O sector eólico galego sufriu nos últimos anos varios golpes motivados por decisións políticas que frearon o seu desenvolvemento. Primeiro foi a anulación por parte do Goberno de Núñez Feijoo do concurso eólico do Bipartito, unha anulación que foi declarada ilegal polo Tribunal Supremo. O segundo golpe chegou dende Madrid, pola decisión do Goberno de Mariano Rajoy de poñer fin ás primas á produción de enerxías renovables, xunto con outras decisión que prexudicaron ao sector das renovables. A crise económica acabou por afogar un sector que no ano 2005 significaba o 1,5% do PIB galego, pero que unha década despois xa caera ata o 0,5%, dez anos nos que se perderon 4.500 postos de traballo.
Este ano deben entrar en funcionamento en Galicia 34 novos parques eólicos, que achegarán uns 700 megavatios á actual potencia instalada, que leva unha década estancada
O 2019 pode ser o ano do relanzamento da produción de enerxía eólica en Galicia. O 31 de decembro deste ano deben estar en marcha os 34 novos parques que foron autorizados polo Goberno nas últimas poxas, que tiveron lugar en 2016 e 2017. Se as empresas que foron beneficiadas por eses concursos (Endesa, EDP, Naturgy, Greenalia, Norvento e Invertaresa) non poñen en marcha estas instalacións perderían os avais económicos depositados, ao redor de 36 millóns de euros. Os novos parques achegarán uns 700 megavatios á actual potencia instalada en Galicia, que leva unha década estancada.
No ano 2010 a potencia eólica instalada en Galicia era de 3.285 MW e sete anos despois apenas variara, situándose nos 3.343 MW. Galicia segue sendo a terceira comunidade autónoma con máis potencia instalada, pero a moita distancia da primeira, Castela e León, que practicamente igualaba hai dez anos.
A porcentaxe de enerxía renovable xerada en Galicia caeu no ano 2017 á súa cifra máis baixa dende o 2005: 40%
Nestes anos a enerxía xerada por esta vía moveuse entre os 6.928 GWh e os 9.485 GWh, situándose no ano 2017 nas súas cifras máis baixas, en niveis semellantes aos de unha década antes. A debilidade da xeración de enerxía eólica, en descenso dende o ano 2013, unida á irregularidade da produción hidroeléctrica, sempre dependente do nivel de precipitacións e do caudal dos ríos, fixo que a porcentaxe de enerxía renovable xerada en Galicia caese no ano 2017 ao seu dato máis baixo dende o 2005: 40%.
En paralelo, incrementouse a produción de enerxía eléctrica a través das fórmulas máis caras e contaminantes, sobre todo a queima de carbón nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes. A central de Meirama pechará no ano 2020 e a das Pontes terá que facelo obrigatoriamente antes do 2030. As dúas plantas, moi contaminantes, son as culpables do 34% dos gases de invernadoiro emitidos no noso país e a plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón reclama que sexan clausuradas canto antes.
Así, á espera da posta en marcha dos novos 34 parques eólicos, Galicia suma un total de 159 instalacións, repartidas entre 107 concellos. En 1989 instaláronse en Cabo Vilán (Camariñas) os primeiros muíños, xa desmantelados. Na actualidade, o concello de Muras é a localidade con máis aeroxeradores, seguida de Abadín, Ourol, As Pontes e Vilalba. Mazaricos, O Valadouro, Ortigueira, Dumbría e Forcarei suman tamén máis de cen aparellos.
En países como Alemaña máis da metade dos parques están en mans de axentes locais e non de grandes empresas
A pasada semana púxose en marcha o Observatorio Eólico de Galicia, unha ferramenta impulsada polas Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto que busca incrementar a transparencia nos procesos de instalación de novos parques e aumentar as rendas que reciben os propietarios e os concellos, maioritariamente locais, nos que se asentan. Entre as boas prácticas que promoverá o observatorio están os parques eólicos cooperativos ou comunitarios nos que directamente son os axentes rurais os que encabezan as iniciativas. En países como Alemaña máis da metade dos parques están en mans de axentes locais e non de grandes empresas.