O Observatorio Eólico de Galicia vén de presentar unha guía práctica para asesorar ás comunidades rurais sobre os procesos negociadores coas empresas eólicas, un documento que busca axudar a incrementar o valor destes espazos e as rendas que reciben pola instalación nestes lugares de parques eólico. A Guía para o incremento do valor social e do valor económico da enerxía eólica nas comunidades rurais (pdf) consta de máis dun cento de páxinas e inclúe unha proposta de contrato tipo para o arrendamento de terreos eólicos no que se incorporan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos.
“O que buscamos é fortalecer a posición negociadora das comunidades rurais, ofrecendo información relevante para a toma das súas decisións”
A Guía foi elaborada polos profesores Xavier Simón e María Montero, da Universidade de Vigo; Damián Copena, da de Oviedo, e David Pérez Neira, da de León. “O que buscamos é fortalecer a posición negociadora das comunidades rurais, ofrecendo información relevante para a toma das súas decisións”, subliñan os autores, que lembran que os propietarios dos terreos son "os elos máis débiles da cadea de valor do vento". Concellos e propietarios rurais reciben só o 5% da facturación dos parques eólicos galegos, segundo os datos correspondentes ao ano 2017 publicados polo Observatorio.
A guía ábrese cun capítulo que afonda no impacto territorial dos parques eólicos en Galicia, incluíndo os tipos de afección dos terreos. A continuación, a guía centra a atención na análise do procedemento de autorización de parques eólicos, tanto a través do proceso autonómico como do estatal, para continuar cunha sección na que se presentan os mecanismos vixentes de relación entre propietarios/as de terras e promotores de parques eólicos.
A guía inclúe unha proposta de contratos-tipo con cláusulas para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos
A estimación das rendas que se están a pagar actualmente en Galicia e a fiscalidade que afecta a este tipo de ingresos son outras das temáticas que se abordan no libro e que máis interesan aos propietarios rurais. Por outra banda, os autores presentan información sobre como se comporta o negocio eólico, introducindo información sobre os sistemas económicos de apoio aos investimentos e o comportamento das principais variables relacionadas con ese negocio.
Seguidamente, a monografía incorpora información sobre as obrigas tributarias que teñen as propietarias e os propietarios dos parques eólicos, diferenciando as distintas escalas administrativas. O libro péchase cun apartado no que inclúe as respostas ás preguntas máis frecuentes que acostuman realizarse os propietarios e unha serie de anexos que incorporan documentos relativos aos contratos e ao convenio.
Para o Observatorio Eólico, a chegada de aeroxeradores ao mundo rural débese entender como unha oportunidade para fortalecelo económica e socialmente. Iso si, sempre que os contratos que se asinen sexan xustos con estas comunidades rurais
A proposta de contratos-tipo para os propietarios de terreos afectados por parques eólicos foi presentada hai uns meses aos grupos políticos representados no Parlamento de Galicia. O obxectivo é que nestes contratos se recollan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos e, así mesmo, facilitarlles aos propietarios a negociación coas empresas promotoras das instalacións.
Nas últimas décadas o sector eólico desenvolveuse de forma moi importante en Galicia, nun proceso relanzado no 2019 despois de anos de paralización. Porén, os propietarios dos terreos nos que se asentaron os muíños xeradores recibiron unha parte moi pequena da riqueza xerada pola produción eléctrica. Para o Observatorio Eólico de Galicia a chegada de aeroxeradores ao mundo rural débese entender como unha oportunidade para fortalecelo económica e socialmente. Iso si, sempre que os contratos que se asinen sexan xustos con estas comunidades rurais e que unha parte importante dos beneficios económicos xerados pola produción eléctrica fiquen no rural, algo que na actualidade non está a suceder.
"Debemos evitar présas e que os beneficios emigren, como xa pasou noutras ocasións.Teñen que permanecer na terra onde se xeran, porque servirán para fertilizala, mellorar a vida dos seus poboadores e atraer empresas e persoas"
"A explotación da enerxía eólica permite diversas escalas: grandes instalacións de empresas especializadas; medianas que poidan xestionar comunidades de usuarios ou concellos, ou pequenas que sirvan para fornecer enerxía a unha industria, unha granxa ou unha casa. Cantos máis axentes interveñan, mellor. Haberá máis iniciativas, enriqueceranse as solucións técnicas e sociais e espallarase a mellora económica entre máis xente", sinalan os autores da Guía no seu limiar.
A Guía fai fincapé na necesidade de que o desenvolvemento eólico inclúa unha defensa do medio ambiente e da paisaxe, destacando que "os galegos de hoxe estamos obrigados a facer ben as cousas para que os que veñen despois encontren un país mellor”, indican. "Debemos evitar présas e que os beneficios emigren, como xa pasou noutras ocasións. Teñen que permanecer na terra onde se xeran, porque servirán para fertilizala, mellorar a vida dos seus poboadores e atraer empresas e persoas que procuren fontes de enerxías limpas”, subliñan.