A bonificación foi implantada por Feijóo en 2011 ante a ameaza da empresa de levar a súa produción de Navia a Xixón cunha nova liña de tren, obra que paralizou un ano despois
Portos de Galicia vén de prorrogar dous anos máis, 2024 e 2025, a rebaixa de taxas a Ence no porto de Ribadeo que comezou a aplicarlle en 2011 baixo a ameaza da empresa de que senón levaría os seus tráficos da fábrica de Navia ao porto de Xixón.
Malia que a propia empresa paralizou hai máis dunha década as obras da liña de tren na que baseaba a súa ameaza, o Goberno galego vén prorrogando igualmente a súa rebaixa de taxas e agora faino ligando a mesma á súa propia axilidade administrativa para realizar cada ano dragaxes na ría de Ribadeo que faciliten as operacións do barcos de Ence: canto máis tarde a Xunta en dragar a ría cada ano, máis verá rebaixadas as taxas a empresa, con ata 9 puntos porcentuais de diferenza en función do volume das mercadorías.
Ence xa viña movendo desde había anos diversos produtos da súa fábrica de Navia, en Asturias, a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros por estrada, cando en febreiro de 2010 asinou un convenio co Principado de Asturias e a daquela Feve para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña de ancho métrico do Cantábrico para así levar as súas mercadorías por tren ao porto de Xixón.
Con esa ameaza de perda de tráficos en Ribadeo, a Xunta decidiu rebaixar taxas portuarias a Ence para reter en Galicia as súas operacións marítimas. Para iso chegou a mudar á medida da empresa a lei que regula as taxas portuarias e asinou un convenio cunha rebaixa de ata un 60% a cambio, segundo publicitou a propia Xunta, da permanencia dun mínimo de tráficos en Ribadeo.
O primeiro convenio de 2011 fora redactado á medida de Ence, que podía beneficiarse das rebaixas da Xunta marchase, quedase ou compaxinase os seus tráficos en Ribadeo e Xixón
Pero o texto do convenio non condicionou a aplicación da rebaixa de taxas en Ribadeo a que non se construíse o ramal ferroviario asturiano ou a que Ence non levase a Xixón parte dos seus tráficos. O acordo, desvelado por Praza.gal en 2016, cando a Xunta aínda non facía público o contido dos seus convenios como despois obrigou a Lei de Transparencia, permitía que Ence se beneficiase da rebaixa en Ribadeo ata decembro de 2019 marchase, quedase ou compaxinase os dous portos. Así o establecía un texto que falaba da fábrica de Navia en primeira persoa, como se fose a propia empresa quen redactase o convenio e non a administración galega.
Coa rebaixa de taxas en vigor e unhas mellores instalacións xa en servizo, a empresa deixou de ter interese na obra ferroviaria asturiana, que paralizou un ano despois. Así o constatou o Tribunal de Cuentas nun informe de fiscalización da antiga Feve que analizou a paralización da obra en Navia e o custo que tivo para as arcas públicas. Nese documento o Tribunal de Cuentas chegou a reclamar a Adif, na que se integrou Feve, que denunciase a Ence por "danos e prexuízos" se non facilitaba o remate da obra. Pero a obra nunca máis continuou e Adif, Principado e Ence negociaron para dala por rematada.
Pero a fin da ameaza da obra asturiana non supuxo a fin da rebaixa de taxas en Ribadeo. O acordo orixinal que debía rematar en 2019 foi primeiro prorrogado e despois renovado cun segundo convenio ata o pasado 31 de decembro de 2023. Nese novo convenio xa non se dicía nada da obra ferroviaria que motivara o anterior, pero seguiron facilitándose rebaixas de taxas a Ence en función dos volumes que movese en Ribadeo e que podían chegar ata o 51%.
Ese segundo convenio xa comprometía por parte da Xunta "investimentos importantes" no porto de Ribadeo "asociados ás dragaxes" da ría. Pero agora o terceiro convenio entre Xunta e Ence, asinado o 7 de xullo pero con vigor desde o 1 de xaneiro, liga aínda máis ás dragaxes as rebaixas de taxas, que poden chegar ao 45%. En 2024 as primeiras 200.000 toneladas movidas por Ence en Ribadeo teñen un desconto do 28% antes da dragaxe que cae ao 17% despois da dragaxe, ata 9 puntos de diferenza. O acordo tamén contempla diferenzas na bonificación das taxas en seguintes rangos de volume de mercadorías segundo sexan movidas antes ou despois das dragaxes tanto en 2024 como en 2025.
Por outra banda, o convenio, como no caso dos dous anteriores, non fixa límites que resulten difíciles de acadar para Ence, que leva máis dunha década rexistrando sucesivos aumentos tanto da produción en Navia como do volume de movementos no porto de Ribadeo. No primeiro convenio de rebaixa de taxas asinado en 2011 Ence comprometía, para que fose aplicable a rebaixa, mover un mínimo de 675.000 toneladas en 8 anos, pero esa cifra acadouna xa no segundo ano.
Feijóo chegou a xustificar as rebaixas de taxas a Ence como unha resposta súa ao desexo "das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia"
Só en 2019, último ano de vixencia prevista do primeiro convenio, a empresa moveu en Ribadeo 341.000 toneladas. Pero o seguinte convenio asinado non se fixou un obxectivo máis ambicioso senón que se comprometía a mover en catro anos, entre 2020 e 2023, 1,2 millóns de toneladas, a razón de 300.000 ao ano. E o que sucedeu foi que o pasado ano moveu 522.000 toneladas, o que supuxo que 222.000 delas se beneficiasen da bonificación máis elevada das previstas pola Xunta para ese último ano en vigor do acordo, do 38%. E agora o terceiro convenio sinala que as bonificacións só serán aplicables se a empresa acada un mínimo de 480.000 toneladas tanto en 2024 como en 2025, 50.000 menos que as que moveu o ano pasado.
Ence beneficiarase así de rebaixas de taxas en Ribadeo durante cando menos 15 anos. Unhas bonificacións que Feijóo chegou a xustificar como unha resposta ao desexo "das institucións de Ribadeo, dos sectores sociais de Ribadeo e de toda Galicia".