O Tribunal de Cuentas pedira á administración que denunciase por “danos e prexuízos” a paralización dunha liña de tren á fábrica de Ence en Navia que Portos esgrimiu como ameaza para xustificar perdoarlle taxas en Galicia
Tras reclamalo o Tribunal de Cuentas, que mesmo propuxo que se esixira á empresa “danos e prexuízos”, Adif e o Principado de Asturias están a negociar con Ence o futuro do inacabado ramal ferroviario á fábrica que ten en Navia e que, pagado en parte con fondos públicos, serviu como argumento para que a Xunta lle veña rebaixando á pasteira desde 2011 as taxas por empregar o porto de Ribadeo en vez do tren asturiano para o movemento dos seus produtos. O goberno do Principado, que cuantifica en 2,8 millóns o que xa pagou por unha obra na que a empresa deixou de ter interese, di que non seguirá achegando cartos a eses traballos e aspira a recuperar esa contía. Pola súa banda, a empresa apartou 10,7 millóns nas súas contas para a “cancelación” de varios contratos para o transporte de madeira e celulosa da súa fábrica de Navia, operación cuxo balance final considera beneficioso.
Había anos que Ence viña movendo diversos produtos da súa factoría de Navia a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros ao oeste por estrada, cando hai unha década asinou un convenio co Principado e Feve (hoxe Adif) para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña ferroviaria que atravesa Asturias e pasar a usar o porto de Xixón, a uns cen quilómetros ao leste. Dos 9 millóns que se prevía que custaría ese ramal de acceso á súa fábrica, Feve pagaría 3,5, o principado outro tanto e Ence 2 millóns. As previsions dispararonse e na actualidade, coa obra lonxe de rematarse, Adif cuantifica xa en 9 millons o executado, contia que deberá agora pagar Ence en solitario.
Con esas obras xa iniciadas foi cando a Xunta asinou con Ence en 2011 un acordo á medida da empresa para rebaixarlle ata un 60% as taxas polo uso que xa viña facendo do porto de Ribadeo, titularidade de Portos de Galicia. O principal argumento ofrecido polo Goberno galego para esa exención foi precisamente a ameaza de que Ence levase a Xixón por tren os tráficos que viña captando Ribadeo. Do mesmo xeito, o argumento esgrimido polo Principado para xustificar a súa achega de fondos públicos para construír a vía ferroviaria á fábrica de Navia era o de que así Asturias pasaría a beneficiarse duns tráficos que ata aquel momento pasaban por Galicia.
A operación de Ence a dúas bandas, co Principado e Feve/Adif, por un lado, e coa Xunta, por outro, foi desmontada polo Tribunal de Cuentas nun informe de fiscalización dos investimentos de Feve entre 2005/2012 publicado en novembro de 2017 no Boletín Oficial del Estado (BOE). Nel o ente fiscalizador relata como, unha vez asinado o acordo coa Xunta, a obra da liña férrea asturiana foi paralizada polo “escaso interese” da empresa por continuala. Os obstáculos que Ence comezou a poñer para a obra ferroviaria foron relacionados polo Tribunal de Cuentas “co feito de que durante todo este período de tempo ata a actualidade veu suplindo este servizo de transporte por ferrocarril co transporte por estrada ao porto galego de Ribadeo máis próximo á súa factoría”.
Ante esa situación, o ente fiscalizador fixo unha petición a Feve/Adif: “Sería conveniente que se intensificasen as negociacións para poder terminar coa construción do tramo ou, no seu caso, se denunciara o contrato e, conforme ao establecido nos contratos asinados, se esixira á empresa propietaria da factoría a indemnización dos danos e prexuízos provocados pola súa actuación”.
A empresa sinala nos seus últimos resultados que reservou 10,7 millóns para cancelar varios contratos de transporte de madeira e celulosa da súa planta de Asturias pero salienta que o balance final da operación sáelle beneficioso
Esas negociacións de Adif e o Principado con Ence para decidir o futuro desa obra inacabada retomáronse á fin o pasado ano, segundo confirman varias fontes, tras o silencio inicial da empresa aos primeiros contactos por parte da administración central. En novembro o goberno do Principado informou no parlamento autonómico, a pregunta de Podemos, que non pensaba seguir achegando cartos a eses traballos tras poñer neles 2,8 millóns de euros mentres non se decidise se se prescinde definitivamente desa actuación. Desde Podemos criticouse a “compracencia” das administracións con Ence ao beneficiala con recursos públicos para que finalmente a empresa lograse unha rebaixa de taxas en Galicia. Adif, pola súa banda, confirma a existencia desas negociacións para recuperar os cartos públicos e aclara que están xa moi avanzadas..
Mentres, Ence reflicte, nos seus resultados anuais que vén de facer públicos, que comezou a negociar a “cancelación” de varios contratos para o transporte de madeira e celulosa da súa fábrica de Navia que segundo di “suporían un maior custo loxístico anual a futuro, fronte ás mellores condicións conseguidas de maneira recorrente pola Compañía desde aquela”. Por iso, di, apartou “unha provisión de 10,7 millóns de euros que cubre o importe máximo estimado para a cancelación de ditos contratos, sendo este importe claramente inferior ao valor actual do sobrecusto en que incorrería a compañía no caso de manterse ditos contratos”.
A modificación legal que ampara a rebaixa selectiva de impostos en Portos de Galicia só se empregou unha vez: con Ence en Ribadeo
A obra asturiana pola que agora Adif e Principado lle piden contas a Ence foi empregada pola Xunta como xustificación para rebaixarlle á empresa impostos en Galicia, unha bonificación de taxas portuarias que tal e como foi redactada no convenio asinado ao efecto entre Portos de Galicia e Ence, desvelado en febreiro de 2016 por Praza.gal, non evitaría a marcha da empresa de Ribadeo senón que na práctica supuxo un perdón unilateral do que viña pagando fixese o que fixese. Por outra banda, aquela rebaixa concretouse a través dun convenio para o que foi preciso modificar previamente en decembro de 2010 a lei de taxas de Portos de Galicia. Esa modificación legal para permitir ao ente público asinar convenios de rebaixa de taxas con empresas privadas só se empregou unha vez: con Ence.
Ence vén presentando beneficios en aumento ano tras ano e o daquela responsable de Portos que autorizou a rebaixa de impostos foi contratado polo Concello de Arteixo como "xestor eficaz de recursos"
Aquel convenio asinado en 2011 e que remata a finais deste ano, polo que a negociación agora en marcha en Asturias pode influír na súa renovación, supuxo polo menos nos seus primeiros anos en vigor unha redución dos ingresos de Portos de Galicia de entre 300.000 e 500.000 euros anuais (entre o 2% e o 3% dos ingresos ordinarios do ente público). Pero a rebaixa non foi a única concesión que fixo a Xunta a Ence en Ribadeo. Tras a ameaza de deixar Galicia por Asturias, a Xunta tamén investiu 2,2 millóns de euros en mellorar o porto lucense, obras que o propio Feijóo vinculou ás necesidades da empresa na súa inauguración en xullo de 2012. A empresa, pola súa banda, vén obtendo ducias de millóns de euros de beneficios cada ano desde aquela, 132 millóns só en 2018.
Por outra banda, o responsable daquela modificación legal da lei de taxas e do posterior convenio para reducir impostos a Ence en Ribadeo foi o daquela presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, que cando deixou ese ente público foi contratado en setembro de 2015 polo goberno local de Arteixo, do PP, co cargo oficial de “xestor eficaz de recursos”.