0 Gardados para despois

"Hai modelos moi diferentes: Aquí apostouse polo incremento da capacidade instalada, ao prezo que fose"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Xavier Simón e Damián Copena, investigadores do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo (GIEEA), coordinan o libro Enerxía Eólica en Galicia: o seu impacto no medio rural. Nos 16 capítulos da obra, que recolle os puntos de vista de expertos universitarios, movementos sociais, asociacións de propietarios e xuristas de prestixio, analízanse as consecuencias da instalación no medio rural de aeroxeradores, un proceso que o GIEEA leva unha década estudando.

De feito, un dos principais obxectivos desta publicación era poñer en valor o traballo realizado polo GIEEA nos últimos anos, ademais de "ser útil, tanto ás comunidades de propietarios do medio rural como aos cidadáns en xeral no seu posicionamento político diante destes novos investimentos no medio rural”, como se salienta na introdución da obra. O desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia foi exponencial e pioneira no contexto do Estado español. Neste proceso uns dos grandes esquecidos foron os propietarios dos terreos, que "contribuíron a xerar electricidade verde e a facer máis sustentable o modelo económico global" pero, como conclúe esta obra, "case nunca recibiron contraprestacións xustas" e "nunca foron considerados un axente relevante no momento de decidir onde, canta e como se instala a enerxía eólica no medio rural".

"O desenvolvemento eólico foi unha oportunidade perdida para fortalecer o medio rural, as súas comunidades e as súas xentes"

Á produción eólica en Galicia criticóuselle o escaso rendemento económico que dela obtiñan os propietarios e tamén o escaso papel destes na toma de decisións. Segue sendo así? Sucedeu o mesmo no resto de España e no resto de Europa?

O desenvolvemento eólico foi unha oportunidade perdida para fortalecer o medio rural, as súas comunidades e as súas xentes. Foi unha especie de “colonización”: capital alleo -territorial e socialmente falando- chegou aos montes galegos para instalar, si ou si, os aeroxeradores sen ningún tipo de contraprestación relevante para os habitantes do medio rural. E fixérono mediante un marco xurídico deseñado pola Xunta de Galicia que llo permitía. Non só llo permitía, senón que incentiva este proceso de ocupación, de colonización. No resto do Estado o procedemento foi similar pero con matices. E no resto de Europa topamos exemplos moi interesantes nos que o medio rural saíu verdadeiramente fortalecido póla súa participación no capital das empresas eólicas, nos beneficios derivados deses investimentos.

O marco regulatorio e a inseguridade xurídica (por exemplo coa recente modificación normativa decidida polo Goberno central), segue sendo o maior obstáculo para o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia?

A enerxía eólica en Galicia está moi desenvolvida xa no que se refire ao proceso xerador. Non así no ámbito das compoñentes, da tecnoloxía. O máis chocante é que a Xunta de Galicia, no seu momento, considerou que os investimentos en tecnoloxía eólica debían ser realizados en ou con empresas galegas. Era unha condición expresa das resolucións de autorización da meirande parte dos parques eólicos. Pero a Xunta de Galicia non activou, como debía, os necesarios mecanismos fiscalizadores para comprobar o nivel de execución deses investimentos en ou con empresas galegas. Foi esta, tamén, outra oportunidade perdida.

"Dirixir máis renda de todos os contribuíntes ao apoio da eólica? Teño as miña dúbidas"

En relación ao cambio normativo que comentas, eu non teño moi claro que o goberno de España se equivoque neste aspecto, en relación coa eólica. Quero dicir, que as primas, as subvencións á produción de MWh foron un instrumento moi útil para impulsar a enerxía eólica cando esta non era competitiva coas enerxías convencionais. Éo hoxe? Eu creo que a situación mudou radicalmente: en 1996, cando se instalaron os primeiros aeroxeradores no Barbanza ou no Xistral, estes eran de unha potencia unitaria de 0,33 MW. E aquilo era revolucionario. Hoxe, 15 anos despois instálanse aeroxeradores de 3 MW, 10 veces maiores. Isto móstranos a ampla madurez tecnolóxica que ocorreu no sector, o que provocou unha considerable redución dos custes de xeración. Dirixir máis renda de todos os contribuíntes ao apoio da eólica? Teño as miña dúbidas, como mostro. Outro caso son as outras renovábeis como a biomasa ou a fotovoltaica.

Sería positiva unha maior implicación das administracións públicas para garantir un desenvolvemento máis axeitado da enerxía eólica en Galicia, con maiores beneficios para os propietarios?

Para o propietario industrial, coido que a resposta anterior responde a esta cuestión. Para o propietario dos terreos eólicos? Por suposto que si. Como dixen antes, perdeuse una grande oportunidade de fortalecer o medio rural, de facelo máis autosuficiente, menos dependente das transferencias vía renda…, porque moitos propietarios son xestores de cabana gandeira, de explotacións forestais…, outros son absentistas, seino. Pero os que teñen un claro rol produtivo están presentes e o único que obteñen na actualidade son máis prexuízos que beneficios.

"Nas fases iniciais do boom eólico houbo pouca información. Os propietarios dos terreos foron enganados como cativos desinformados e inocentes"

A información que reciben ou manexan os propietarios de terras e montes a respecto da instalación de eólicos segue sendo deficiente?

Hoxe xa non tanto. Nas fases iniciais do boom eólico sen dúbida. Foron enganados como cativos desinformados e inocentes. É a realidade, unha triste realidade. Hoxe hai mais información. Desde os sindicatos, desde as organizacións ecoloxistas, desde a Universidade. O traballo que nós facemos, co apoio da Fundación Juana de Vega, foi nese camiño. Recorremos Galicia falando cos propietarios. E moitos dicían "é a primeira vez que alguén vén ata aquí para darnos esta información", e tamén dicían "onde estabades hai 5 anos cando instalaron os aeroxeradores?". Foi unha desgracia que os propietarios, as súas comunidades foran uns convidados de pedra no desenvolvemento eólico. Foi o modelo que elixiu a Xunta.

"Hai modelos de desenvolvemento das enerxías renovábeis moi diferentes. No caso galego apostouse polo incremento da capacidade instalada, ao prezo que fora"

É posible un desenvolvemento da produción de enerxía eólica no rural galego que respecte o medio ambiente e a paisaxe?

Por suposto. Hai que ter en conta, porén, que o impacto paisaxístico é o maior impacto negativo que causan os aeroxeradores, e resulta difícil de corrixir. Moito do dano ambiental xa está feito. A Serra do Xistral, polos seus valores ambientais, non debía ter nin o primeiro aeroxerador, pero ten centos deles. Foi o modelo que elixiu a Xunta, novamente: prioridade á oferta, á produción, preferencia aos intereses das empresas alleas, moitas veces multinacionais e pouca atención aos valores ambientais. Desde o bipartito a norma cambiou e polo menos os espazos incluídos en Rede Natura xa están libres de eólicos, pero os que están instalados estano e seguirán ali toda a vida. Hai modelos de desenvolvemento das enerxías renovábeis moi diferentes. No caso galego apostouse polo incremento da capacidade instalada, ao prezo que fora: era como unha carreira e os gobernantes galegos querían ser os primeiros, en termos de MW instalados. Iso foi un erro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.