O valor económico xerado polos parques eólicos en Galicia repártese de forma xusta entre as empresas promotoras e os propietarios dos terreos nos que se instalan? O Observatorio Eólico de Galicia analiza o valor xerado polos parques eólico poñéndoo en relación cos pagamentos realizados aos propietarios rurais
O valor económico xerado polos parques eólicos en Galicia repártese de forma xusta entre as empresas promotoras e os propietarios dos terreos nos que se instalan? Estes propietarios e as comunidades rurais que acollen as instalacións están a recibir menos do que poderían recibir? Poderían obter un prezo mellor por estes terreos?
O Observatorio Eólico de Galicia, entidade impulsada en 2019 pola Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo, a Fundación Isla Couto e a Fundación Paideia Galiza, realiza dende hai anos un traballo continuo de análise do sector eólico e das novas iniciativas e pula por un modelo máis sustentable e xusto de desenvolvemento eólico. Tamén ofrece un servizo de información, divulgación e asesoramento para os propietarios de terras e comunidades rurais onde que se queren instalar estes proxectos, buscando fortalecer a súa posición negociadora, acompañando a propietarios, comunidades de montes e concellos que negocian ou renegocian contratos eólicos.
Nos últimos meses está a levar a cabo unha complexa análise sobre o valor xerado polos parques eólico e os beneficios que os seus promotores esperan obter aínda nos vindeiros anos, poñéndoo en relación cos pagamentos realizados aos propietarios rurais polas expropiacións e arrendamentos de terreos.
"No momento de negociar, o promotor dispón de información detallada sobre o vento existente, a produción prevista, os custos do parque e os ingresos que pode obter coa venda da electricidade". Porén, o propietario do terreo "normalmente non ten acceso a esa mesma información", alerta o OEGA
Dende o OEGA explican que un contrato de arrendamento ou unha servidume eólica pode durar 25 anos ou máis e que "no momento de negociar, o promotor dispón de información detallada sobre o vento existente, a produción prevista, os custos do parque e os ingresos que pode obter coa venda da electricidade". Porén, o propietario do terreo "normalmente non ten acceso a esa mesma información". E alertan de que "esta desigualdade informativa, unida ao feito de que adoita haber un único promotor interesado nun determinado monte, dificulta saber se a cantidade ofrecida polo uso do terreo é adecuada".
A entidade analizou 75 parques eólicos de Galicia, utilizando datos de produción e pagamentos correspondentes ao período 1997-2024. Na análise empregou tres formas distintas e independentes de calcular os números "para non depender dun único enfoque". Unha baseada no valor actual dos ingresos e custos do parque, outra que compara os pagamentos cos estándares internacionais de reparto de ingresos, e unha terceira —coñecida como Nash Bargaining— que calcula como se repartiría o excedente se ambas as partes negociasen en igualdade de condicións.
O pagamento medio aos propietarios dos terreos en Galicia representa aproximadamente o 2% dos ingresos brutos do promotor. Iso representa ao redor da metade do habitual noutros territorios, unha media mundial que establece unha referencia internacional de preto o 4%
As conclusións preliminares desta análise poñen cifras a esta desigualdade no reparto dos beneficios xerados polo vento. O OEGA salienta que "o excedente xerado polos parques eólicos é, en xeral, moi superior ao que reflicten os contratos actuais" e que "unha parte moi importante dese valor non chega a repartirse co propietario do terreo". En concreto, sinálase que o pagamento medio aos propietarios dos terreos en Galicia representa aproximadamente o 2% dos ingresos brutos do promotor. Iso representa ao redor da metade do habitual noutros territorios, unha media mundial que establece unha referencia internacional de preto o 4%.
O OEGA concreta que se nos contratos galegos se aplicase esa referencia do 4%, os propietarios dos terreos recibirían, en conxunto, preto de 70 millóns de euros máis dos que reciben actualmente durante o período analizado, dende 1997 a 2024. O Observatorio explica que os parques máis antigos, anteriores a 2008, "presentan en xeral un desequilibrio maior que os máis recentes". A entidade explica, en todo caso, que se trata de "resultados preliminares" e que segue "revisando e afinando o modelo", mellorando a metodoloxía empregada para obter os resultados máis fiables e exactos.
En 9 de cada 10 casos o promotor paga o propietario "un importe que equivale o 15% do máximo que estaría disposto a pagar antes de que o proxecto deixe de ser rendible"
Unha das claves desta desproporción entre o que os propietarios rurais reciben e o que poderían ou debería recibir está no que se coñece como Máxima Disposición a Pagar (MDAP), que se define como "a cantidade máxima que o promotor podería pagar polo uso dos terreos sen que o proxecto deixase de ser rendible". Canto maior sexa a diferenza entre esa cantidade e o pagamento real, maior será a parte do excedente que retén o promotor.
O Observatorio destaca que a Máxima Disposición a Pagar estimada para os promotores eólicos en Galicia "é, en case todos os casos, moito máis alta do que efectivamente se paga polo uso do monte, o que indica que existe marxe real para mellorar as condicións económicas nas negociacións", detallando que case nove de cada dez parques presentan un Índice de Poder de Mercado superior ao 85%. Isto significa que na gran maioría dos casos o promotor "retén unha parte moi elevada da marxe económica potencial", de xeito que o promotor paga o propietario "un importe que equivale o 15% do máximo que estaría disposto a pagar antes de que o proxecto deixe de ser rendible".
O OEGA subliña a importancia de "coñecer, aínda que sexa de maneira aproximada, a marxe económica que pode xerar un parque", pois "permite aos propietarios valorar mellor as ofertas recibidas, comparar alternativas e negociar con máis información"
As compensacións económicas que os promotores eólicos pagan aos propietarios rurais levan anos en discusión. Social, política e tamén xudicial. O pasado mes de marzo o Tribunal Supremo admitiu a trámite un recurso de casación no que analizará se as expropiacións que se están a pagar por terreos rurais nos que se van instalar parques eólicos son suficientes cando valoran o uso previo que tiña o terreo ou se poden valorar tamén o que gañaría o propietario se en lugar de ser expropiado alugase a parcela á empresa interesada en facer o eólico.
O OEGA subliña a importancia de "coñecer, aínda que sexa de maneira aproximada, a marxe económica que pode xerar un parque", pois "permite aos propietarios valorar mellor as ofertas recibidas, comparar alternativas e negociar con máis información".