Tras recibir denuncias de varios colectivos a Fiscalía Superior de Galicia remite o caso á do Supremo por afectar a persoas aforadas
O pasado marzo a nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Azucena Recio, decidiu trasladar á forza a dous dos catro membros da sección terceira que viñan analizando cuestións como a legalidade dos parques eólicos ou diversos contratos da Xunta. Luís Villares, que fora voceiro da desaparecida En Marea, e Dolores López, quedaron así apartados deses casos tras meses de presións por parte do PPdeG contra os seus autos e sentenzas críticos coa xestión da Xunta.
Contra esa decisión protestou a asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia e diversos colectivos presentaron denuncias ante a Fiscalía Superior de Galicia, que agora vén de remitir o caso á Fiscalía do Tribunal Supremo por afectar a persoas aforadas.
Colectivos da coordinadora Eólicos Así Non ou a CIG denunciaron ante a Fiscalía por posible prevaricación a decisión de apartar a Villares e López. Ante esas denuncias, o 21 de maio a Fiscalía Superior de Galicia incoou "dilixencias de investigación preprocesuais por se os feitos denunciados fosen constitutivos de delito de prevaricación".
A Fiscalía Superior de Galicia incoou "dilixencias de investigación preprocesuais por se os feitos denunciados foran constitutivos de delito de prevaricación" e agora deixa o caso en mans da Fiscalía do Supremo
A denuncia vai dirixida contra a presidenta da Sala do Contencioso do TSXG e contra a Sala de Goberno do mesmo tribunal. Son cargos, como maxistrados do TSXG, que teñen a condición de aforados ante o Tribunal Supremo, polo que segundo a Fiscalía as investigacións preprocesuais sobre eles compete ao departamento do ministerio fiscal que deba actuar ante o órgano xudicial competente por aforamento. Isto é, a investigación preprocesual sobre as denuncias compete á Fiscalía do Tribunal Supremo.
Ante esta situación, a Fiscalía Superior de Galicia vén de acordar, nun decreto con data do 29 de maio, inhibirse "a favor da Fiscalía do Tribunal Supremo, remitíndose as denuncias e documentación achegada, para os efectos procedentes".