O Tribunal da UE valida os prazos dos eólicos, que seguirán parados ata que o TSXG avalíe cada un

O Tribunal da UE valida os prazos dos eólicos, que seguirán parados ata que o TSXG avalíe cada un CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza comunitaria acepta que as consultas ao público interesado se fagan sen contar aínda con todos os informes sectoriais, pero ducias de eólicos seguirán paralizados cautelarmente en Galicia por outro motivo, o risco de que o seu dano sexa irreversible

O Tribunal de Xustiza da UE valida os tempos que viñan empregando as administracións públicas españolas, entre elas a Xunta, para tramitar as avaliacións ambientais de todo tipo de proxectos con impacto no territorio, entre eles os parques eólicos. Así o vén de facer nunha sentenza na que dá resposta a unha cuestión prexudicial formulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que quería que o tribunal europeo aclarase se é correcto que a Xunta estea a expoñer ao público ducias de parques eólicos antes de dispoñer de todos os informes sectoriais das diversas administracións implicadas, que non poden así ser consultados pola cidadanía interesada en formular alegacións. 

Segundo o tribunal europeo, a normativa comunitaria "non se opón" a que as administracións e departamentos sectoriais implicados sexan consultados "ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este teña dereito a formular posteriormente" máis alegacións.

Sede do Tribunal de Xustiza da UE, en Luxemburgo © TXUE

A sentenza do Tribunal da UE avala así a interpretación que sobre esa cuestión xa fixo o Tribunal Supremo español, favorable á actuación da Xunta. Porén, non supón o desbloqueo de ducias de parques eólicos que o Tribunal Superior de Galicia mantén paralizados de xeito cautelar por outra cuestión, o seu posible risco ambiental se comeza a súa construción antes de que a propia xustiza avalíe se a administración os autorizou de xeito correcto.

Na loita xudicial e política polo xeito en que se está a desenvolver o sector eólico o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén amosando unha postura garantista dos valores ambientais en xogo e dos dereitos da cidadanía fronte aos intereses económicos das empresas e as políticas de impulso das enerxías renovables. 

O conflito sobre o que agora se pronuncia o Tribunal da UE iniciouse coa decisión do TSXG de anular en xaneiro de 2022 a autorización que a Xunta deu a un parque eólico en Corme. O tribunal galego censurou que a Xunta reducira de 30 a 15 días o prazo de exposición ao público do proxecto e que esta se realizase antes de que a Xunta obtivese todos os informes sectoriais necesarios, o que impedía a súa consulta pola cidadanía.

Segundo a visión do TSXG eses informes de todas as administracións implicadas "teñen que obterse antes do trámite de información pública" e nese caso foran tramitados "ao mesmo tempo", polo que a poboación interesada non puido "exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban" sobre o "contido, extensión e definición do proxecto".

Porén, en decembro de 2023 o Tribunal Supremo revogou aquela sentenza do TSXG e non só avalou os 15 días de exposición ao público senón tamén que esta se fixese sen contar aínda cos informes sectoriais. Segundo o alto tribunal, a lexislación europea "non indica exactamente a ensamblaxe entre estes trámites" e "non impón expresamente que o trámite de consultas ás autoridades se efectúe necesariamente antes do trámite de información pública para incluír nel a información que de aquelas se obteña".

Pero tras esa sentenza do Supremo, en marzo de 2024, a raíz doutra causa sobre outro parque eólico -neste caso A Raña III, en Mazaricos, recorrido pola asociación Petón do Lobo- o TSXG decidiu preguntar ao Tribunal da UE se a interpretación do Supremo é correcta de acordo coa normativa europea, a Directiva 2011/92/UE.

O Tribunal da UE confirma, en liña co que defendían Xunta e Estado, que a directiva comunitaria "non se opón" a que os informes sectoriais sexan obtidos "ao mesmo tempo" que a consulta ao público interesado, "sen que este teña dereito a formular posteriormente" máis alegacións

A Xunta -e o Estado que a secundou despois, xa que a cuestión non só afectaba aos eólicos galegos senón a todo proxecto con impacto no territorio en toda España- consideraron que, en liña co pronunciamento do Supremo, a directiva europea "ofrecía aos Estados membros diversas opcións procedimentais sobre o momento no que se terían que realizar a información pública e as consultas ás autoridades", o que ao seu ver se respectou na lei estatal de 2013 que traspuxo a norma comunitaria.

Porén, o TSXG argumentou que o mandato da directiva europea aos estados membros "é claro: teñen que garantir que os principais informes sectoriais se poñan a disposición dos interesados para que poidan exercitar o dereito [...] de formular as súas alegacións con anterioridade á toma da decisión de efectos ambientais".

Así que a cuestión a análise por parte do Tribunal da UE foi se o público interesado debía dispoñer durante o seu prazo de alegacións de todos os informes sectoriais ou este poden ser obtidos ao mesmo tempo. Segundo a sentenza lida este venres no Tribunal da UE, a directiva europea "debe interpretarse no sentido de que non se opón" a unha normativa dun estado membro, como a española, que permita que "as autoridades que poidan estar interesadas nese proxecto debido ás súas competencias sexan consultadas ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este último teña dereito a formular posteriormente ante as autoridades competentes as súas observacións ou opinións sobre os ditames emitidos polas autoridades consultadas".

Aeroxeradores nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

Porén, á marxe deste debate o TSXG ten paralizados cautelarmente ducias de parques eólicos en toda Galicia por outra cuestión xurídica, o periculum in mora, ou posible risco de que a súa construción mentres a xustiza analiza os seus permisos provoque situacións irreversibles se finalmente hai sentenzas firmes contrarias a eses parques. Así, esas ducias de parques están paradas temporalmente mentres o tribunal non analiza o fondo da cuestión sobre se a Xunta analizou correctamente os seus impactos ambientais. 

De feito, tamén o Supremo paraliza cautelarmente parques de competencia estatal polo seu posible risco mentres analiza o fondo do asunto sobre se o Goberno de España avaliou correctamente o seu impacto. Unha cuestión distinta aos tempos de tramitación e obtención dos informes sectoriais agora avalados polo Tribunal da UE, que non levanta as suspensións cautelares ditadas nos últimos meses. Suspensións cautelares que están sendo tamén avaladas polo Supremo e sobre as que o Goberno de España quere establecer que non corran os prazos que teñen as empresas para lograr as súas autorizacións definitivas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.