0 Gardados para despois

Galicia perdeu nunha década máis do 80% do emprego no eólico

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A sentenza do Supremo que ratifica a ilegalidade da decisión da Xunta de anular o concurso eólico do bipartito e a posibilidade de que se reactiven os recursos e reclamacións de danos e prexuízos ante o Goberno galego volven traer o sector á actualidade. Máis aló das consecuencias legais e económicas para a Administración, o ditame do alto tribunal reflicte tamén a desfeita que para esta actividade económica en auxe en Galicia supuxo a inestabilidade xurídica. A crise económica acabou por afogar un sector que hai tan só dez anos significaba o 1,5% do PIB, pero que en 2010 xa caera un punto ata o 0,5%

O sector eólico supoñía o 1,5% do PIB en 2005; cinco anos despois tan só significaba o 0,5%

Ese é un dos arrepiantes datos dun detallado estudo elaborado por economistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un traballo de Pedro Varela e Carmela Sánchez publicado na prestixiosa revista internacional Renewable and Sustainable Energy Reviews e no que se analiza a importancia do eólico na década dos anos 2000, dez anos que empezaron cun pulo que chegou a converter en referencia a Galicia pero que remataron cunha caída histórica que xa fixo perder o tren ao país. Debulla as actividades temporais vencelladas ás instalacións, así como as actividades permanentes de operación e mantemento e de produción de electricidade. 

O traballo Socioeconomic impact of wind energy on peripheral regions repasa a incidencia do sector na economía galega, ademais de constituír un modelo de análise para rexións periféricas con estruturas produtivas semellantes. Os autores desenvolven unha nova metodoloxía que permite cuantificar o emprego e a achega ao PIB, diferenciando as actividades permanentes das temporais. Ademais, presenta como novidade a adaptación da cadea de valor do sector eólico ás singularidades da economía galega. 

Os investigadores da USC apuntan á crise económica e á inestabilidade normativa como causantes do devalo do sector

Foron os investigadores do Departamento de Economía Aplicada da USC, Pedro Varela e Carmela Sánchez, os autores dun artigo de prestixio no que se apunta á inestabilidade normativa e á crise económica como os causantes do impresionante devalo do sector. Os economistas achegan máis cifras, como a perda de emprego. 

O emprego no eólico supoñía hai dez anos o 0,5% do emprego total en Galicia, pero caeu ao 0,15% en tan só cinco anos

Así, en 2005 o emprego do sector eólico supoñía o 0,5% do emprego total en Galicia, uns 5.600 postos de traballo que en tan só cinco anos quedaron en moito menos. En 2010, o traballo no mesmo sector xa supoñía tan só un 0,15% dos postos de traballo existentes no país, unha redución de 0,35 puntos en tan só un lustro e que supuxo unha perda duns 3.500 empregos menos. O "estancamento" e parálise na instalación de megavatios en Galicia é "case total", como lembra Pedro Varela, que asegura que na actualidade son 1.000 as persoas que traballan no eólico galego. A creación de emprego é inexistente e nunha década perdéronse máis de 4.500 postos, máis do 80%. 

Son tan só algunhas das cifras que exemplifican a oportunidade perdida por Galicia cun sector eólico paralizado. Un avance das causas e as consecuencias deste devalo e que Pedro Varela, un dos autores, analizará nunha posterior entrevista para Praza Pública.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.