O Supremo reafirma a desfeita que supuxo anular o concurso eólico do bipartito

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

O Tribunal Supremo volve confirmar a desfeita cometida pola Xunta de Feijóo coa anulación da repartición eólica do bipartito. O alto tribunal estatal vén de desestimar o recurso de casación que o Goberno galego impuxera contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que xa declarara ilegal a suspensión do procedemento de autorización de parques eólicos. Xa que logo, a xustiza confirma o ditame do Superior galego e a anulación da decisión adoptada en agosto de 2009 polo daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra, de paralizar o procedemento, unha actuación que definira como "ilegal". 

O Supremo desestima o recurso de casación que a Xunta impuxera contra a sentenza do TSXG que declarara ilegal a suspensión do concurso eólico

Aquela sentenza do 24 de xullo de 2012 do TSXG atendera o recurso contencioso-administrativo interposto pola empresa Aucosa Eólica -xurdida das conserveiras Alfageme, Thenaise Provote, Albo e Pita Hermanos- que, con 216 megavatios, fora a segunda maior adxudicataria na repartición levada a cabo polo goberno bipartito. A Xunta interpuxo recurso de casación contra aquel ditame que estimara en parte o recurso da compañía e que declarara a nulidade da suspensión daquelas concesións. Consideraba a Administración autonómica que a sentenza non foi daquela "suficientemente motivada" e que "non se razonara en absoluto por que se apreciara desviación de poder". 

O Supremo, non obstante, aclara que o ditame do TSXG inclúe xa "unha resposta motivada e non abitraria ou irrazoable", nega que se fixese unha "parca referencia", como dicía o Goberno, e insiste en que "abonda tal constatación para desestimar" ese motivo do recurso. Do mesmo xeito, inadmite tamén o outro argumento empregado pola Xunta e ditamina que non hai lugar ao recurso de casación, ademais de impoñer as costas á parte recorrente ata un máximo de 4.000 euros. Xa que logo, e segundo a sentenza á que tivo acceso Praza, o ditame do Superior galego era o axeitado e a ilegalidade daquela decisión da Administración quedaría reafirmada. 

A Xunta de Feijóo, que empregara o concurso eólico como arma electoral, suspendeuno sen anular o decreto que o sustentaba

Daquela, a Xunta de Feijóo, que acababa de chegar ao poder, suspendeu aquel concurso eólico sen anular o decreto que o sustentaba, argumentando o difícil encaixe queu tería un anteproxecto de lei que non entrara en vigor aínda. Fíxoo logo de vencer nunhas eleccións nas que aquel concurso eólico e o irreal "conflito lingüístico" foran as súas principais armas electorais. 

O TSXG consideraba que o Goberno galego incorrera en desviación de poder ao adoptar unha medida cautelar non para asegurar a eficacia dunha resolucion, "senón para un fin distinto". "Baixo a escusa de evitar a consolidación dunha suposta situaicón ilegal" que "non existe", dicía a sentenza, "pódese garantir, por razóns de oportundiade, a iniciativa lexislativa da Administración autonómica, sen ter que afrontar as consecuencias que se derivan da aplicación da normativa en vigor", di. En definitiva, a Xunta puido derrogar o decreto ou revisar a selección dos proxectos, pero optou por ir máis aló e suspender un concrso eólico que pode provocar o pagamento de indemnizacións. 

O TSXG xa declarara "ilegal" aquela suspensión e acusara a Xunta de "desviación de poder" e de provocar "inseguridade xurídica" no sector

Ao facelo así, a Xunta foi contra "o principio de seguridade xurídica" e contra a "confianza lexítima no actuar da Administración", ao optar por "solucións ideadas á marxe de reformas lexislativas aínda non operativas". Ademais, a sentenza do TSXG asegura tamén que nin os "indicios de ilegalidade" do decreto do bipartito nin a "incompatibilidade no novo modelo eólico" do concurso anulado, argumentos empregados polo Goberno de Feijóo, "xustifican a medida provisional adoptada". 

Agora, e máis aló da transcendencia que teñan ou non as peticións de indemnizacións, esta nova -e definitiva- chamada de atención á actuación da Xunta confirma o erro e a ilegalidade daquela decisión. As empresas tiñan dereito á resolución das solicitudes e ao outorgamento das autorizacións cando o proceso acabou por suspenderse. Logo, todo aquilo quedou en nada e o potencial eólico de Galicia, baixo mínimos e con apenas adxudicacións. BNG e AGE xa anunciaron que preguntarán a Feijóo sobre a devandita sentenza do Supremo na sesión de control da vindeira semana, polo que prevén rexistrar xa senllas preguntas orais urxentes para o próximo pleno. 

A sentenza definitiva do Supremo podería traer consecuencias económicas á Xunta; BNG e AGE xa anuncian preguntas a Feijóo na vindeira sesión de control

Non obstante, son varias as fontes coñecedoras do sector que aseguran que esta ratificación do Supremo terá consecuencias relevantes para a Xunta en forma de importantes responsabilidades patrimoniais e a esixencia de indemnizacións económicas, non só da empresa que gañou esta batalla xudicial contra a Xunta, senón de todas aquelas que, por diferentes motivos, non lograron que prosperase os seus recursos. 

Así, o grupo San José xa reclamou nos tribunais os megavatios obtidos no concurso do goberno bipartito e defende que "ten dereito a que os proxectos sexan tramitados e autorizados", polo que mantén varios recursos no TSXG. Enerxías Renovables de Galicia, a firma da construtora para aquel proceso, resultara adxudicataria de 142 megavatios. 

De feito, o propio auto do Supremo no que admitía a trámite o recurso de casación advertía que o obxecto do recurso era "de contía indeterminada, xa que o constitúe a suspensión do procedemento de outorgamento de autorizacións de instalacións de parques eólicos, de modo que a entidade do procedemento ao que se refire a actuación administrativa impuganda, o número de empresas afectadas e as idemnizacións ás que se daría lugar permite concluír que a contía do preito supera amplamente a establecida legalmente para deixar expedita a vía casasional". 

Javier Guerra e Alberto Núñez Feijóo © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.