Feijóo elude aclarar no Parlamento quen decidiu rebaixarlle impostos a ENCE

Parte do convenio asinado pola Xunta con ENCE CC-BY-SA Praza Pública

Sabido o "que", restaba saber o "quen", pero o presidente da Xunta eludiu aclaralo. Alberto Núñez Feijóo tiña este martes diante de si unha pregunta do BNG a respecto da prórroga á permanencia da factoría de ENCE, decidida polo Goberno de España en funcións. No entanto, a irrupción na escena pública do convenio polo que a Xunta lle rebaixou á pasteira máis da metade dos impostos que tería que afrontar por mover as súas mercadorías no peirao de Ribadeo, revelado en exclusiva por Praza.gal, levou o voceiro do Bloque a pedir explicacións a respecto deste pacto e dos seus responsables, toda vez que no texto se fala de ENCE como "nuestra factoría".

"Vostede non defende os postos de traballo, o que defende son os intereses dunha empresa amiga", reprochou Francisco Jorquera, quen lle esixe ao xefe do Executivo que "explique por que" fou asinado un convenio que implica que as arcas públicas "deixen de percibir medio millón de euros" só por "facerlle un favor a ENCE". "Pódeme dicir quen fixo este convenio?", inquiriu Jorquera para quen a propia redacción en primeira persoa amosa ás clara que "o fixo ENCE". "A Xunta -censura- limitouse a asinar o que lle pasou ENCE" e esa, precisamente, "é a desgraza deste país". O PP, lamenta, "reduciu a Xunta a unha estafeta que se limita a asinar o que lle ditan as súas empresas amigas".

Jorquera ve claro que o convenio "fíxoo ENCE" e a Xunta se limitou a "asinar o que lle dita a súa empresa amiga"

Malia á pregunta, Feijóo non se afastou do campo de xogo que marcara dende a súa primeira intervención. "A ubicación da papeleira ENCE na ría de Pontevedra a todos os que estamos aquí non nos gusta", afirma o presidente, que achaca á "preocupación polo emprego" o apoio a que a factoría fique onde está ata 2073. Aínda que o traslado da fábrica figurou no programa electoral do PPdeeG ata en dúas ocasións -2009 e 2012- Feijóo mantén que a "única alternativa" á permanencia de ENCE na ría é o peche, polo que opoñerse á prórroga non máis ca unha "proposta de paro do BNG".

Feijóo eríxese en garante de que a produción da pasteira non vaia a Asturias aínda que a rebaixa en Ribadeo a favorece

Aínda que o convenio asinado coa empresa sobre o peirao de Ribadeo favorece, precisamente, que ENCE incremente a produción na súa factoría asturiana de Navia o presidente asegura que un dos motivos polos que agora apoia a prórroga é que a madeira das "familias" galegas non teña que ser vendida e desprazada cara a Asturias. "Dende os escanos é moi fácil falarlles ás familias que traballan", espetoulle a Jorquera, a quen acusa de dicirlles "as familias" que "busquen un traballo onde poidan". Mentres, aínda que sen aclarar como -a prórroga non o esixe-, o presidente afirma que o PP deixa garantido "que ENCE faga máis investimentos e traia máis proxectos industriais". "Mentres sexa presidente loitarei por iso", agrega, mentres reprocha que o BNG, que "leva 17 anos gobernando en Pontevedra e leva 4 anos do bipartito", non "sinala o emprazamento" alternativo para a fábrica

Lores: "Servilismo total"

O alcalde de Pontevedra ve na rebaixa unha mostra do "fío directo" de ENCE "co PP e coas cloacas do Estado"

As verbas de Feijóo eran seguidas dende a tribuna do Pazo do Hórreo por, precisamente, o alcalde de Pontevedra, que tras escoitar o presidente concluíu ironicamente que "non hai nada novo baixo a chuvia" alén do "servilismo total e absoluto" dun PP que "fai o que sempre estivo facendo co DOG e co BOE, favorecer todo o posible a consolidación de ENCE na ría". "É absolutamente coñecido que hai unha relación directa de cargos que foron responsables de Medio Ambiente" e que agora sentan no consello de administración da pasteira e eles, di, son os beneficiarios dunha prórroga que non é posible xustificar "coa demagoxia dos postos de traballo".

Neste sentido, Miguel Anxo Fernández Lores ve na rebaixa de taxas portuarias unha mostra máis do "fío directo" de ENCE "co PP e coas cloacas do Estado", tendo mesmo "capacidade de mudar leis". Esa rebaixa, subliña, ten a mesma finalidade que "cando lle financian máis do 90% do canon da auga", aínda que isto supoña que a Administración deixe de ingresar "5 millóns ao ano".

Feijóo, durante o pleno © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.