Ence esgrime un ano de perdas para botar 39 persoas e o comité anuncia doce xornadas de folga

Fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra), en terreos públicos á beira da ría © Ence

A empresa activou un procedemento de despido colectivo no que proporá "prexubilacións e baixas incentivadas" ao tempo que compromete un investimento de 120 millóns na súa fábrica

"Tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas" Ence vén de poñer en marcha un "Plan de Eficiencia e Competitividade" para o período 2025-2027 co que busca melloras técnicas e "a racionalización dos seus procesos operativos". Así o vén de facer público este venres a empresa nun comunicado no que baixo esas expresións e tras un ano de perdas logo de varios de beneficios xustifica que vaia prescindir de 39 traballadores, o 6,5% do seu cadro de persoal en Pontevedra.

A totalidade do comité de empresa, integrado por representantes de CCOO, CIG e UGT, xa anunciou este venres un calendario de folgas de doce xornadas para responder ás medidas emprendidas pola compañía. 

Imaxes de arquivo de manifestacións en contra e a favor de Ence CC-BY-SA APDR / ENCE

A empresa di que "a execución dos proxectos dos que se compón este plan implicará unha redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despido colectivo xa iniciado". Unhas saídas que "se acometerían ao longo de 2026 e 2027" e que irán precedidas de investimentos para "automatizar tarefas".

As saídas irán precedidas de investimentos para "automatizar tarefas", segundo di a empresa

Segundo Ence, na negociación co Comité de Empresa "analizaríase a posibilidade de levar a cabo prexubilacións e baixas incentivadas" e mesmo "recolocacións noutras plantas onde está investindo o Grupo Ence". Porque ao mesmo tempo que impulsa estes despedimentos a empresa informa de que "de forma paralela á realización deste Plan de Eficiencia e Competitividade continúa o proxecto Pontevedra Avanza, cun investimento presupostado de 120 millóns de euros".

Os despidos en Ence chegan malia que a empresa viu ratificada en 2023 polo Tribunal Supremo a súa concesión na ría de Pontevedra ata 2073, pero ao tempo que o Tribunal Constitucional analiza esa decisión e a UE ten aberta unha investigación a España por prorrogar concesións como esa no litoral sen concurso público.

A factoría de ENCE na ría de Pontevedra CC-BY-NC Diego Portela

En resposta aos despedimentos, o comité de empresa aprobou por ampla maioría nunha asemblea a convocatoria de doce xornadas de folga, unhas protestas que afectarán tanto a planta de Pontevedra como o resto de centros produtivos da compañía e as industrias auxiliares que dependen directamente da celulosa. 

O comité critica a presenza de directivos de Altri en Ence: "Incrementa e non diminúe o suposto rumor dunha posible venda pactada cunha redución previa de persoal"

"Só podemos responder con toda a nosa forza e unidade ante esta ameaza directa de despedimento colectivo, explicaron en rolda de prensa Santiago Cerqueiro e Omar Vázquez, presidente e secretario do comité, que denuncia que Ence non cumpriu cos investimentos avanzados nin cos acordos alcanzados tras o paro do mes de xaneiro polas malas condicións laborais. 

Ademais, o comité criticou a presenza de directivos de empresas como Altri nas instalacións de Navia e Pontevedra porque "incrementa e non diminúe o suposto rumor dunha posible venda pactada cunha redución previa de persoal"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.