O progresista Álvaro García Ortiz substitúe a Dolores Delgado tras dúas décadas como responsable da fiscalía ambiental en Galicia
Dez anos despois de que un galego, Cándido Conde-Pumpido, deixase de ser fiscal xeral do Estado, durante os gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero, agora será un galego de adopción, pero con máis traxectoria profesional no país que o seu antecesor, Álvaro García Ortiz, quen chegue a ese posto.
Nacido en Salamanca en 1967, García Ortiz chegou a Galicia en 2002, a unha praza de fiscal en Santiago, e dous anos máis tarde pasaría a ser fiscal coordinador en materia de incendios en Galicia e, en 2007, fiscal delegado primeiro a nivel provincial e despois galego en materias de medio ambiente e urbanismo. En 2020 foi nomeado fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía, ás ordes directas da ata agora fiscal xeral do Estado, a ex-ministra socialista Dolores Delgado, á que substituirá tras a súa dimisión por motivos de saúde.
Álvaro García Ortiz fíxose cargo durante o seu paso por Galicia de todo tipo de casos ambientais, pero dous sobresaen sobre os demais, os incendios e o Prestige, nos que as súas posturas e declaracións, unidas ao feito de formar parte da Unión Progresista de Fiscais, da que foi portavoz entre 2013 e 2017, fixéronlle ser obxecto de críticas máis ou menos públicas do PPdeG.
"En todos estes anos non atopamos esa famosa trama", dicía García Ortiz en 2017 despois de que Feijóo volvese atribuír os incendios a un suposto "terrorismo" incendiario
Como especializado en Medio Ambiente dirixiu o equipo fiscal que asumiu a causa penal polo accidente do Prestige, que inicialmente a Audiencia da Coruña saldou cunha condena por desobediencia do capitán do barco que o Tribunal Supremo elevou despois a delito ambiental. Os responsables de xestionar o accidente no Goberno de José María Aznar non foron acusados pola Fiscalía e finalmente resultaron absoltos, o que non impediu que García Ortiz manifestase a súa opinión de que, con independencia da consideración penal que tivesen as súas actuacións, os intentos de ocultar información que se produciran durante o sinistro merecían igualmente o reproche da cidadanía. E, ao tempo, asumía que a cidadanía puidese criticar a propia actuación da Fiscalía por non acusar aos responsables da administración.
A súa traxectoria como fiscal de medio ambiente fíxoo tamén voz capacitada mesmo para levar a contraria ao daquela presidente Feijóo cando tras a vaga de incendios de 2017 -pero tamén antes- atribuíu parte dos lumes a unha suposta “trama” de “terroristas” incendiarios. García Ortiz elaborou un informe para o Parlamento que finalmente non presentou el senón o seu superior, o fiscal superior de Galicia, que desbotou a responsabilidade desas supostas tramas. O propio García Ortiz así o verbalizaba nunha entrevista con Praza.gal: “En todos estes anos non atopamos esa famosa trama”.
Declaracións como esa, abertamente contrarias, aínda que sen citalo expresamente, aos argumentarios políticos de Alberto Núñez Feijóo puxérono no foco do PPdeG, que tampouco lle perdoou as súas posturas favorables á creación dunha fiscalía anticorrupción en Galicia, que os populares veñen rexeitando asegurando que non hai casos dabondo.
En 2019 o PPdeG, con Alfonso Rueda á cabeza, criticaron que García Ortiz participase nun foro de debate do PSdeG, ao que contestou a Unión Progresista de Fiscais acusando os populares intento de censura
A crítica máis aberta que lle lanzaron os populares, e que agora veñen de retomar a conta do seu ascenso á Fiscalía Xeral do Estado, foi a conta da súa participación como experto en incendios nun foro de debate organizado polo PSdeG en 2019. O agora presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, censurou que un fiscal en exercicio se prestase a participar “nun acto realmente partidista” e reclamoulle “explicacións”. A resposta chegoulle da Unión Progresista de Fiscais, que lamentou que Rueda pretendese “censurar” a García Ortiz.