O novo plan eólico anunciado por Rueda hai un ano tras 15 de renuncia non está nin contratado

A contratación do novo Plan Eólico, adiado desde 2009 e prometido por Rueda hai agora un ano, está suspendida por recurso CC-BY-SA Praza Pública

A nova planificación para desbloquear o sector fora comprometida por lei por Feijóo en 2009 e o actual presidente rescatouna hai un ano, pero o concurso público para encargala está recorrido e non estará rematada cando menos ata 2028

O 8 de outubro do pasado ano, logo de 15 anos sen cumprir co establecido por lei por Feijóo en 2009, o presidente Rueda anunciou no Parlamento que a Xunta por fin ía iniciar a elaboración dun novo Plan Eólico, o documento que di onde e como se poden instalar aeroxeradores. Pero un ano máis tarde o Goberno galego aínda nin contratou a elaboración do documento, co que pretendía paliar a parálise do sector. 

O concurso público foi adxudicado aínda a finais de agosto, pero un ano despois do anuncio do presidente o contrato non puido ser formalizado porque o proceso está suspendido por un recurso da empresa que quedou en segunda posición. A resolución do recurso "pódese demorar polos prazos legais en torno a dous meses", segundo a Xunta, e cando se desbloquee a contratación non se prevé que estea aprobado ata cando menos finais de 2028. 

En 2009 a lei coa que Feijóo anulou ilegalmente o concurso eólico do anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG apostou por elaborar unha nova planificación para o sector. O seu artigo 1 dicía expresamente que a lei "ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan sectoria eólico de Galicia". Iso nunca ocorreu e o plan que actualmente di onde se pode ou non instalar un parque eólico data de hai máis de dúas décadas, foi aprobado sen avaliar o seu impacto ambiental (avalíase cada parque, pero non o conxunto) e a Xunta habilitou excepcións para poder autorizar aeroxeradores fóra das áreas nel delimitadas se os considera estratéxicos.

Neste contexto o 8 de outubro do pasado ano Rueda anunciou o inicio da elaboración do novo plan eólico. Pero o concurso público para a súa redacción non o lanzou ata máis de tres meses despois, en xaneiro. A el presentáronse tres ofertas e a mellor valorada resultou ser a máis barata, a dunha unión temporal de empresas conformada por Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia. Tan barata é -450.000 euros, máis IVE, uns 100.000 menos que as outras dúas- que tivo que xustificar os seus custos e a viabilidade da súa proposta.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE) e as zonas de Rede Natura 2000 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Esa oferta lograría aforrar tempo, segundo as súas xustificacións, empregando "tecnoloxías avanzadas nos procesos de obtención, tratamento e análise de grandes volumes de datos", entre elas "modelos de Intelixencia Artificial xenerativa". A intelixencia artificial permitirá "a redución do número de horas de traballo manual" cunha "diminución do 40% do tempo dedicado a transcricións", "automatización do 70% de procesos de análises de datos cuantitativos", "eliminación de tarefas repetitivas (como a construción manual de visualizacións e táboas)" ou "identificación de patróns e relacións complexas mediante análises de redes non detectables con métodos convencionais".

A empresa mellor valorada para redactar o novo plan eólico quere usar IA para aforrar tempo, segundo consentiu a mesa de contratación malia as dúbidas sobre a súa viabilidade

Esas explicacións foron analizadas nun informe encargado pola mesa de contratación a un enxeñeiro da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas que amosou as súas dúbidas porque "a maior parte dos expedientes que obran en poder da Administración, pola súa antigüidade e extensión, non se atopan dixitalizados, polo que o uso das tecnoloxías citadas pode resultar limitado e condicionado por esta situación". 

O informe tamén advertiu de que a diagnose da situación actual previa á elaboración do novo plan eólico "require da realización dun traballo de campo por parte de persoal experto, dificilmente substituíble pola utilización das tecnoloxías citadas, con tarefas posteriores "de carácter predominantemente intelectual (non automatizable)". Porén, o informe concluíu que non podía establecer "que Arenal non poda realizar o servizo" coa súa proposta.

Informe con dúbidas sobre o uso de intelixencia artificial na elaboración do novo plan eólico de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A mesa de contratación rematou validando a proposta da UTE Arenal-Territoria-Atalaya Eólico Galicia como "a mellor oferta para a administración" e o 22 de agosto quedou adxudicado o contrato. Porén, un mes máis tarde a Xunta deixaba constancia na súa plataforma de contratación de que o a formalización do contrato quedara suspendida pola interposición dun recurso. E así segue. Segundo a Consellería de Economía e Industria, presentouse un recurso por parte da empresa que obtivo a segunda maior puntuación, "algo que, neste tipo de contratos, é habitual". A consellería agarda "que se resolva canto antes, pero pódese demorar polos prazos legais en torno a dous meses".

Cando comece a elaboración do plan, a Xunta vai dar máis voz a empresas que aos colectivos sociais

Cando se resolva o recurso e se formalice o contrato -ou haxa que volver atrás no procedemento porque así se estableza- aínda deberán comezar os traballos, que serán complexos cun prazo de execución de dous anos e 10 meses. A Xunta prevé varias consultas aos sectores interesados, nun proceso no que xa avanzou que dará máis voz ás empresas que aos colectivos sociais. Do mesmo xeito, a Xunta tamén admitiu que o novo plan eólico non estará aprobado definitivamente cando menos ata finais de 2028. 

Rueda na comparecencia no Parlamento o 8 de outubro de 2024 na que anunciou o novo Plan Eólico aínda non contratado CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.