A Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto puxeron en marcha este xoves o Observatorio Eólico de Galicia, unha ferramenta de investigación, información, consulta e asesoramento para todos os axentes interesados na enerxía eólica en Galicia. O Observatorio servirá como repositorio de información legal, económica e ambiental dos parques eólicos, realizará estudos e análises socioeconómicas e institucionais da enerxía eólica e, ademais, prestará asesoramento gratuíto aos axentes rurais que se atopen en procesos de negociación con promotores eólicos como mecanismo para fortalecer a súa posición negociadora e favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais.
Igualmente, analizará e proporá boas prácticas que contribúan a mellorar os impactos sociais e económicos directos da enerxía eólica nas áreas rurais, contribuíndo a dinamizalas economicamente. O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, baixo a dirección de Xavier Simón, será o encargado do seu desenvolvemento. Na presentación do Observatorio, Simón destacou que “cómpre apostar por incrementar a xustiza enerxética no sector eólico. Para iso é necesario aumentar a participación social nos procesos de planificación e decisión e deseñar ferramentas que incrementen as oportunidades de desenvolver parques eólicos comunitarios por parte dos axentes locais, tal e como acontece noutros lugares do planeta”. Falamos con Damián Copena, integrante do Grupo de Investigación e do propio Observatorio.
"Queremos propoñer cambios normativos que incrementen a participación local e as rendas da actividade eólica que quedan nos actores locais e no territorio galego"
Con que obxectivos nace o Observatorio?
O Observatorio Eólico de Galicia é unha ferramenta que vai tentar obter e difundir información sobre o sector eólico, buscando transparentar todos os elementos vinculados cos parques eólicos e ofrecer tamén asesoramento e consulta aos axentes locais e aos propietarios dos terreos. Queremos coñecer a realidade do sector e cales son as súas posibilidades. Ademais, queremos ser propositivos, queremos propoñer cambios normativos que vaian no sentido de incrementar a participación local e as rendas da actividade eólica que quedan nos actores locais e no territorio galego. Se o marco lexislativo favorece a instalación dos parques eólicos, pero debilita moito a posición dos propietarios dos terreos, evidentemente dificulta a obtención de rendas por parte dos axentes locais.
O Observatorio quere traballar en positivo e contribuír a mellorar a situación. Non vai contra ninguén, senón que busca incrementar os impactos positivos da enerxía eólica no territorio galego, sobre todo no mundo rural, co obxectivo de avanzar cara a un rural vivo, que é o que buscamos dende o noso grupo de investigación
Facedes énfase en dar apoio ás comunidades locais, aos propietarios e ao rural galego...
Non hai que esquecer que a enerxía eólica é unha actividade que está no caso galego case exclusivamente vinculada co mundo rural. Un mundo rural que se está abandonando e que sofre moitas eivas e moitos problemas medioambientais, comezando polos incendios forestais. Recentemente, a propia Comisión Parlamentaria de estudo dos incendios forestais destacou a necesidade de crear ferramentas para apoiar os propietarios dos terreos nos que se instalan parques eólicos. Esta actividade económica pode ser unha grande oportunidade, sobre todo neste momento, no que están proxectados novos parques e un crecente impulso a esta actividade. E para isto hai que reforzar a posición dos axentes rurais nestes procesos.
"Podería terse desenvolvido a mesma potencia eólica pero con maiores impactos positivos nos espazos rurais"
Faltou información e transparencia nas últimas dúas décadas?
Efectivamente, a actividade relacionada coa instalación eólica non se caracteriza porque haxa moita información dispoñible ao redor dela. Moitos dos axentes rurais non teñen suficientes coñecementos sobre o tipo de negocio que se desenvolve co aproveitamento do vento e dos seus terreos, non teñen información sobre a facturación e os beneficios que xeran os parques eólicos. Esta é unha situación que se veu dando nos últimos 20 anos, en todo o proceso de desenvolvemento eólico, e que está relacionada coa existencia dun marco normativo que non favorece que isto aconteza. Un marco normativo que lles dá poucas ferramentas aos axentes rurais, que quedan nunha situación bastante débil.
Desaproveitouse a oportunidade de que a enerxía eólica axudase ao desenvolvemento do rural galego?
Estamos completamente convencidos de que se podería ter desenvolvido a mesma potencia eólica pero con maiores impactos positivos nos espazos rurais, tanto para os propietarios dos terreos, os axentes sociais, os gandeiros, as comunidades de montes e para os propios Concellos. Hai que ter en conta que nestes máis de 20 anos de desenvolvemento eólico en Galicia, as tendencias negativas no mundo rural non fixeron máis que agravarse. Nese proceso de desaparición e destrución do mundo rural aparece un recurso que se localiza neses espazos. Ata agora foi unha oportunidade perdida, como ben dis.
"A diferenza entre o 1,18% que se recibe en Galicia e o 3% de mínimo que reciben os propietarios de montes noutras comunidades, representa máis de 20 millóns de euros anuais"
En que medida foi distinta a situación en Galicia da que se deu noutros territorios?
O traballo conxunto entre o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo e a Fundación Juana de Vega permitiu concluír que os propietarios de montes no rural galego percibían unhas rendas baixas (1,18%-1,5% do volume de facturación bruta do sector eólico) en relación coas que se reciben noutras comunidades autónomas pola instalación de parques eólicos (entre un 3 e un 6%), sendo, por tanto, a súa contribución ao desenvolvemento rural moi escasa en relación ao seu potencial. Así, a diferencia entre o 1,18% que se recibe en Galicia e o 3% de mínimo que reciben os propietarios de montes noutras Comunidades Autónomas, representa máis de 20 millóns de euros anuais que poderían reverter no rural de Galicia.
Estamos de novo nun momento clave, co actual impulso ás enerxías renovables en todo o Estado e á eólica en Galicia?
A situación actual, na que existe un conxunto de parques eólicos que están en proceso de tramitación administrativa e máis de 600 Mw de potencia que deben entrar en funcionamento antes do ano 2020, fai que efectivamente sexa un momento interesante para tratar de analizar e transparentar estes procesos. No grupo xa estamos notando, e cremos que vai ir a máis, que propietarios de montes comezan a pedir información sobre procesos que están abertos.
"Entre as boas prácticas están os parques eólicos cooperativos ou comunitarios nos que directamente son os axentes rurais os que encabezan as iniciativas"
Que características tería un sector eólico correctamente desenvolvido, con boas prácticas para que a riqueza xerada ficase no territorio?
Ese é un traballo que imos comezar a facer agora e que consistirá en recompilar boas prácticas relacionadas coa enerxía eólica noutros lugares do mundo, para tentar aprender o que se está facendo noutros territorios e tentar implementalo aquí. Entre as boas prácticas está por exemplo a tendencia existente en moitos lugares de Europa de poñer en marcha parques eólicos cooperativos ou comunitarios nos que directamente son os axentes rurais os que encabezan as iniciativas e teñen o control dos proxectos. Iso sería moi positivo e incrementaría as rendas que fican no lugar. Ademais, calquera mecanismo que incremente a posibilidade de obter rendas para os axentes locais e para os concellos iría nese sentido. Ese será un dos traballo que desenvolveremos no Observatorio: propor iniciativas que poidan ter interese no contexto galego.