Besteiro advirte en Bruxelas de que o "parón de 17 anos" do eólico galego vén do PP e non dos tribunais

José Ramón Gómez Besteiro e o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, este 12 de novembro nunha gravación no plató televisivo do Parlamento Europeo, en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSdeG

Tras reunirse con responsables de Enerxía da Comisión Europea o secretario xeral do PSdeG mantén que no Executivo comunitario "tamén preocupa" o freo "ao desenvolvemento das enerxías renovables" no noso país

"Máis alá dos procedementos xudiciais, o que hai no fondo é falta de planificación". O secretario xeral do PSdeG centra na cuestión enerxética boa parte dos contactos que está a manter na Comisión Europea e no Parlamento Europeo durante a súa viaxe a Bruxelas. E alí, asegura, "tamén preocupa" o "parón que sufriu Galicia no desenvolvemento das enerxías renovables, especialmente a eólica, durante os últimos 17 anos", un "problema" que non está "nos tribunais".

Despois de que, nos últimos días, o Goberno galego subise máis o ton contra o Tribunal Superior de Xustiza por frear ou anular autorizacións eólicas, José Ramón Gómez Besteiro advirte de que, con independencia da opinión que lle merezan, "moitos" deses ditames xudiciais se "apoian", precisamente, na "falta de planificación e xestión" de "Feijóo e Rueda". Porque antes dos seus gobernos "Galicia era líder" do Estado en enerxía eólica "e hoxe está no quinto ou sexto posto.

Besteiro e o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, este 11 de novembro en Bruxelas co comisario de Defensa, Andrius Kubilius CC-BY-NC-SA PSdeG

Tras manter reunións con cargos da Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea, o líder socialista detallou que ante as autoridades comunitarias está a destacar o feito de que "a planificación enerxética de Galicia siga ancorada no plan eólico de 1997". Porque, unha vez anulado o do Goberno de coalición PSdeG-BNG, os sucesivos gobernos do PP non aprobaron o que prometeran e "agora atrásano ata 2028". "O que falla -resume- é a xestión, o PP leva anos sen facer a súa parte.

O comisario de Pesca e a vicepresidenta Ribera reciben este xoves a Besteiro

"O parón -subliña Besteiro- foi provocado, consciente e voluntario" tras retornaren á Xunta en 2009. E por iso "o PP é responsable deste atraso, sen escusas". Este, sinala, é a situación que trasladou nas súas xuntanzas en Bruxelas, onde "os responsables de Enerxía compartiron a preocupación polo atraso de Galicia e coincidiron na importancia de reforzar as redes, mellorar a planificación e acelerar a transición cara a unha enerxía limpa, segura e estable", asegura.

"Europa -salienta- reforzará as conexións con Portugal, combinando enerxía solar e eólica, e Galicia debe estar preparada para aproveitar esa oportunidade industrial e de emprego"." Pero, se non hai planificación, seguiremos instalados no parón”, coida Besteiro, que este mércores continúa axenda en Bruxelas con, entre outros, xuntanzas con responsables de Medio Ambiente e Emprego. Este xoves recíbeno o comisario de Pesca, Costas Kadis, e mais a vicepresidenta Teresa Ribera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.