"A implantación da enerxía eólica non tivo en conta os axentes rurais"

Damián Copena © Universidade de Vigo

Os ao redor de 4000 xeradores eólicos instalados en Galicia ata finais da década pasada (cun 3300 MW de potencia) xeraron un beneficio moi escaso para os propietarios dos terreos e para as comunidades rurais nos que se asentaron. A tese de doutoramento de Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo, ponlle cifras a esta realidade, xa intuída ou coñecida, analizando as rendas obtidas e axudando a comprender mellor como se levou a cabo este proceso.

O traballo, dirixido polo profesor Xavier Simón, analiza os impactos socioeconómicos dos parques eólicos entre 1995 e 2014 e conclúe que o marco regulador deseñado imposibilitou a posta en marcha de parques eólicos comunitarios e non lle concedeu aos axentes rurais un papel relevante na planificación eólica e no negocio. Copena deseñou e implementou BISEEGA, unha base de datos pioneira, cunha información ampla e sistemática, grazas á que puido calcular, por exemplo, que as rendas que percibiron os propietarios dos terreos foron de arredor de 3000 €/MW no ano 2011. Nese mesmo ano a porcentaxe media que supuxeron as rendas eólicas para os propietarios con respecto á facturación dos parques estimouse no 1,46%.

O GIEEA leva a cabo un importante traballo teórico e práctico en relación co desenvolvemento da enerxía eólica no rural galego, do aproveitamento da biomasa forestal e outros aspectos relacionados coa economía ecolóxica e a agroecolóxica, ofrecendo asesoramento gratuíto a comunidades locais. Teñen publicado, por exemplo, unha Guía para os Propietarios dos Terreos Eólicos, en colaboración coa Fundación Juana de Vega. O grupo busca "ser útil, tanto ás comunidades de propietarios do medio rural como aos cidadáns en xeral no seu posicionamento político diante destes novos investimentos no medio rural”.

O escaso beneficio obtido polos propietarios dos terreos e as comunidades é unha consecuencia inevitable do modelo escollido en Galicia para a implantación da enerxía eólica?

Todo vén determinado polo modelo polo que se apostou dende o Goberno galego, polo marco regulador deseñado, que favoreceu a implantación da enerxía eólica, pero que non tivo en conta os axentes e comunidades rurais, tanto no proceso de planificación como na instalación final, non xerou ferramentas específicas para tratar de desenvolver parques eólicos cooperativos ou comunitarios, como existen noutros lugares do mundo. O regulador primou foi a instalación dos parques, deixando de lado os impactos para os propietarios dos terreos.

"Se existe a posibilidade de que os propios propietarios ou as comunidades rurais poidan desenvolver eles mesmos o parque eólico, o control patrimonial xa é directamente deles, polo que obteñen a maior parte dos beneficios"

O alugueiro do espazo foi a fórmula máis frecuente? Houbo tamén unha parte importante de vendas de terreos? 

É difícil cuantificar que importancia tivo a compra-venda. Expropiacións si que existiron. Houbo procesos de declaración de utilidade pública que remataron cunha expropiación de terreos para a implantación de parques, que nalgunhas zonas concretas tiveron unha importancia significativa. Pero o procedemento principal foi o do alugueiro. Pero un alugueiro condicionado por ese dereito á expropiación. O alugueiro realizábase en paralelo cun proceso aberto de declaración de utilidade pública, polo que existía un perigo latente, o que favorecía que a xente asinase contratos presionados por ese proceso paralelo de expropiación. Houbo ademais distintas modalidades de alugueiro: pagamento por superficie, pagamento por potencia e mesmo pagamento por porcentaxe da facturación, e mecanismos mixtos.

Comparastes a situación de Galicia cos modelos que se aplicaron noutros territorios. Noutros países os ingresos e beneficios obtidos polos propietarios dos terreos son moi superiores?

O punto de partida en diferentes lugares de Europa, e tamén nos Estados Unidos ou Canadá xa é diferente. Se existe a posibilidade de que os propios propietarios ou as comunidades rurais poidan desenvolver eles mesmos o parque eólico, o control patrimonial xa é directamente deles, polo que obteñen a maior parte dos beneficios. Con todo, o tema dos pagamentos aos propietarios dos terreos non está moi estudado en ningún lugar do mundo. Alí onde hai datos, as porcentaxes son superiores: 5 ou 6 por cento da facturación, e máis. Pero para min o principal elemento é que un parque eólico cooperativo ou comunitario non ten nada que ver co outro modelo, o punto de partida é completamente distinto.

"Poderíanse establecer mecanismos ou ferramentas que posibilitasen que os propietarios dos terreos e as comunidades rurais obtivesen máis rendas"

As concusións que obtiveches desta investigación serven para explicar o proceso seguido ata agora e para poñerlle cifras a unha realidade que xa se intuía. Serve tamén para aprender leccións de cara ao proceso dos milleiros de megavatios en tramitación ou para futuros desenvolvementos?

Esa potencia en tramitación xa está tamén vinculada coas empresas, xa non parte da sociedade rural e da sociedade civil organizada; no caso galego o papel das comunidades de montes sería moi relevante. Aínda así, poderíanse establecer mecanismos ou ferramentas que posibilitasen que os propietarios dos terreos e as comunidades rurais obtivesen máis rendas, tanto formando parte do accionariado, como fixando figuras para conseguir que as rendas sexan máis elevadas como favorecendo que os procesos de declaración de utilidade pública sexan realmente razoados. É difícil de entender que as empresas poidan solicitar esta declaración, que a consellería competente inicie o proceso e que en moitos casos non exista ningún tipo de xustificación. Ata o decreto 242/2007, que se mantén coa actual lei 8/2009, as empresas non tiñan por que xustificar os motivos polos que iniciaban un proceso de expropiación. Todos os parques eólicos que están funcionando en Galicia foron regulados por normas eólicas nas que as empresas non tiñan que xustificar este proceso. Poderían mesmo ter evitado contactar cos propietarios, como aconteceu nalgúns casos, nos que os veciños se enteraron a través dunha carta da Consellaría de que ían ocupar o seu terreo.

"Todos os parques eólicos que están funcionando en Galicia foron regulados por normas eólicas nas que as empresas non tiñan que xustificar o proceso de expropiación"

Ao final, a explotación que se fixo da enerxía eólica en Galicia asemellouse a un modelo colonial, na que un axente externo chega e extrae un recurso, con escaso beneficio para as comunidades locais?

Hai un recurso, o vento, que hai 30 anos non sabiamos que tiña relevancia económica. De súpeto aparece unha actividade económica vinculada con ese recurso, que está localizado principalmente no rural, pois os parques non están (de momento) no mar, nin nos polígonos industriais. Puido levarse a cabo un modelo de desenvolvemento moi distinto. Houbo unha gran falta de información, sobre todo nos primeiros anos; máis adiante os propietarios comezaron a recibir asesoramento por parte dalgúns axentes. É unha das grandes eivas do proceso de implantación.

"Houbo unha gran falta de información, sobre todo nos primeiros anos; máis adiante os propietarios comezaron a recibir asesoramento por parte dalgúns axentes. É unha das grandes eivas do proceso de implantación"

É posible un desenvolvemento da produción de enerxía eólica no rural galego que respecte o medio ambiente e a paisaxe?

Claro que pode ser compatible unha cousa coa outra. O marco regulador galego é moi singular, porque ata o ano 2007 permitiu a implantación de parques eólicos en espazos protexidos, en lugares da Rede Natura 2000. E así hai ducias de parques instalados nestas zonas. O caso máis significativo é o da Serra do Xistral, que conta cun montón de parques, nun espazo protexido polas súas turbeiras, zonas húmidas que o que fan é fixar o CO2, loitando contra o cambio climático. Dende o cambio lexislativo de 2007 xa non se poden instalar novos parques en espazos da Rede Natura, pero si que se poden repotenciar, poderiamos substituír aeroxeradores obsoletos e cambialos por outros moito máis grandes, con maior potencia instalada. Veremos nos vindeiros anos con estas instalacións.

"Nós dicimos que facemos 'ciencia coa xente'. Tentamos compartir información coa sociedade civil organizada e as comunidades do mundo rural, comezando polas comunidades de montes"

Dende o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía levades a cabo un traballo non só teórico, senón tamén de colaboración e asesoramento a entidades sociais e particulares sobre este tema. Como funciona?

Nós dicimos que facemos 'ciencia coa xente'. No caso concreto dos parques eólicos, nun principio comezamos a investigar o proceso de implantación: como foron os contratos, como foron os procesos de negociación, cales foron as rendas obtidas... Fomos vencendo o lóxico medo dos propietarios a facilitar esta información e conseguindo copias dos contratos. Nese proceso, moita xente comezou a dicirnos: 'por que non viñestes ahi uns anos, cando estabamos negociando?'. Aí decidimos cambiar o chip: seguir investigando os parques eólicos que xa estaban en funcionamento, pero tamén adiantarnos aos procesos dos novos parques, para poder ofrecer asesoramento gratuíto aos propietarios dos terreos. E fixemos moito traballo nese senso, tamén grazas á colaboración coa Fundación Juana de Vega, e editamos materiais específicos, que permiten ter unhas ferramentas básicas para poder entender o proceso e ter un certo coñecemento á hora de negociar con estas empresas. Apoiamos tamén as plataformas de propietarios e ás plataformas de oposición, tentamos compartir información coa sociedade civil organizada e as comunidades do mundo rural, comezando polas comunidades de montes.

 

Damián Copena © Universidade de Vigo
Copena sinala que a lexislación eólica freou os parques comunitarios e limitou a participación dos axentes locais © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.