A creación dunha Fiscalía Anticorrupción en Galicia ou, en rigor, dunha delegación da Fiscalía contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada, é unha demanda antiga. Reclamouna o anterior fiscal superior, Carlos Varela, e tamén o fixo o actual titular deste posto, Fernando Suances. O último en subliñar esa "necesidade" foi Álvaro García Ortiz, fiscal delegado de medio ambiente en Galicia e presidente da Unión Progresista de Fiscais. No entanto, apenas vinte e catro horas despois de ser formulada volveu ficar claro que a petición de García Ortiz e demais representantes do Ministerio Público non terá o apoio do grupo que sustenta o Goberno galego. O PPdeG non ve necesaria esta figura porque non cre que en Galicia haxa casos de corrupción dabondo.
No transcurso dunha entrevista coa Cadena SER o presidente da UPF resaltou que a creación dunha unidade específica contra a corrupción é un "desexo e necesidade compartida pola maioría dos fiscais". "Estamos falando dunha praza", un único posto que "nun entramado administrativo" como o do Estado, máis aínda "agora que se anuncia unha oferta pública de emprego", é "insignificante". "A demada fíxose polo fiscal anterior e polo actual" e suporía "acomodar o mapa fiscal español a Galicia", xa que "é estraño que non haxa un fiscal anticorrupción aquí".
Así e todo, García Ortiz ten poucas "esperanzas" en que esta "mala valoración das necesidades" dos tribunais galegos poida emendarse. Fundamentalmente, "porque a creación de prazas na Fiscalía non é unha das prioridades deste goberno". Permanecerá, augura, unha ausencia que equivale a un "mal retrato, unha visión equivocada do que está ocorrendo" en Galicia a respecto dos casos de presunta corrupción.
Paula Prado: "Non hai un número de casos que a fagan precisa"
O augurio do tamén titular da fiscalía delegada de medio ambiente ratificouno este luns, en resposta a preguntas dos xornalistas, a vicevoceira do PP no Parlamento, Paula Prado. En Galicia, argumenta, "non hai un número de casos que faga precisa unha Fiscalía Anticorrupción" e por iso non cómpre reclamala. "Non se pode facer o que fan os grupos da oposición", di a conservadora, a cuxo xuízo formulan esta petición "para xerar a apariencia de que existe unha corrupción que, en ratio, en Galicia non se dá", o que supón "unha boa noticia para Galicia".
Petición de En Marea
Villares: "O número de casos de corrupción no noso país e a alarma creada por estes son merecentes da creación desta Fiscalía"
A resposta de Prado anticipa o percorrido da petición dos fiscais e tamén avanza a votación dos populares na iniciativa ao respecto anunciada este luns polo voceiro de En Marea, Luís Villares. A formación "volverá solicitar a creación dunha Fiscalía Anticorrupción" aínda que o PP xa a rexeitase "en anteriores plenos" porque, como "sinalou" García Ortiz, "é posible creala" e "o número de casos de corrupción existentes no noso país e a alarma creada por estes son merecentes da creación desta fiscalía". Sería, sinala Villares, sinónimo de "máis medios persoais e materiaias para loitar eficazmente contra a corrupción.
O PP que rexeita esta posibilidade, critica Villares, "é o mesmo" que ten "nun presidente como Feijóo", que "saíu dicindo publicamente que hai zonas grises na lei de financiamento dos partidos políticos", di, en referencia a unhas recentes declaracións do presidente da Xunta ao xornal El Mundo. "É escandaloso que poida dicir isto tendo en conta todos os casos de corrupción que ten" o PP, di, formación que "aprobou a lei e ao mesmo tempo a aproveitou para financiarse irregularmente, tal e como receoñeceu o ex-senador e sobriño de Fraga", Luis Fraga, e "na liña das declaracións" do narcotraficante Laureano Oubiña, que a pasada semana "afirmou que financiara con cartos do narcotráfico a Alianza Popular".