Álvaro García Ortiz, cunha dilatada traxectoria en Galicia como fiscal especializado en incendios e medio ambiente, está investigado no Supremo a instancias da parella de Ayuso, que o acusa de revelación de segredos no seu caso por fraude á Facenda pública
O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, non é galego por nacemento. Pero si por dúas décadas de traxectoria profesional dende que, en 2002, comezou a exercer en Santiago. Dende aquela primeira praza ascendeu a postos como a coordinación da Fiscalía en materia de incendios forestais e despois, delegado do Ministerio Público en medio ambiente ou urbanismo.
Este mércores ficou confirmado que García Ortiz está a ser investigado polo Tribunal Supremo. Ábrelle unha investigación penal por un presunto delito de revelación de segredos a instancias de Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. O empresario acúsao de filtrar datos da investigación por fraude fiscal da que é obxecto el mesmo nunha nota oficial divulgada para desmentir que, ao contrario do publicado por varios medios madrileños, a Fiscalía lle ofrecera un pacto.
A inédita imputación do fiscal xeral no Supremo foi celebrada abertamente dende as filas do PP a comezar polo seu actual líder. O ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo esixiu unha dimisión que García Ortiz desbota por ser "o menos gravoso e máis prudente a institución a medio e longo prazo". Diversos cargos dos conservadores esforzáronse tamén en exteriorizar satisfacción ante o revés dun fiscal polo que senten un indisimulado aborrecemento que ten as súas raíces en Galicia.
O actual fiscal xeral foi incómodo para os populares galegos polas súas consideracións sobre o caso Prestige ou ao negar a existencia dunha suposta trama de "terroristas incendiarios" á que se aferrou Feijóo na vaga de incendios forestais de 2017
García Ortiz, membro da Unión Progresista de Fiscais (UPF) -que encabezou de 2013 a 2017- resultou incómodo para os populares galegos, por exemplo, nun dos casos máis complexos dos que tivo que afrontar: o macroxuízo polo accidente do Prestige. Aínda que o Ministerio Público non acusou a responsable político ningún pola xestión da catástrofe, o agora fiscal xeral resaltou no marco do proceso que o Goberno de Aznar "intentara ocultar información" do acontecido e por iso "o reproche dos galegos era comprensible". ["O Goberno intentou ocultar información co Prestige; o reproche dos galegos era comprensible"]
Aquelas consideracións non sentaran ben no PP. E gustou aínda menos que, xusto despois da durísima vaga de incendios forestais de outubro de 2017, na súa condición de fiscal de medio ambiente botase por terra a tese política clave do Goberno de Feijóo ao respecto: a existencia dunha suposta "trama" de “terroristas” incendiarios.
"En anos de investigación nunca atopamos esa famosa trama incendiaria", afirmara con rotundidade García Ortiz naquela altura en resposta a unha entrevista con Praza.gal. Dous días antes, o Goberno galego inserira como publicidade en varios xornais unha declaración solemne de Feijóo na que acusaba abertamente do sucedido aos "terroristas incendiarios".
Cargos como Rueda ou Tellado tamén cargaran contra García Ortiz por participar en 2019 nun foro organizado polo PSdeG
O malestar dos populares galegos con García Ortiz non fixo máis que aumentar en 2019 cando, na súa dupla condición de fiscal de medio ambiente e representante da Unión Progresista de Fiscais, acudiu a un foro organizado polo PSdeG. Alí, baixo o título Unha Galicia sostible, debatera coa daquela presidenta do Adif, Isabel Pardo de Vera, e mais co catedrático da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias sobre cuestións como lexislación ambiental ou política forestal.
Tras aquel acto o PP saíra en tromba contra García Ortiz a través de cargos como Miguel Tellado, nese momento secretario xeral do partido en Galicia, que o acusara de "poñer en dúbida a independencia xudicial". Tamén por boca de Alfonso Rueda, na altura vicepresidente da Xunta, que lle esixía "explicacións" polo seu "partidismo". A UPF acusara os populares de pretender censuráreno e afirmara que a inspección fiscal, "único órgano con capacidade de limitar ou sancionar as condutas dos fiscais", non puxera "ningún reparo".