O Supremo inhabilita o fiscal xeral

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, na apertura do ano xudicial o pasado 5 de setembro © Fiscalía

Álvaro García Ortiz é inhabilitado dous anos e ten que indemnizar con 10.000 euros á parella de Ayuso por filtrar que fora o empresario e non a Fiscalía quen quería pactar e asumir a culpa no seu caso por fraude fiscal

O Tribunal Supremo elixiu este 20 de novembro, 50 aniversario da morte de Franco, para facer pública a súa condena do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, por revelación de datos reservados no caso por fraude fiscal da parella da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. García Ortiz é condenado a dous anos de inhabilitación, multa de 7.200 euros e a indemnizar a parella de Ayuso con 10.000 euros por danos morais.

Este xoves o Supremo só fixo público o ditame da súa decisión, pero a sentenza aínda non foi divulgada.

Álvaro García Ortiz nun intre do seu xuízo © Sinal vídeo TS

Coa súa condena o Supremo considera a García Ortiz "autor dun delito de revelación de datos reservados" por filtrar que fora o empresario parella de Ayuso, Alberto González Amador, quen quixo pactar coa Fiscalía e admitir a culpa na súa investigación por fraude fiscal. El Mundo publicara previamente que fora a Fiscalía quen instara o pacto e varios medios obtiveron os correos que, pola contra, confirmaron que fora o investigado o que admitía a fraude e tentaba pactar. 

Malia que xornalistas deses medios declararon no xuízo que non fora García Ortiz quen lles dera as probas e mesmo que as tiñan no seu poder antes que o propio fiscal xeral, agora o Supremo condénao como responsable da filtración.

O ditame do Supremo fixa unha "pena de multa de 12 meses cunha cota diaria de 20 euros e inhabilitación especial para o cargo de Fiscal Xeral do Estado por tempo de 2 anos". Tamén di que "como responsabilidade civil se declara que o condenado deberá indemnizar a D. Alberto González Amador a 10.000 euros por danos morais", ademais de asumir as costas procesais.

O ditame acadouse co voto favorable de cinco dos sete xuíces do tribunal, e os votos particulares discrepantes de dúas, Ana María Ferrer García e Susana Polo García. Eses votos particulares obrigaron a cambiar o relator da sentenza, que finalmente foi o presidente da sala, Andrés Martínez Arrieta. O Poder Xudicial sinala que a sentenza, "pendente de redacción, surtirá efectos a partir da súa notificación en legal forma", aínda que a decisión xa foi comunicada ás partes.

Álvaro García Ortiz, nunha imaxe de arquivo cando era fiscal en Galicia © Fiscalía Xeral do Estado

A condena ao fiscal xeral por filtración de datos que varios medios xa tiñan previamente no seu poder chega cando González Amador aínda non foi xulgado por fraude fiscal. Un caso que o PP vén presentando como proba dunha suposta campaña de persecución por parte do Goberno de España. Porén, as malas relacións da actual dirección estatal do PP de Feijóo con García Ortiz hai que remontalas a hai anos. García Ortiz foi o fiscal delegado de medio ambiente en Galicia cando Feijóo era presidente da Xunta, época na que discreparon sobre a existencia dunha suposta trama de "terroristas incendiarios" nunca atopada. [Raíces galegas no aborrecemento ao fiscal xeral polo PP, que celebra a súa imputación]

García Ortiz exerceu en Galicia entre 2002 e 2020, con casos como o Prestige e os incendios, nos que discrepou abertamente coas afirmacións de Feijóo de que había unha trama de supostos "terroristas incendiarios"

García Ortiz, nacido en Salamanca en 1967, chegou a Galicia en 2002, a unha praza de fiscal en Santiago, e dous anos máis tarde pasaría a ser fiscal coordinador en materia de incendios en Galicia e, en 2007, fiscal delegado primeiro a nivel provincial e despois galego en materias de medio ambiente e urbanismo. Fíxose cargo de todo tipo de casos ambientais, pero dous sobresaen sobre os demais, os incendios e o Prestige, nos que as súas posturas e declaracións, unidas ao feito de formar parte da Unión Progresista de Fiscais, da que foi portavoz entre 2013 e 2017, fixéronlle ser obxecto de críticas máis ou menos públicas do PPdeG. 

Álvaro García Ortiz diante dunha imaxe do Prestige © Fiscalía

En 2020 García Ortiz foi nomeado fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía, ás ordes directas da daquela fiscal xeral do Estado, a ex-ministra socialista Dolores Delgado, á que substituíu en 2022 tras a súa dimisión por motivos de saúde.

Do "perdón" á "vergonza"

As reaccións á condena ao fiscal xeral non tardaron en chegar e foron ben distantes. Mentres o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, instou a Pedro Sánchez a pedir perdón e destacou que o ditame "inhabilita" o presidente do Goberno de España a seguir, o Executivo dixo respectar pero non compartir a condena e anunciou que xa comezou o proceso para elixirlle substituto. 

Pouco despois, o líder popular, Núñez Feijóo, tamén reclamou "perdón" a Sánchez polo que considera unha "vulgar operación política". "Esta anomalía pesará sempre", dixo. 

Malia que a maioría de dirixentes socialistas optaron pola prudencia ou por "morder a lingua", como o ministro Óscar López, a eurodeputada e secretaria de Política Internacional, Hana Jalloul, cuaificou a sentenza como "unha vergonza" en un mensaxe nas redes sociais. 

Mentres PP e Vox cargan contra Sánchez, PNV, ERC, Sumar ou Podemos erguen o ton contra a sentenza: "O franquismo vive", "perplexidade", "golpismo xudicial"

Sumar, pola súa banda, di que o ditame busca "tapar" os casos de corrupción que apuntan a Ayuso e mais a súa parella, mentres que Podemos cualificouno de "puro golpismo xudicial". Vox, ademais, pediu eleccións "por dignidade". 

Ademais, o PNV amosou a súa "perplexidade" ante a condena ao fiscal xeral. "Impunidade para quen recoñece ter mentido?", preguntouse Maribel Vaquero, portavoz do PNV no Congreso. "A mensaxe é clara, Ayuso non se toca", asegurou o voceiro de ERC no Congreso, Gabriel Rufián. Mentres, o deputado de Compromís Alberto Ibáñez foi mesmo máis contundente: "O franquismo vive"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.