A derradeira foto de Rajoy e Feijóo en Soutomaior?

Rajoy, con cargos populares e veciños na súa visita a Ordes © PP

Nas pasadas municipais o PP retivo a súa maioría absoluta en Soutomaior por 89 votos, os que lle faltaron ao BNG para sumar o seu sexto concelleiro nun municipio no que, nas eleccións de 2011, os conservadores lograran un folgado triunfo, con 9 edís fronte a 4 da oposición. Se non fose por ese axustado resultado, o tradicional acto de "inicio do curso político" que o partido da dereita celebrará o vindeiro domingo na vila pontevedresa estaría arrodeado dun clima, se cabe, aínda máis enrarecido na que, se as vindeiras citas coas urnas así o propician, podería ser a derradeira foto de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo protagonizando este acto como presidentes dos gobernos de España e Galicia e líderes do partido nos seus respectivos ámbitos.

Malia tentar minimizalo por múltiplas vías a cúpula do PPdeG é consciente de que afronta o decisivo curso 2015-2016 tras acadar o peor resultado municipal da súa historia en Galicia, afondando así nun devalo de apoio cidadán que, paradoxalmente, comezou en 2012, cando Feijóo logrou a súa segunda maioría absoluta. Esta caída foi a que provocou un verdadeiro terremoto político na provincia na que o presidente da Xunta asenta en boa medida o seu liderado, a da Coruña, pero tivo tamén consecuencias nada desdeñables en Pontevedra, onde o bo resultado do BNG na capital da provincia combinado co espectacular triunfo de Abel Caballero en Vigo lle arrebatou aos populares a Deputación que presidira o propio Rajoy, baixo cuxo mandato a institución provincial adquiriu o castelo de Soutomaior.

O PP celebra o tradicional mitin tras obter os peores resultados da súa historia municipal en Galicia

Toda esta treboada implica que o vindeiro domingo vaia sentar na fortaleza que agora dirixe unha coalición de socialistas e nacionalistas moito menos poder institucional que hai un ano. Daquela ao carón de Rajoy e Feijóo sentaba o presidente da Deputación, Rafael Louzán, agora en retirada, e xusto ao lado aplaudía o alcalde da Coruña e home forte do partido, Carlos Negreira, na actualidade líder da oposición herculina e deputado provincial coruñés, tamén na oposición. "Non hai forza política que nos pare", proclamou Feijóo no mitin de 2014, no que augurou a inminente aprobación das reformas electorais estatal e autonómica, que nunca chegaron, ademais de augurar un gran triunfo conservador na contenda municipal.

O domingo sentará en Soutomaior moito menos poder institucional que hai un ano

Nesta ocasión o clima será tamén preelectoral en Soutomaior, onde disque ameazará chuvia. O acto suporá o lanzamento definitivo dos populares cara á campaña das eleccións xerais, para a que Rajoy queceu nas últimas semanas en Galicia. En actos en Ordes, Mondariz Balneario, Celanova -sen Baltar- e Portomarín o titular do Goberno central e candidato á reelección prodigouse en fotografías con cidadáns, foi máis alá que a propia Xunta ao asegurar que o prezo do leite é "inxusto" e tamén realizou declaracións sobre Feijóo que nalgúns foros foron lidas como pouco retóricas e menos inocentes. A Rajoy preguntóuselle por enésima vez a respecto dun eventual futuro de Feijóo en Madrid e retrucou que o actual presidente galego é "o mellor candidato" que o PP pode ter para as eleccións galegas de 2016.

Nas súas visitas estivais por Galicia Rajoy deixou un recado a respecto do futuro de Feijóo ao afirmar que é "o mellor candidato" para Galicia

O convite de Rajoy a que Feijóo fique onde está foi aplaudido por notables do partido en Galicia, como o voceiro parlamentario, Pedro Puy, e reiterado por outros cargos como a aínda presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia. Todos eles compartirán o domingo un acto preelectoral no que se prevé que Rajoy saque peito polos Orzamentos acabados de aprobar e se erixa en garante da "recuperación económica" fronte á "esquerda radical". Ninguén sabe se dentro dun ano Rajoy retornará a Soutomaior como presidente e pedindo votarlle a alguén que non sexa Feijóo para a Presidencia da Xunta. Ou se Feijóo abrirá o curso cargando contra un Goberno de España que xa non presida o PP.

Feijóo e Rajoy, no mitin de Soutomaior © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.