"O primeiro que queremos ao chegar á alcaldía é facer unha auditoría"

Imaxe de Muras © http://www.galiciaunica.es/

Muras é un concello do occidente da provincia de Lugo, situado entre Vilalba e As Pontes, na Serra do Xistral. Nos seus 164 quilómetros cadrados viven 696 habitantes, que ata este domingo viñeran votando de forma maioritaria ao Partido Popular, que gobernara dende 1991 de man de Issam Alnagm Azzam, médico nacido en Siria, que chegou en 1989 a Muras para traballar no seu centro de saúde. A figura de Issam Alnagm fora coñecida a nivel estatal cando en 2003 manifestou publicamente a súa oposición á Guerra de Irak e ao apoio do Goberno español á invasión. Pero en Muras é tamén coñecido por outras cousas: prácticas políticas caciquís e numerosos conflitos coas forzas da oposición e a prensa.

O pasado domingo o PP perdeu a maioría absoluta na localidade. Do 61% de votos obtidos en 2011, pasou ao 43%, ficando con 3 dos 7 edís en xogo. BNG (3) e PSdeG-PSOE (1) formarán unha maioría alternativa que levará á alcaldía a nacionalista Manuel Requeixo. Non é doado facer política nun concello coma Muras dende a oposición. Na pasada lexislatura Requeixo era o único edil do BNG e tivo de soportar numerosas presións e obstáculos por parte do alcalde e dos funcionarios municipais simplemente por querer fiscalizar a acción do Goberno local. Denuncia que as presións mesmo se converteron nalgún momento en ameazas directas e noutras ocasións se materializaron na apertura sen permiso dun camiño público nun terreo propiedade do voceiro nacionalista.

Manuel Requeixo recoñece que non esperaba que Issam Alnagm perdese a maioría absoluta, "sobre todo polas prácticas do alcalde durante toda a campaña electoral, baseadas no traballo clientelar"

Manuel Requeixo recoñece que non esperaba que Issam Alnagm perdese a maioría absoluta, "sobre todo polas prácticas do alcalde durante toda a campaña electoral, baseadas no traballo clientelar, indo casa por casa, prometéndolles aos veciños accións concretas do tipo 'fágoche esta pista, este camiño' a cambio do seu voto. Era o seu modus operandi, a súa maneira de facer e de gobernar, el non presentaba un programa ou propostas para Concello". En canto ao bo resultado do BNG (pasou do 12% ao 35%), sinala que "polo que iamos falando cos veciños xa observabamos que podiamos mellorar bastante o noso resultado. Pero a política nun concello coma Muras non é coma nunha cidade, hai factores distintos, e non podes estar seguro de que este bo ambiente e recepción ás nosas propostas finalmente se traduza en votos".

O resultado dos populares explícase por moitos factores, comenzando pola división interna no PP local. O alcalde tivo moitos problemas cos seus propios concelleiros e nos últimos seis meses de lexislatura estivo só na corporación. "Cando presentamos unha proposta para acadar a gratuidade do recibo da luz para todos os veciños censados, a moción aprobouse no pleno, porque dous dos edís do PP non acudiron, e outro apoiounos a nós", comenta Requeixo, que engade que "é lóxico que existan esas divisións cando as maneira do alcalde eran as dun verdadeiro ditador".

O alcalde tivo moitos problemas cos seus propios concelleiros e nos últimos seis meses de lexislatura estivo só na corporación. "E lóxico que existan esas divisións cando as maneira do alcalde eran as dun verdadeiro ditador"

A perda da maioría absoluta pode explicarse tamén, sinala, "por todos os problemas que nestes catro anos o alcalde estivo tendo coa xustiza" e tamén "polo noso papel na oposición, que serviu para sacar á luz todos os manexos que levaba a cabo no Concello". "Grazas a nós a xente puido ter información sobre o que realmente sucedía, que era unha das grandes carencias que había en Muras", di. Polo demais, Requeixo salienta que "no BNG presentamos un programa moi atractivo, que interesou moito aos veciños e veciñas. E, ademais, a xente que levabamos na lista era xente nova, xente da que os veciños e veciñas teñen moi boa opinión. Somos unha lista de xente honrada, de xente traballadora".

 

Presións e ameazas

O ata agora alcalde aínda non se puxo en contacto con Manuel Requeixo. "A relación entre Issam Alnagm e eu non existe dende hai catro anos" -comenta- "Xa dende os primeiros días da lexislatura, que me acheguei polo Concello para pedir documentación e revisar algúns expedientes, recibín ameazas pola súa parte. Non o denunciei porque ao final era a miña palabra contra a súa". Destaca igualmente as "presións" e os moitos obstáculos cos que tiña que levar a cabo o traballo de oposición: "cando ía consultar algún documento ao Concello, sempre tiña un funcionario ao lado, controlándome. E se quería fotocopiar algo, dicíanme que tiñan que pedirlle autorización ao alcalde".

"Xa dende os primeiros días da lexislatura, que me acheguei polo Concello para pedir documentación e revisar algúns expedientes, recibín ameazas pola súa parte"

Un bo exemplo da actitude que mantiña o rexedor ante as forzas da oposición e, en concreto, ante Requeixo, tivémolo na inauguración da Aldea Etnográfica, un polémico proxecto cun orzamento inicial de máis de dous millóns de euros, pero que segundo o concelleiro do BNG podería duplicar esa cantidade. O proxecto financiouse maioritariamente con subvencións procedentes do Plan de Compensación Medioambiental. O propio rexedor o principal beneficiado por esta operación, pois vendeulle ao Concello 109 pequenos predios e seis casas por 220.000 euros. Na inauguración da aldea, o pasado verán, Issam Alnagm dirixiu críticas e insultos tanto a Requeixo, coma a xornalistas de La Voz de Galicia, que publicaran unha información crítica co proxecto. 

 

Proxecto de cambio para Muras

"Muras necesita un cambio e chegou o momento"

O apoio do PSdeG-PSOE semella garantido. "A nosa relación do PSdeG local sempre foi boa" -comenta Requeixo- "Falei o mesmo domingo con Mario Rouco, o candidato socialista, e a idea é que Issam Alnagm non continúe". "Aínda non sentamos a falar disto con detemento, pero entendo que chegaremos a un acordo. Muras necesita un cambio e chegou o momento", di.

"O primeiro que queremos facer ao chegar á alcaldía é facer unha auditoría. Dende a oposición fixemos un traballo de fiscalización ata onde puidemos, pero queremos saber cal é a realidade"

"O primeiro que queremos facer ao chegar á alcaldía é facer unha auditoría. Dende a oposición fixemos un traballo de fiscalización ata onde puidemos, pero queremos saber cal é a realidade", salienta como primeira medida dun goberno de cambio. Ademais, "temos que pensar que vai pasar co proxecto da aldea etnográfica e hai que actuar xa nos servizos sociais: Muras é un concello moi envellecido, queremos poñer en marcha o servizo de xantar no fogar porque hai moita xente maior que vive soa e que ten prestacións moi pequenas".

Así mesmo, engade, "hai que actuar no referente á Rede Natura. Unha parte moi importante do Concello está dentro da Rede Natura e non se fixo nada con respecto a iso, os veciños non saben que actividades poden levar a cabo e cales non". "En Muras a maioría da xente vive da gandaría e da agricultura; se non se lle permite facer iso, as administracións deben compensarlles economicamente e darlles alternativas", subliña.

"A primeira proposta con respecto a isto sería asegurar que todos os habitantes de Muras teñen luz eléctrica. A segunda medida sería, como xa propuxemos no pleno, a gratuidade nos recibos da luz"

Outras das medidas prioritarias teñen que ver coa enerxía, en concreto coa produción eólica. "Muras ten case 600 aeroxeradores e non hai ningunha empresa vinculada á enerxía eólica. Os servizos de mantemento dos muíños están en Viveiro, As Somozas ou As Pontes, e aquí -que estamos sufrindo o impacto acústico e o impacto visual- os veciños e veciñas parece que non teñen dereito a nada, non teñen dereito a que lles reverta na súa economía o beneficio xerado pola enerxía", salienta. "A primeira proposta con respecto a isto sería asegurar que todos os habitantes de Muras teñen luz eléctrica; na actualidade hai unha familia que non ten enerxía e ten que depender dun xerador de gasoil, que ademais resulta moi molesto polo ruído que produce. Muras produce moita enerxía eléctrica, pero o alcalde non fixo nada por solucionar a situación desta familia", di. "A segunda medida sería, como xa propuxemos no pleno, a gratuidade nos recibos da luz. Levamos 15 anos cos aeroxeradores e aos veciños pagóuselles catro pesetas polas súas terras. De feito, o propio alcalde animounos a vender a ese prezo", engade.

Issam Alnagm Azzam © Concello de Muras
Manuel Requeixo, alcalde de Muras Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.