A demora de Feijóo para decidir o seu futuro dispara o debate sucesorio no PPdeG

Feijóo, Rajoy e Rueda, en Soutomaior CC-BY-SA PPdeG

Nos últimos días Alberto Núñez Feijóo concedeu senllas entrevistas a La Voz de Galicia e El Mundo e en ambas abordaba, esencialmente, duas cuestións: o futuro político de Mariano Rajoy e o seu, asuntos salferidos por ataques máis ou menos rituais aos goberno das mareas, as plataformas que prenderon as alarmas no cuartel xeral dos conservadores galegos por lograren gobernos municipais como os da Coruña, Santiago e Ferrol tras unha campaña municipal inzada de referencias ao radicalismo e a Venezuela. Nos dous diálogos cos xornalistas Feijóo evidencia que en poucas semanas aclarará o interrogante que mantén dende hai meses, se concurrirá ás eleccións galegas deste ano e, polo tanto, se opta ao incerto obxectivo de lograr a presidencia por terceira vez. Decida o que decida, o debate sucesorio previo ao congreso autonómico está aberto.

Non son poucos os cargos do PP que, dentro e fóra de Galicia, instan a Feijóo por diferentes motivos a ficar onde está e deixar de lado a súa reflexión sobre o "razoable" que lle resulta non acumular máis de dous mandatos. Unha das primeiras voces ao respecto foi a de Mariano Rajoy, que o pasado verán, en plena precampaña das xerais, xa advertira de que para el "o mellor candidato" para tentar reter a Xunta era o actual presidente. O eloxio tamén podería, chegado o caso, ser empregado como freo para o salto de Feijóo a Madrid que frustrou a publicación en 2013 das fotos navegando co narcotraficante Marcial Dorado en 1995.

Diversos dirixentes instan a Feijóo, por diversos motivos, a ficar onde está

As reflexións en público e en privado sobre a conveniencia de que Feijóo non poña o temón do PP galego noutras mans en plena travesía fronte ás mareas sucedéronse nos seguintes meses. Chegaron tamén mesmo dende o PP de Ourense, en cuxo seo veteranos dirixentes admiten que "Alberto Núñez", como lle seguen chamando, pode non ser do seu total agrado, pero a súa marcha poría en serio risco, aínda máis, a continuidade na Xunta. Non haberá, daquela, movementos desestabilizadores pola banda ourensá, cara á que, quid pro quo, tampouco se tentaron operacións hostís ningunhas dende a dirección galega do partido nin antes nin despois do estourido do caso no que unha muller acusa a José Manuel Baltar de ofrecerlle alterar o resultado dunhas oposicións na Deputación para garantirlle un posto de traballo a cambio de sexo.

Puy e Barreiro afirman que hai "recambio" se o actual presidente non recunca

No mesmo sentido, aínda que con matices, se pronunciaron diversos dirixentes despois de analizar as declaracións de Feijóo nos últimos días. É o caso, por exemplo, de Pedro Puy, voceiro parlamentario e dirixente no que se pousan diversas olladas á hora de falar de sucesión. "O ideal sería que Feijóo repetise como presidente do partido", esa é a "concidencia xeral", asegura, se ben habería "recambio", mesmo "máis de un", ante unha eventual marcha do titular do Goberno galego. "Se Feijóo marcha, evidentemente hai recambio", defendeu no mesmo sentido o voceiro do partido no Senado, José Manuel Barreiro, quen dez anos despois de competir con Feijóo pola sucesión de Fraga advirte en declaracións á Cadena SER de que o PPdeG é "un gran partido" que podería xestionar a remuda se é o caso.

A batalla de Lugo e a marcha de Rueda

Por Barreiro, precisamente, pasa un dos procesos que actuará como termómetro da posible sucesión de Feijóo. O veterano dirixente vén de decidir que non opta de novo á presidencia do PP de Lugo, que ocupa dende 2002, e á súa vacante optan dúas candidatas que reproducen, a pequena escala, o congreso galego de 2006, ademais de replicar a pugna interna que se deu na provincia pola candidatura á presidencia da Deputación. Ese cargo foi ocupado fugazmente entre xuño e outubro por Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo e próxima a Barreiro, quen agora medirá de novo as súas forzas con Raquel Arias, delegada territorial da Xunta e ligada politicamente a Feijóo.

Un dos procesos que actuará como termómetro da posible sucesión de Feijóo será a pugna entre Candia e Arias en Lugo

Na confirmación da súa candidatura, este luns, Arias advertiu de que a dela é o proxecto da "renovación", esa que "pide a sociedade á clase política". Se logra impoñerse no congreso do 6 de marzo, advirte, despregará un proxecto "aglutinador", pero non "continuísta". Cómpre "ter claro" que "non soubemos estar á altura do que a cidadanía demandaba", dixo entre chiscadelas á posible celebración de primarias mentres, case ao tempo, a súa rival anunciaba a súa intención de promover congresos comarcais para achegar as decisións á militancia.

Cando en abril chegue o congreso galego xa practicamente nada será igual agás unha cousa: o líder do PP de Ourense seguirá a se apelidar Baltar

Unha semana despois da derrota ou vitoria da candidata máis próxima a Feijóo producirase un dos movementos que máis ás claras amosan o fin de ciclo no PP galego. Alfonso Rueda, número dous de Feijóo no partido e na Xunta, deixará a secretaría xeral do PPdeG para asumir a presidencia de Pontevedra, provincia que os populares admiten como "clave" para tentar reter a Xunta. Con Rueda nesta nova función cómpre un novo xefe do aparello do partido, posto para o que soan nomes como o do exalcalde de Ferrol e conselleiro de Política Social, José Manuel Rey -que xa se descartou en público- ou o do exalcalde de Santiago, Agustín Hernández, entre outros.

Estas serás as condicións nas que, en abril, chegue o congreso autonómico do PPdeG, o da sucesión ou continuidade de Feijóo. Cando o agardado anuncio se produza practicamente nada dentro e fóra do partido será políticamente igual a cando en 2006 o actual presidente se puxo á fronte da oposición ao bipartito, a comezar por tres dos catro liderados provinciais. Practicamente nada pero si unha cousa: o líder do PP de Ourense seguirá a se apelidar Baltar.

Feijóo, en presenza de Rueda nun comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.