Muras e Zobra, exemplos de boas prácticas en enerxía eólica

Parque eólico en Muras CC-BY-ND Santi Villamarín

Nos últimos 25 anos milleiros de aeroxeradores foron instalados en Galicia. O avance da enerxía eólica (moi importante entre 1995 e 2009, paralizado durante dez anos polas políticas do Partido Popular e de novo relanzando recentemente) permitiu obter electricidade de forma limpa, contribuíndo á descarbonización, e xerou uns beneficios económicos moi importantes. Uns beneficios que só nunha pequena parte ficaron nas comarcas nas que se instalaron os parques eólicos. A maior parte marchou polo mesmo lugar que a electricidade producida.

Un dos obxectivos do Observatorio Eólico é contribuír a mellorar os impactos sociais e económicos directos da enerxía eólica nas áreas rurais

Hai unhas semanas o Observatorio Eólico de Galicia presentou un informe que calculaba que concellos e propietarios rurais reciben só o 5% da facturación dos parques eólicos galegos e suxería a aplicación dunha serie de medidas (algunhas que requiren de cambios normativos e outras de máis doada aplicación) para que os axentes locais se beneficien en maior medida da enerxía producida nos seus territorios, un beneficio que compense os custos medioambientais e os prexuízos paisaxísticos provocados. A facturación total dos parques eólicos instalados en Galicia moveuse entre 2007 e 2017 entre os 400 e os 700 millóns de euros por ano, dos que as comunidades locais e concellos recibiron anualmente ao redor de 27,8 millóns (dato de 2017). 

Un dos obxectivos do Observatorio Eólico dende a súa posta en marcha, hai uns meses, é contribuír a mellorar os impactos sociais e económicos directos da enerxía eólica nas áreas rurais, mediante o estudo da situación do sector, o asesoramento directo, a denuncia de eivas no funcionamento dos mecanismos de expropiación e pagamento e a divulgación de boas prácticas, destacando que "pode desenvolverse a mesma potencia eólica pero con maiores impactos positivos nas zonas rurais" e alertando de que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente".

A entidade destaca a posibilidade de que as comunidades rurais poidan desenvolver iniciativas económicas a partir das rendas derivadas da enerxía eólica

O Observatorio destaca que "a posta en marcha de parques eólicos implica maiores rendas para o rural, maiores rendas para os concellos, xeración de emprego en xeral e para o mundo rural en particular". A entidade destaca a posibilidade de que as comunidades rurais poidan desenvolver iniciativas económicas a partir das rendas derivadas da enerxía eólica. Dentro destas "boas prácticas" poden existir exemplos de posta en marcha de iniciativas de aproveitamento dos recursos endóxenos, a xeración de servizos colectivos para a poboación local ou a mellora da calidade de vida das persoas, explican.

Instalacións eólicas en Muras © Concello de Muras

O exemplo de Muras

Entre esas "boas prácticas" destaca o caso do Concello de Muras, o lugar de Galicia con máis aeroxeradores instalados, un total de 381, máis de un por cada dous habitantes (ao redor de 700). No ano 2016, co obxectivo de "compensar a xeración de riqueza dos seus recursos naturais" por parte de grandes eléctricas e o "impacto medioambiental" na zona, o Concello aprobou unha ordenanza pioneira para sufragar a factura eléctrica dos seus veciños e veciñas.

O Concello de Muras apoia o pagamento dos custes de electricidade por parte das familias da localidade mediante unha subvención convocada anualmente 

O concello apoia o pagamento familiar dos custes de electricidade mediante unha subvención convocada anualmente para a que existen varios tramos en función das rendas familiares e un tope máximo de 500 euros e á que dedica unha partida de 150.000 euros. Esta medida busca favorecer a loita contra a pobreza enerxética e posibilita un retorno social nun contexto rural onde as familias teñen rendas familiares baixas e a poboación está avellentada. "En Muras hai actualmente unhas 220 unidades familiares, das que en torno a 175 solicitan a axuda para o pagamento da luz, o que dá mostra da boa recepción que está a ter esta medida municipal", destacan dende o Observatorio.

O alcalde dende o ano 2015, Manuel Requeixo (BNG), destacaba nese momento que coa medida cumpría coas súas dúas primeiras promesas ao chegar á alcaldía: conseguir que todos os veciños tivesen luz eléctrica e lograr a gratuidade dos recibos. Na propia ordenanza, o goberno local explica que o obxectivo é "compensar a xeración de riqueza dos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do territorio", "compensar o impacto medioambiental de forma directa nos veciños e veciñas" e "fomentar o asentamento de veciños no noso municipio, evitando o éxodo rural á costa e ás cidades".

"É de xustiza social. Levamos 15 anos con eólicos e nunca se tivo en conta aos veciños, aos que se lle pagou catro pesos polas terras", dicía daquela o alcalde

"É de xustiza social. Levamos 15 anos con eólicos e nunca se tivo en conta aos veciños, aos que se lle pagou catro pesos polas terras. Con Fraga chegou todo o boom dos parques eólicos pero nunca se tivo en conta aos veciños. Nun lugar como Muras, onde máis enerxía eólica se xera e onde se facturan grandes cantidades de diñeiro, non houbo plan de desenvolvemento industrial ningún nin nada que se lle parecese", dicía Requeixo.

O pasado ano varios integrantes do Observatorio Eólico de Galicia recorreu as 8 parroquias murenses na procura de persoas interesadas en participar na elaboración dun Cuestionario sobre a Xustiza Enerxética. En total, realizáronse medio cento de enquisas, cuxos resultados serán presentados cando se reúna o Comité Asesor do Observatorio Eólico. Posteriormente, realizaranse actividades de divulgación en Muras e outros concellos do Xistral, e tamén se levará a cabo algunha publicación científica.

Parque eólico en Zobra © Santiagoturismo.com

O caso de Zobra (Lalín)

As rendas xeradas polo parque eólico foron clave para o desenvolvemento de numerosas iniciativas económicas e sociais por parte da Comunidade de Montes

Outro exemplo de boas prácticas témolo na parroquia de Zobra (Lalín). Nos terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Zobra está localizado parte do parque eólico de Ameixeiras-Testeiros. O Observatorio eólico explica que as rendas xeradas polo parque eólico foron clave para o desenvolvemento de numerosas iniciativas económicas e sociais destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas que habitan este lugar. 

Os 36 aeroxeradores instalados por Iberdrola deixan uns ingresos duns 90.000 euros ao ano e boa parte deses cartos van destinados á contratación directa de persoal para o mantemento do monte e á realización de distintos proxectos.  A Comunidade de Montes, da que xa falamos nesta ducia de bos exemplos de xestión do monte converteuse nun axente dinamizador da súa contorna local, abrindo unha oficina que serve como xermolo de proxectos de desenvolvemento para este lugar e como punto de apoio para a cidadanía local.

Traída de augas, rehabilitación de casas, fomento do turismo na zona, unha explotación gandeira ou o aproveitamento apícola están entre os proxectos

 Entre outras actuacións, a Comunidade realizou unha traída de augas con traballo propio da comunidade, mercando as tubaxes e facendo o resto eles mesmos. Outros dos aproveitamentos destacados de Zobra consiste na gandaría. O monte emprégase para unha explotación gandeira de vaca rubia galega e cachena, cunha importante actividade apícola, ademais.

Unha das iniciativas máis singulares da CMVMC de Zobra, destaca o Observatorio, consistiu na rehabilitación das “casas das minas” coa finalidade de destinalas para o turismo rural. Estas casas, que foron xestionadas directamente pola Comunidade durante varios anos e agora están cedidas, eran edificacións destinadas aos traballadores relacionados coas actividades minería na explotación do estaño na zona nos anos 20, 30 e 40. Mediante a rehabilitación destas casas e xunto cunha ruta de sendeirismo deseñada e sinalizada trátase de dinamizar turisticamente a parroquia. 

Zobra, na Serra do Candán © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.