A finais de 2020, o Concello italiano de Ginosa (no sur-leste do país, na costa do mar Xónico) aprobou prorrogar todas as concesións de ocupación do dominio público-marítimo terrestre do seu municipio ata finais de 2033. Fíxoo baseándose en diversas regulamentacións previas do Estado italiano, entre elas varias medidas urxentes adoptadas durante a pandemia da COVID para apoiar o sector turístico.
Na sentenza sobre unha prórroga de concesións de terreos costeiros en Italia, o TSXUE advirte de que a Directiva de Servizos de 2006 "impón" a "obriga" de que sexan adxudicadas con "selección imparcial e transparente" e non directamente
A decisión foi recorrida pola Autorità Garante della Concorrenza e del Mercato, o equivalente italiano á Comisión Galega da Competencia ou, a nivel estatal, á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. O litixio, alén das especificidades do ordenamento xurídico italiano e doutras cuestións concretas do caso, vén de culminar nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que deixa tras de si unha mensaxe que ecoa inevitablemente en Galicia ao fío da permanencia de Ence na ría de Pontevedra. Prórrogas coma esta, advirte o TSXUE, deben saír a concurso público, como manda a Directiva Europea de 2006 sobre os servizos no mercado interior.
A sentenza, con data do 20 deste mes de abril, explica que o Concello de Ginosa aprobou a prórroga automática de concesións de uso de terreos públicos na costa apoiándose en leis estatais que permiten facelo sen "organizar ningún procedemento de selección". Pero a Directiva de 2006 "impón aos Estados membros" a "obriga de aplicar un procedemento de selección imparcial e transparente" entre "posibles candidatos", ademais de "prohibir renovar automaticamente" a autorización. Trátase dunha obriga "incondicional" e que a lexislación europea estableceu de maneira "suficientemente precisa", advirte.
"Toda Administración ten a obriga" na UE de que as concesións en terreos litorais públicos sexan por concurso e, advirte o Tribunal, deben "deixar inaplicadas" as normas estatais que dispoñan o contrario
Esta obriga, especifica a sentenza, é especialmente clara "cando o número de autorizacións dispoñibles para unha determinada actividade" estea "limitado a causa da escaseza dos recursos naturais que se poidan utilizar". "Toda Administración ten o deber de organizar", segundo a mesma norma comunitaria, ese concurso público e ratificar que "se cumpre" coa Directiva. Para facelo, abonda, mesmo teñen o "deber de deixar inaplicadas as disposicións nacionais contrarias" á norma da UE, un deber que atinxe a todos os "órganos xurisdicionais e autoridades administrativas, incluídas as municipais".
A argumentación do Tribunal de Xustiza da UE neste caso é, en boa medida, semellante á empregada pola Comisión Europea o pasado febreiro para iniciar un procedemento de infracción contra o Reino de España porque a vixente Lei de Costas non garante "un procedemento de selección aberto, transparente e imparcial" nas concesións de terreos públicos no litoral, o cal contravén a mesma Directiva de Servizos do ano 2006. A lei española "tamén permite ampliar a duración de tales concesións" ata 75 anos "sen procedemento de selección ningún" e iso tamén "infrinxe" a Directiva, advertía.
Ao facer pública a existencia dese procedemento contra España, a Comisión Europea non mencionaba ningún caso concreto, pero si exemplificaba que destas concesións se benefician "restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc.". A única empresa papeleira actualmente situada no dominio público marítimo-terrestre do Estado español é a planta de Ence na ría de Pontevedra, que conforme á prórroga outorgada polo Goberno do PP de Mariano Rajoy en funcións no ano 2016, primeiro anulada pola Audiencia Nacional pero despois avalada polo Tribunal Supremo pode seguir nos terreos públicos da ría ata 2073, ata un total de 115 anos. Na concesión da prórroga non existiu concurso público ningún.
A Comisión Europea ten aberto un procedemento de infracción contra España por non garantir "seleccións aberta, transparente e imparcial" en terreos costeiros para, entre outras, "empresas papeleiras"
Antes, en 2021, a Comisión Europea si fora preguntada directamente sobre Ence a través dunha iniciativa do eurodeputado do PP pontevedrés Francisco Millán Mon. Na súa resposta, avanzada daquela por Praza.gal, o Executivo comunitario advertira de que concesións costeiras como a da celulosa debían respectar a Directiva de servizos de 2006 e seren adxudicadas mediante "procedemento de selección entre varios posibles candidatos".
Cara á Unión Europea, precisamente, ollaron institucións e colectivos contrarios á permanencia de Ence na ría de Pontevedra tras o aval do Supremo. Non obstante, na vía xudicial tanto o Concello de Pontevedra como Greenpeace, que xunto coa a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) recorreran a prórroga na Audiencia Nacional, xa avanzaron que comezan acudindo ante o propio Supremo e mais ao Constitucional
No caso do goberno local pontevedrés, o encargado de litigar é un equipo xurídico contratado polo propio Concello e encabezado por quen fora ministro de Xustiza do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, Francisco Caamaño. A encomenda inclúe presentar un incidente de nulidade no Supremo e un recurso de amparo no Constitucional, vía esta pola que tamén prevé transitar Greenpeace.