Como o TSXG, o alto tribunal estatal tamén emite autos con resultado dispar sobre un mesmo parque eólico porque en cada un valora argumentos distintos esgrimidos por recorrentes distintos
O 2 de abril o Tribunal Supremo emitiu un auto no que acordou paralizar cautelarmente o parque eólico Moeche. Cinco días despois, o 7 de abril, o mesmo Tribunal Supremo emitía outro auto no que rexeitaba outra petición para paralizar cautelarmente o mesmo parque. O resultado efectivo é que o parque eólico queda paralizado xa que os autos non son contraditorios senón que o tribunal se pronuncia en cada un deles sobre peticións distintas de paralización formuladas por recorrentes distintos que esgrimen argumentos distintos.
O que fai o Supremo, como vén facendo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), é darlles a razón a uns pero non a outros segundo a súa capacidade de argumentar e probar o que defenden. Neste caso, que o dano ecolóxico esgrimido por unha asociación ecoloxista pode ser irreversible mentres que o posible dano económico a unha explotación agrogandeira tamén recorrente contra o eólico pode ser resarcible. Uns argumentos e probas que aínda deberán ser analizados en detalle cando o tribunal entre no fondo da cuestión, xa que a decisión agora tomada é só cautelar, para evitar males maiores.
O parque eólico Moeche foi autorizado hai uns meses polo Goberno de España, o competente para instalacións de máis de 50 MW e cuxas decisións son supervisadas xudicialmente polo Tribunal Supremo -os de menor potencia son autorizados pola Xunta e o órgano xudicial competente é o TSXG-. Contra esa autorización interpuxéronse varios recursos pedindo non só a anulación do permiso por considerar que se outorgara de xeito irregular senón tamén a paralización cautelar do parque mentres o tribunal non decide sobre o fondo da cuestión.
O 2 de abril a sección quinta da sala terceira do Supremo, composta por sete xuíces, resolveu sobre a paralización cautelar solicitada pola asociación Petón do Lobo e decidiu outorgala. Ese auto desbotou diversos argumentos e probas presentados pola asociación, pero si entendeu que a recorrente probara suficientemente cando menos de forma indiciaria que a Administración non avaliara suficientemente os efectos acumulativos ou sinérxicos do parque autorizado cos outros existentes ou en proxecto na mesma zona.
Segundo o tribunal, o recurso de fondo da asociación contra a autorización do parque "pode perder a súa finalidade lexítima se non se accede á suspensión cautelar pretendida ao poder determinar esta aparente insuficiencia da avaliación ambiental realizada -no xuízo indiciario que aquí se realiza- efectos irreversibles ou de difícil reversibilidade sobre o medio ambiente".
Tras estimar a petición cautelar de paralización do parque formulada pola asociación ecoloxista Petón do Lobo, o mesmo tribunal desbotou outra dunha explotación agraria porque no seu caso "trátase de prexuízos de contido económico e, polo tanto, facilmente indemnizables ou resarcibles"
Cinco días despois, o 7 de abril, o mesmo Tribunal Supremo, pero desta volta a sección terceira da sala terceira, composta por outros seis xuíces distintos, rexeitou outra petición de paralización cautelar do mesmo parque formulada por unha sociedade agraria de transformación (SAT). Neste caso o tribunal considerou que a recorrente non lle presentara suficientes probas para decidir unha paralización cautelar.
"Non apreciamos que concorran os presupostos necesarios para o seu outorgamento, sen que as alegacións da parte solicitante permitan chegar ás conclusións que postula", di o tribunal, que reprocha que non se concretasen os "prexuízos de moi diversa índole" esgrimidos pola recorrente que "non resultan suficientemente acreditados". Entre outras cuestións, o tribunal di que a sociedade recorrente "denuncia como propios prexuízos económicos sobre a súa explotación agrícola e gandeira, igualmente insuficientemente acreditados, limitándose a afirmalos". "En todo caso, trátase de prexuízos de contido económico e, polo tanto, facilmente indemnizables ou resarcibles", conclúe o tribunal.
Ante estes dous autos, o segundo, desestimatorio do que pedía o recorrente ao tribunal, non ten ningún efecto práctico, mentres que o primeiro, estimatorio dos argumentos recibidos, supón a paralización cautelar do parque mentres o Supremo non analice a fondo o caso.
Unha situación similar á que se vén dando coas autorizacións de parques emitidas pola Xunta e analizadas polo TSXG. Máis de medio cento están paralizadas porque o TSXG considerou cribles e correctamente argumentados algunhas das peticións cautelares presentadas contra eses parques. Porén, hai casos en que un parque en concreto foi paralizado porque unha asociación ecoloxista logrou convencer ao tribunal dos seus argumentos pero outra asociación non o conseguiu, prevalecendo polo tanto a decisión máis protectora. E hai media ducia de parques nos que ningún dos recursos cautelares presentados logrou convencer o tribunal e polo tanto, á espera da decisión final dos xuíces, a construción dos mesmos pode continuar.