O inicio do devalo no PPdeG que a vitoria de 2012 ocultou

Rueda, Feijóo e Barreiro, este luns no comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

"Non hai problema en variar de rumbo" para "recuperar a confianza perdida". O secretario xeral do PP en Galicia e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, falaba así este luns ante a prensa. Facíao antes de participar no comité de dirección do partido, órgano que perdeu relevancia pública nos primeiros anos do goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta pero que dende as eleccións do 24M xa se reuniu dúas veces. Sobre a mesa dese comité volveu estar o mal resultado que a formación sufriu nas pasadas eleccións municipais e que os conservadores se propoñen atallar coa elaboración dunha "ponencia política". Trátase de emendar un devalo que, non obstante, non comezou nos recentes comicios municipais, senón máis atrás.

Na noite electoral do 21 de outubro de 2012 o presidente compareceu exultante ante a prensa. Viña de pasar de 39 a 41 deputados e proclamou que o caudal de confianza nel e no seu partido viñan de aumentar. Dende ese momento o PPdeG reiterou en incontables ocasións que as eleccións de 2012 lle serviran para "ampliar" a maioría absoluta. Se ben a suma de escanos é innegable non o é menos que naqueles comicios os populares perderon 130.000 votos a respecto das anteriores eleccións galegas, as de 2009. No entanto, as caídas de PSdeG e BNG e a maior fragmentación do voto da esquerda permitíronlle aos de Feijóo presentar como un triunfo esmagador o que foi unha vitoria, pero tamén o inicio dunha tendencia á baixa ante a que, cando menos aparentemente, non tomaron medidas de renovación interna.

A tendencia descendente comezou nas eleccións de 2012, cando o PP perdeu case 130.000 votos pero gañou tres escanos

Como é posible observar na gráfica que acompaña esta información, aquelas eleccións supuxeron un punto de inflexión dende o cal en cada unha das eleccións celebradas o PPdeG caeu en votos a respecto da anterior convocatoria electoral do mesmo ámbito. Así, nas eleccións europeas de 2014 colleitaron en Galicia pouco máis de 354.000 votos, o seu peor resultado no país no último cuarto de século, e nas municipais do pasado maio conservaron a condición de forza máis votada pero con 524.000 votos, o menor número de sufraxios nunhas municipais galegas en toda a historia do partido.

A caída de 2012 chegou despois de que apenas un ano antes o PP lograse en Galicia o seu terceiro mellor resultado nunhas eleccións xerais, con 864.000 votos que impulsaron a Mariano Rajoy cara a La Moncloa. A repentina perda de folgos deu lugar a unha moi notable diferenza de apoio cidadán entre as eleccións a Cortes Xerais e as celebradas para renovar o Parlamento galego apenas once meses despois: 200.000 persoas que apoiaron a Rajoy en 2011 non fixeron o propio con Feijóo ao ano seguinte. 

Nos tempos das grandes vitorias de Fraga o PP recibía máis votos nas eleccións galegas que nas xerais; nos comicios de 2012 tivo 200.000 votos menos que nos estatais dun ano antes

Esa gran diferenza entre ambas convocatorias supón afondar nun fenómeno que non se producía nos tempos das grandes vitorias electorais de Manuel Fraga, cando o PP recibía máis votos nas galegas que nos comicios estatais, que adoitan celebrarse no ano anterior. Así, por exemplo, nos comicios galegos de 1993 Fraga logrou 16.000 votos máis que Aznar en Galicia poucos meses antes. Nas eleccións galegas de 1997 a distancia reduciuse, pero o PPdeG aínda logrou 5.000 votos máis que os obtidos nas xerais de 1996, cando José María Aznar chegou ao Goberno de España.

O modelo invertiuse definitivamente no ano 2000, cando nas eleccións da maioría absoluta de José María Aznar o PP tivo o seu mellor resultado en Galicia, con case 889.000 votos, 96.000 máis que nas eleccións galegas do ano seguinte, as da derradeira maioría absoluta de Fraga. En 2005, cando PSdeG e BNG lograron desbancar a Fraga o PP tivo 108.000 votos menos que nas xerais de 2004. A fenda reduciuse no período 2008-2009, cando os votos ao PP en Galicia nas derradeiras xerais que gañou Zapatero foron apenas 20.000 máis que nas primeiras galegas de Feijóo.

Estes son os números que acompañan o PP galego cara a un futuro incerto no que as incógnitas comezan polo seu liderado. Para procurar certezas a dirección do partido encomendoulle o devandito relatorio a un equipo "novo, que apenas supera os 40 anos, e cuxo denominador común é a combinación de experiencia e de xestión, a claridade de ideas e o espírito crítico", di Rueda. Nese grupo, "ao que se incorporará algún nome máis", encádranse alcaldes e alcaldesas como a de Melide, Ángeles Vázquez, o da Estrada, José López Campos, ou os novos rexedores de Ourense e Mondoñedo, Jesús Vázquez e Elena Candia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.