O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias rexeita unha petición de Adif para que o Principado lle pagase 7 millóns por unha liña de tren inacabada á fábrica de Ence en Navia cuxa ameaza levou a Xunta a rebaixar taxas á empresa no porto de Ribadeo
En 2010 Ence asinou un acordo co Principado de Asturias e a daquela Feve, empresa pública responsable da liña ferroviaria de ancho métrico que recorre o Cantábrico, para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase a súa fábrica de Navia e permitise mover as súas mercadorías por tren co porto de Xixón. O porto de Ribadeo, máis próximo a Navia, viña sendo o habitual da empresa e aquel acordo con Asturias levou á Xunta de Alberto Núñez Feijóo a rebaixarlle taxas no peirao galego para que non marchase.
Coa rebaixa de taxas na man, a obra asturiana quedou a medias e agora, década e media despois, Adif, herdeira de Feve, vén de perder un preito no Tribunal Superior de Xustiza de Asturias no que tentaba que o Principado lle pagase 7 millóns de euros do incumprido convenio de 2010. Década e media despois, Ence segue desfrutando de rebaixas de taxas en Ribadeo derivadas daquela ameaza que supuña a nunca rematada obra ferroviaria asturiana.
Ence viña movendo desde había anos diversos produtos da súa fábrica de Navia a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros por estrada, cando en febreiro de 2010 asinou un convenio co Principado de Asturias e a daquela Feve para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña de ancho métrico do Cantábrico para así levar as súas mercadorías por tren ao porto de Xixón, máis afastado. Unha obra que se prevía que custaría uns 9 millóns dos que Feve pagaría 3,5, o Principado outro tanto e Ence 2 millóns.
Os socios puxeron cartos e terreos, pero a obra disparouse de prezo e nunca foi rematada porque con esa ameaza de perda de tráficos en Ribadeo, a Xunta decidiu rebaixar taxas portuarias a Ence para reter en Galicia as súas operacións marítimas. Para iso chegou a mudar á medida da empresa a lei que regula as taxas portuarias e asinou un convenio cunha rebaixa de ata un 60% a cambio, segundo publicitou a propia Xunta, da permanencia dun mínimo de tráficos en Ribadeo.
O Tribunal de Cuentas estatal considerou "conveniente" rematar a obra na que vía "escaso interese" por parte de Ence ou do contrario denunciar á empresa por "danos e prexuízos"
Pero o texto do convenio non condicionou a aplicación da rebaixa de taxas en Ribadeo a que non se construíse o ramal ferroviario asturiano ou a que Ence non levase a Xixón parte dos seus tráficos. O acordo, desvelado por Praza.gal en 2016, cando a Xunta aínda non facía público o contido dos seus convenios como despois obrigou a Lei de Transparencia, permitía que Ence se beneficiase da rebaixa en Ribadeo ata decembro de 2019 marchase, quedase ou compaxinase os dous portos. Así o establecía un texto que falaba da fábrica de Navia en primeira persoa, como se fose a propia empresa quen redactase o convenio e non a administración galega.
Coa rebaixa de taxas en vigor e unhas mellores instalacións xa en servizo, a empresa deixou de ter interese na obra ferroviaria asturiana, que foi paralizada un ano despois. Así o constatou o Tribunal de Cuentas nun informe de fiscalización da antiga Feve que analizou a paralización da obra en Navia e o custo que tivo para as arcas públicas. Nese documento o Tribunal de Cuentas chegou a reclamar a Adif, na que se integrou Feve, que denunciase a Ence, na que vía "escaso interese na obra, por "danos e prexuízos" se non facilitaba o remate da dos traballos.

Agora, década e media despois, o que vén de resolver o Tribunal Superior de Asturias é un contencioso-administrativo no que Adif reclamaba ao Principado 7 millóns de euros pola obra -Ence, emprazada expresamente, non compareceu neste procedemento-. A sentenza sinala que o Principado xa pagara 2,8 dos 3,5 millóns previstos inicialmente e que o convenio fixaba "un límite ben establecido de 3.500.0000 euros", polo que rexeita a petición de Adif e insta para resolver as discrepancias a "que se utilicen os mecanismos previstos no convenio, en particular a comisión de seguimento, ou que se adopten as medidas precisas para que as tres partes implicadas, e non só Adif e o Principado de Asturias, acorden a extinción do convenio e procedan á liquidación do mesmo dentro dos límites que resulten do convenio".
Fronte a ese incumprimento do convenio asturiano, a rebaixa de taxas en Galicia segue en vigor, con sucesivas modificacións. Porque a fin da ameaza da obra asturiana non supuxo a fin da rebaixa en Ribadeo. O acordo orixinal que debía rematar en 2019 foi primeiro prorrogado e despois renovado cun segundo convenio ata o 31 de decembro de 2023. Nese segundo convenio xa non se dicía nada da obra ferroviaria que motivara o anterior, pero seguiron facilitándose rebaixas de taxas a Ence en función dos volumes que movese en Ribadeo e que podían chegar ata o 51%.

Feijóo chegou a xustificar as rebaixas de taxas a Ence, que levan 15 anos en vigor con diversas contías, como unha resposta súa ao desexo "das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia"
Ese segundo convenio xa comprometía por parte da Xunta "investimentos importantes" no porto de Ribadeo "asociados ás dragaxes" da ría. Pero un terceiro acordo entre Xunta e Ence, asinado en xullo de 2024 pero con vigor desde o 1 de xaneiro dese ano ata finais deste 2025, outorga na actualidade rebaixas que poden chegar ao 45% e que son maiores canto máis tarde Portos de Galicia en dragar a ría. Segundo ese acordo en 2024 as primeiras 200.000 toneladas movidas por Ence en Ribadeo contaron cun desconto do 28% antes da dragaxe que cae ao 17% despois da dragaxe, ata 9 puntos de diferenza. O acordo tamén contempla diferenzas na bonificación das taxas en seguintes rangos de volume de mercadorías segundo sexan movidas antes ou despois das dragaxes tanto en 2024 como en 2025.
Á espera de que Adif logre recuperar os cartos gastados hai 15 anos na obra de Navia, como lle pediu o Tribunal de Contas, Ence segue beneficiándose de rebaixas de taxas en Ribadeo. Unhas bonificacións que Feijóo chegou a xustificar como unha resposta ao desexo "das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia".