimisión de tres concelleiros do PSdeG-PSOE

Na lexislatura anterior, durante a alcaldía de Merino, o avogado Rafael Bárez -lider do PCG na cidade e concelleiro de Urbanismo- foi o encargado de redactar un plan que buscaba evitar algúns dos despropósitos desarrollistas e especulativos que se viñeran producindo na cidade nos anos sesenta e setenta, afirmando un urbanismo responsable e sostible para as décadas seguintes, e creando a estrutura para un funcionamento axeitado da ampla área metropolitana coruñesa. A aprobación do plan foi continuamente obstaculizada e adiada por unha parte da corporación (entre eles os edís do PSOE), con presións moi importantes de certos poderes locais e empresas, que nunca viron con bos ollos unha norma que acoutaba as súas actuacións e os seus beneficios, uns poderes locais que atoparon a partir de 1983 unha composición do pleno municipal máis favorable aos seus intereses.

"Están sendo tratados como interlocutores privilexiados sectores vinculados á especulación urbanística, mentres se rexeita todo diálogo coas asociacións veciñais e outros colectivos", alertaban os tres edís que dimitiron

Os tres edís socialistas dimisionarios denunciaban (como podemos ler nas crónicas publicadas en El País o 3 de outubro e o 11 de novembro de 1984) que as condicións de licitación para a construción e explotación de oito grandes aparcamentos subterráneos "fixéronse á medida dunha grande empresa [Dragados y Construcciones], coa que xa mantiveron contactos membros do goberno municipal". Alertaban, igualmente, que “a edificabilidade no centro sufriu incrementos entre o 40% e o 50%, considerando que "están sendo tratados como interlocutores privilexiados sectores vinculados á especulación urbanística, mentres se rexeita todo diálogo coas asociacións veciñais e outros colectivos". No marco desta ordenación urbanística leváronse a cabo polémicas actuacións, coma a instalación de El Corte Inglés na Cubela, que remataron nos tribunais.

Adxudicacións directas, favoritismos a determinadas empresas ou grupos de poder na cidade, un grande incremento da débeda municipal foron denunciadas na primeira lexislatura de Vázquez por un movemento veciñal que nos anos seguintes perdeu forza, capacidade crítica e representatividade e pola esquerda e o nacionalismo que naquel momento non contaba con representación no Concello. O modelo de cidade construído polo Vazquismo e continuado polo Goberno de Negreira entre 2011 e 2015 (e con matices polo de Losada entre 2006 e 2011) opacou e ocultou en certa maneira esa outra A Coruña proposta por Domingos Merino nesa primeira lexislatura e que nos anos seguintes buscou facer oír a súa voz. 

O modelo de cidade construído polo Vazquismo ocultou en certa maneira esa outra A Coruña proposta por Merino na primeira lexislatura e que nos anos seguintes buscou facer oír a súa voz

"A Coruña ten que ser un faro para Galicia, algo do que todos os galegos nos sintamos orgullosos (...) O Concello ten que ser a casa de todos e todos os cidadáns deben ter a posibilidade de participar na política municipal" destacaba Merino no seu primeiro discurso como alcalde, unha intervención que foi moi sinalada por Xulio Ferreiro na súa propia investidura ("comeza, hoxe como aquel día, unha nova época (…) Porque hoxe a Praza entrou por fin no Pazo. E oxalá non saia nunca máis"). Dúas formas moi distintas de entender e de construír a cidade, como sinalaba Xurxo Souto lembrando o Goberno de Merino, tan distinto aos que viñeron despois: "A Coruña sempre tivo esa pulsión creativa que lle dá a súa propia natureza, o feito de estar chantada no Atlántico coma se fose un barco, pero tamén esa outra alma provinciana, gris, escura e un tanto elitista". Dúas Coruña que existiron en paralelo e aínda coexisten.

Manifestación en defensa da capitalidade, 21 de xuño de 1979 Dominio Público Homenaxe a Domingos Merino
Unha das dúas fotografías que Merino lle regalou a Xulio Ferreiro © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.