O PSdeG inaugura o seu 'Laboratorio de Ideas', o “xermolo dun novo tempo político en Galicia”

Inauguración do laboratorio de ideas IdeaGaliciaLab © PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, inaugurou este sábado a primeira xornada do laboratorio de ideas, IdeaGaliciaLab, un think tank que cualificou como “o xermolo dun novo tempo político en Galicia”. Na inauguración tamén interviron os ex-presidentes socialistas da Xunta, Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, ademais da presidenta de ADIF Isabel Pardo de Vera, o alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, e a coordinadora de IdeaGaliciaLab Noelia Otero.

"Hai unha Galicia que quere gañar o futuro e o PSdeG está en condicións de darlle un goberno mellor”, dixo Gonzalo Caballero

Ao longo deste sábado leváronse a cabo dúas mesas de debate. A primeira, sobre ‘Unha Galicia sostible’ na que participaron Isabel Pardo de Vera xunto co fiscal delegado de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e membro da Unión Progresista de Fiscais, Álvaro García Ortiz, o catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e o catedrático de Ecoloxía da Uvigo Emilio Fernández.

Na segunda, sobre ‘Unha Galicia xusta e innovadora’, falaron o catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo, o catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela Senén Barro, a médica Elisa Ausín, membro da plataforma ‘PACs en Loita’; e a decana da facultade de Educación da Universidade de Santiago, Carmen Fernández Morante.

Inauguración do laboratorio de ideas IdeaGaliciaLab © PSdeG-PSOE

Tamén interviron os ex-presidentes socialistas da Xunta, Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe

Gonzalo Caballero destacou que o PSdeG “abre as súas portas para incorporar todo o talento e todo o compromiso” e que a formación "é un instrumento ao servizo de Galicia e queremos amosar que somos a esquerda na que se pode confiar”. O máximo dirixente do PSdeG sinalou a necesidade de “ampliar as nosas fronteiras” incorporando “as mellores reflexións” da sociedade civil comprometida para levar adiante un cambio no goberno da Xunta. 

"Trátase de dar unha nova orientación estratéxica” ao goberno galego, dixo Caballero. “Promoveremos unha Xunta emprendedora, innovadora e progresista”, sinalou, facendo fincapé nos "retos" de Galicia en innovación, demografía, transición ecolóxica, territorio e desigualdade. “Hai unha Galicia que quere gañar o futuro e o PSdeG está en condicións de darlle un goberno mellor”, concluíu o líder dos socialistas galegos.

Pérez Touriño saudou a iniciativa do laboratorio de ideas dende a óptica da importancia de “ensanchar” o partido

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño saudou a iniciativa do laboratorio de ideas dende a óptica da importancia de “ensanchar” o partido e da necesidade de abordar “con reflexión” as cuestións fundamentais para Galicia, como a mellora do mercado de traballo ou a crise demográfica. “Somos os que estamos nas mellores condicións para dar futuro ao país”, aseverou, ao que González Laxe engadiu que “temos a grande oportunidade de plantexar un cambio en Galicia que non podemos desbotar”.

A esta primeira xornada de traballo seguirán outras sectoriais ao longo do país para seguir recollendo “reflexións para artellar a mellor Galicia”.

Unha das mesas do IdeasGaliciaLab © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.