O afastamento forzoso do maxistrado Luís Villares e da maxistrada Dolores López fóra da sección da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalía cuestións coma os parques eólicos ou contratos da Xunta foi a gran cuestión política deste pasado mércores en Galicia. Foino tras transcender a través de medios como a Cadena SER ou Praza.gal e foino aínda que o PP optou por un baixísimo perfil público ao respecto despois de ser nos últimos anos o principal protagonista de duras críticas públicas contra Villares, ligando abertamente as súas decisións como maxistrado co seu pasado como voceiro da desaparecida En Marea.
Olalla Rodil (BNG) ve "evidente" que "o poder das eléctricas e os tentáculos do PP na xudicatura son cada vez máis extensos"
O "inusual" movemento suscitou unha ampla crítica dende a asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia. O colectivo xudicial progresista do que Villares é parte e do que foi coordinador en Galicia ve comprometida a "independencia xudicial" cuns traslados que van afectar "directamente" aos "criterios" dunha Sala que "atende materias de moita transcendencia mediática e social". "Suscita serias dúbidas de que iso non estea na intención da decisión", coidan. E os receos agromaron tamén nun sentido semellante nos grupos que conforman a actual oposición parlamentaria.
A través da súa vicevoceira na Cámara, Ollala Rodil, o BNG adheriuse ao dito por XpD. "Estamos diante dunha decisión absolutamente arbitraria, inxustificada e que compromete a independencia xudicial", coida. Porque non se trata de mudar a posición "dun xuíz en concreto", senón de "cambiar a Sala Terceira" do Contencioso-Administrativo, "movendo o seu posto sen xustificación a persoas que estaban desenvolvendo o seu traballo con absoluta normalidade".
Patricia Iglesias (PSdeG) expresa "preocupación" ante a alerta de Xuíces para a Democracia por unha "mobilidade forzosa" que non é "normal" e subliña que "o caos eólico ten un responsable, o Goberno galego"
Para a parlamentaria nacionalista as razóns esgrimidas pola nova presidenta da Sala para o traslado de Villares -"salvagardar a aparencia e a realidade da imparcialidade" tras as sentenzas sobre o IBI do hospital Álvaro Cunqueiro anuladas polo Supremo ao considerar parcial a Villares- agochan outras. Ve "evidente" que "o poder das eléctricas e, sobre todo, os tentáculos do PP na xudicatura son cada vez máis extensos".
Tamén o PSdeG amosa "preocupación" ante a análise do sucedido divulgada por Xuíces e Xuíces para a Democracia, "que manifesta que pode verse afectada a independencia xudicial", resalta a deputada socialista Patricia Iglesias. O advertido nese comunicado de XpD "esixe unha explicación, porque se adoptou unha decisión de mobilidade forzosa de tres maxistrados cando o normal é respectar as mobilidades voluntarias por concurso de méritos". Resalta Iglesias que sucede, ademais, nunha sección Terceira que "coñece de eólicas, pero tamén de asuntos dunha alta especialización coma o sector industrial, mineiro, transparencia e contratación pública".
Co pano de fondo das críticas do PP a Villares, responsabilizándoo da "parálise" do sector eólico galego, Iglesias reitera que existe "caos eólico", se ben "ten un responsable, o Goberno galego, que logo de 17 anos non ten planificación dun sector estratéxico para Galicia", senón que actúa con "bandazos e máis bandazos, improvisacións continuas" que levaron o país a pasar "de primeiro a quinto en potencia instalada" no conxunto do Estado. Neste sentido, subliña Iglesias a "incuestionable aposta polas renovables" do PSdeG, "para loitar co ntra o cambio climático e ser máis competitivos cos prezos da enerxía", máis aínda en contextos coma o actual, marcado polas consecuencias "da guerra ilegal en Oriente Medio".