Os concellos recibirán este ano un máximo de 1.346 euros por cada aeroxerador

Parque eólico en Muras CC-BY-ND Santi Villamarín

No conxunto de Galicia hai 4.036 aeroxeradores de produción de electricidade, distribuídos por 107 concellos. Cada ano a Xunta ofrece unha liña de subvencións, o Fondo de Compensación Ambiental, que busca que parte da riqueza producida por estas instalacións quede nos territorios que máis directamente se ven afectados por elas. O pasado 28 de decembro o DOG publicou as axudas correspondentes a este ano 2016, un total de 11 millóns de euros dos que os concellos recibirán algo máis de 6,6 millóns en función do número de muíños instalados e tamén das liñas de condución eléctrica (vías de evacuación) que atravesen os seus termos municipais, ademais doutras cantidades por gastos de funcionamento e servizos medioambientais

Facendo un cálculo simple, podemos concluír que os concellos galegos recibirán este ano unha compensación máxima de 1.345 euros por cada muíño eólico, que se eleva a 1.631 euros se sumamos os fondos correspondentes ás liñas eléctricas, unha cifra idéntica á do pasado exercicio.

Mentres que o 51% das enerxías renovables de Alemaña están en mans dos cidadáns, en Galicia o 80% dos parques eólicos son propiedade dos xigantes da xeración

En moitas ocasións tense sinalado que as compensacións que reciben os municipios ou os propietarios dos terreos nos que se instalan os aeroxeradores, resultan moi cativas, e que o que podería ter significado unha importante fonte de ingresos para os pequenos concellos da zona rural e para os seus habitantes ficou nunha achega mínima. A este respecto, cómpre salientar que, mentres que o 51% das enerxías renovables de Alemaña están en mans dos cidadáns, en Galicia o 80% dos parques eólicos son propiedade dos xigantes da xeración.

Friol pode recibir este ano un total de 57 mil euros en concepto de canon eólico, unha cantidade pequena, tendo en conta que a localidade acolle 33 aeroxeradores

Hai uns anos o colectivo universitario Na Encrucillada elaborou un cálculo, ao fío das protestas gandeiras, sobre o aproveitamento económico e as consecuencias sociais que teñen no Concello de Friol os dous parques eólicos presentes no termo municipal e as múltiples explotacións agrarias que aínda subsisten. Postos en comparación, uns e outros tiñan unha facturación anual semellante (23 millóns para os eólicos e 21 para as explotacións) e xeraban uns ingresos para os seus propietarios de ao redor de nove millóns de euros en ambos os dous casos. Porén, mentres os dous parques eólicos non crearan posto de traballo ningún na localidade, as 731 explotacións agrícolas significaban 857 UTA (unidades de traballo/ano, ou sexa, empregos). Friol pode recibir este ano un total de 57 mil euros en concepto de canon eólico, unha cantidade pequena, tendo en conta que a localidade acolle 33 aeroxeradores.

De igual xeito, Manuel Requeixo (BNG), alcalde de Muras dende as eleccións de maio, salientaba en entrevista con Praza que unha das súas primeiras prioridades na súa xestión estaba relacionada coa produción eólica: "Muras ten varios centos de aeroxeradores e non hai ningunha empresa vinculada á enerxía eólica. Os servizos de mantemento dos muíños están en Viveiro, As Somozas ou As Pontes, e aquí -que estamos sufrindo o impacto acústico e o impacto visual- os veciños e veciñas parece que non teñen dereito a nada, non teñen dereito a que lles reverta na súa economía o beneficio xerado pola enerxía". Asegurar que todos os habitantes de Muras teñen luz eléctrica e a gratuidade nos recibos da luz foron as súas primeiras medidas propostas. "Levamos 15 anos cos aeroxeradores e aos veciños pagóuselles catro pesetas polas súas terras. De feito, o propio alcalde animounos a vender a ese prezo", salientaba.

"Levamos 15 anos cos aeroxeradores e aos veciños pagóuselles catro pesetas polas súas terras", salientaba o alcalde de Muras

Muras, precisamente é o concello galego que máis cartos recibirá a través deste Fondo de Compensación Ambiental, un máximo de 561 mil euros. É, dende logo, unha cantidade importante para unha localidade pequena coma esta (696 habitantes), que responde aos 381 aeroxeradores instalados, o número máis elevado de toda Galicia. Con todo, para valorar se se trata dunha compensación suficiente, habería que ter en conta a riqueza xerada por este número tan grande de muíños.

Hai outras localidades que, ao igual que Muras, destacan pola gran cantidade de parques eólicos situados nos seus termos municipais, o que lles leva a recibir cantidades significativas a través deste canon: Abadín (232 aeroxeradores e 342 mil euros de subvención máxima), Dumbría (119 e 163 mil), Forcarei (96 e 155 mil), Ourol (157 e 249 mil), Ortigueira (116 e 185 mil) ou O Valadouro (120 e 180 mil). Para algunhas localidades máis grandes, como Lalín, Vilalba ou As Pontes, a subvención máxima que poden recibir (117, 172 e 277 mil euros, respectivamente) acada menos significación. Finalmente, os cartos aos que poden ter acceso outros concellos, coma os 5 mil que pode recibir Arteixo, os 3 mil de Boiro, os 11 de Vilagarcía, os 7 mil de Caldas ou os 8 mil de Rianxo e Ribeira son cantidades que apenas teñen incidencia nos seus orzamentos.

Aeroxeradores nun concello galego CC-BY-NC-ND Nacho Manotas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.