Leite vs. Eólicos. Que modelo para o rural galego?

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

Friol é un exemplo como pode selo case calquera outro concello da chamada Galicia rural, zonas nas que as actividades produtivas agrarias e gandeiras manteñen unha forte crise e un devalo ininterrompido nas últimas décadas, o que leva a un progresivo despoboamento. E, mentres, o rural asiste a un incremento da explotación dos seus recursos naturais e a unha cada vez meirande ocupación da súa paisaxe a través de minas, centrais hidroeléctricas ou parques eólicos. Dous modelos de produción que poden ser complementarios, pero que á marxe do impacto que teñen sobre o medio, teñen un efecto moi distinto sobre a poboacion que vive neses lugares.

Dous modelos de produción que poden ser complementarios, pero que á marxe do impacto que teñen sobre o medio, teñen un efecto moi distinto sobre a poboacion que vive neses lugares

O colectivo universitario Na Encrucillada vén de elaborar un cálculo, ao fio das protestas gandeiras, sobre o aproveitamento económico e as consecuencias sociais que teñen no Concello de Friol os dous parques eólicos presentes no termo municipal e as múltiples explotacións agrarias que ainda subsisten. Postos en comparación, uns e outros teñen unha facturación anual semellante (23 millóns para os eólicos e 21 para as explotacións) e xeran uns ingresos para os seus propietarios de ao redor de nove millóns de euros en ambos os dous casos.

Na Encrucillada afirma que "o rural ten que ter futuro, pero dende hai tempo estase executando un plan deseñado para que non sexamos conscientes do seu valor e potencialidades"

A diferenza está en que os dous parques eólicos situados nos límites deste concello, Peña Armada e Cova da Serpe, non xerán ningún posto de traballo no concello. Mentres que as 731 explotacións agrícolas existentes en Friol xeran 857 UTA (unidades de traballo/ano, ou sexa, empregos), con 4.360 vacas en muxida producindo 30 millóns de litros de leite/ano.

Na Encrucillada afirma que "o rural ten que ter futuro, pero dende hai tempo estase executando un plan deseñado para que non sexamos conscientes do seu valor e potencialidades" e engade que se trata "dun sector estratéxico que crea riqueza e valor, a falta de apoio que sufren enténdese ou ben pola cegueira ou ben polo cosmopaletismo dalgúns". E conclúen: "Ningunha familia de Friol vive desta riqueza eólica, os cartos vanse lonxe co vento, probablemente moi poucos veciños saiban incluso da magnitude deste expolio. Quizais só os cómplices".

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.