O informe da Fiscalía desbota a teoría das tramas e do terrorismo incendiario que alentou a Xunta

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, na comisión parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Nin trama incendiaria, nin grupo terrorista, nin organización delictiva ningunha. A intensa vaga de incendios que en poucos días queimou en Galicia 50.000 hectáreas e acabou coa vida de catro persoas o pasado outubro non foi provocada por "tramas organizadas", como advertiu Rajoy como "posible explicación", nin por unha "actividade delitiva incendiaria para alterar a paz social", como asegurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así o reiterou este luns o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, que presentou o informe que a Fiscalía de Medio Ambiente realizou sobre aquela tráxica fin de semana de outono e que incide en desbotar calquera ataqueu organizado aos montes do país. Malia que o informe foi elaborado fundamentalmente polo fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, foi finalmente o máximo dirixente do Ministerio Fiscal no país o encargado de presentalo. 

O luns seguinte á traxedia, Feijóo leu ante a prensa unha declaración institucional centrada en condenar o "ataque" do "terrorismo incendiario", a mesma que se inseriría despois como publicidade nunha ducia de xornais impresos -oito editados en Galicia e catro, en Madrid- logo do pago de 77.000 euros públicos, tal e como adiantou Praza.gal. Chegou a dicir que "se queimaron parques naturais concertadamente que se atopaban a 300 quilómetros de distancia". Pero non houbo concertación, nin grupo organizado ningún.

"As dilixencias de investigación conclúen que non se pode acreditar unha planificación criminal organizada", di a Fiscalía

Tan só dúas horas antes da intervención de Suanzes na comisión parlamentaria para o estudo e análise da política forestal e dos incendios, os grupos parlamentarios recibiron o decreto de arquivamento das dilixencias de investigación penal da Fiscalía, así como un resumo do informe. O texto é claro: "As dilixencias de investigación conclúen que non se pode acreditar unha planificación criminal organizada".

O fiscal Suanzes advirte de que o uso da palabra "terrorismo" faise "desde un punto de vista vulgar": "Desde un punto de vista estritamente xurídico, obviamente isto non é terrorismo"

"Non se puido determinar que os numerosos incendios ocorridos na semana do 8 ao 15 de outubro de 2017, obedezan a unha iniciativa criminal complexa de grupos de persoas ou organizacións que actúen de forma coordinada ou planificada e que persigan obxectivos supraindividuais", resumiu Suanzes ao abordar as conclusións do informe sobre eses 352 incendios que en poucos días queimaron case 50.000 hectáreas. 

E foi máis aló, ao aclarar, ao ser preguntado polo uso do termo "terrorismo" por parte do Goberno galego ou español para atribuír as causas dos incendios, que entende que "cando un cidadán ou político o usa faino desde un punto de vista vulgar". "Desde un punto de vista estritamente xurídico, obviamente isto non é terrorismo porque require determinadas finalidades: subvertir a orde constitucional, alterar gravemente a paz pública ou provocar estado de terror na poboación; e iso non foi así", explicou. 

Segundo aclara Suanzes, "non se constataron novas tipoloxías, en canto aos artefactos incendiarios". De igual xeito, verificouse unha vez máis que "os tres elementos que poboan o imaxinario da causa dos incendios: a madeira, o urbanismo, e a economía do lume, non foron detectados, e quedan descartados como xa destacaba o informe de 2007 e  actualizacións posteriores".

 

"Informacións non contrastadas, rumores, alarma e pánico"

Xa que logo, inisiste, como na investigación levada a cabo hai máis dunha década, que non hai evidencia, nin proba ningunha de que haxa ningún tipo de trama organizada para prenderlle lume a Galicia, tal e como advertiran os atestados policiais ou numerosos expertos. Ademais, lembrou que "se xeraron informacións non contrastadas, rumores e malentendidos" propagados "coa axuda das redes" e que provocaron "alarma e mesmo pánico" cando, en realidade, a extensión do lume en contornas como a de Vigo debíase "ao vento que espallaba partículas incendiarias". De feito, o informe detalla que os datos fan prever que os lumes que afectaron a área viguesa teñen a súa orixe en dous únicos focos: o iniciado na parroquia de Morgadáns, en Gondomar, e outro na parroquia de Parada, en Nigrán. 

Suanzes mesmo advirte de que de todas as chamadas e entrevistas posteriores a persoas que informaban da posibilidade de xente provocando incendios, en ningún dos casos "os informantes viron persoa ningunha prendendo lume". 

A Fiscalía acredita a "altísima porcentaxe de intencionalidade dos incendios investigados", en moitos casos por limpar matogueira

O que si acredita a Fiscalía é "a altísima porcentaxe de intencionalidade dos incendios investigados", ainda que "non é posible chegar a unha cifra indubitada e conforme a todos os operadores involucrados, tendo en conta a diversidade de metodoloxía e conclusións".  A análise dos incendios con maior afectación, superior a 500 hectáreas, revela que a súa intencionalidade é dominante en mais dun 61%. Entre eles están os sinistros nos que se produciu a perda de vidas humanas, que están a ser obxecto dunha especial e minuciosa investigación. O informe realizado pola Policía Autonómica, que refire a análise pormenorizada dun total de 97 incendios na demarcación asignada, determina unha intencionalidade próxima ao 70%. Pola súa banda a Garda Civil informa de 280 lumes catalogados de intencionais sobre o total de 352, é dicir un 79,5%. Por último, a Consellería de Medio Rural eleva a intencionalidade ata o 87,7%.

O 61% dos grandes incendios da vaga de outubro foron intencionados

Ademais, Suanzes advertiu de que as causas desa intencionalidade eran, maioritariamente, pola queima de matogueira para usos agrícolas ou comportamentos achegados á piromanía, ademais de por conflitos veciñais ou relacionados coa caza. Ao mesmo tempo, insistiu en que as "condicións climáticas extraordinarias" axudaron a propagar e avivar os incendios, cada vez máis graves polas "novas condicións climáticas". 

No informe destácase que dos 18 incendios especialmente estudados, pola súa extensión, once foron "moi probablemente" intencionados, mentres que os sete restantes foron "reproducións ou extensión doutros incendios" debidas ao traslado de charetas e faíscas e mesmo á "propagación dos focos acontecidos en Portugal", como no caso dos das Neves ou Salvaterra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.