0 Gardados para despois

"O Goberno intentou ocultar información co Prestige; o reproche dos galegos era comprensible"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A singradura do Prestige continúa pola vía xudicial ao cumprirse hoxe trece anos do naufraxio que acabou coa maior catástrofe ecolóxica de Galicia. Logo de dez anos de instrución e nove meses de xuízo, o Tribunal Supremo debe resolver aínda os recursos interpostos logo da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que en novembro de 2013 absolveu o Estado e que cualificara a súa xestión como "profesional e correcta". A Fiscalía intenta que o ditame sexa declarado nulo para buscar unha condena por delito medioambiental para o capitán Mangouras que permita acceder ás millonarias indemnizacións pendentes. Álvaro García Ortiz, fiscal de Medio Ambiente de Galicia repasa o proceso e advirte que o risco doutro Prestige, malia as melloras en seguridade, segue vixente.

Non hai moito dixo que tiña "poucas esperanzas" no recurso ante o Supremo?

Dixen, pero referíame ás dificultades extremas que ten o noso ordenamento xurídico, de acordo coa xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, para que unha sentenza absolutoria vire en condenatoria. Dicíao en termos estritamente xurídicos e non en referencia a unha visión dos feitos. 

Cre que da sentenza do Supremo se derivará un ditame beneficioso para o Estado?

Non o sei. A Fiscalía representa a sociedade e se nós fixemos peticións de resarcimento para o Estado foi porque o Estado anticipou determinados pagamentos a particulares e empresas. Pero tamén fixemos peticións de abono para particulares, compañías e mesmo vítimas de Francia, así que o recurso non é exclusivamente polo ben do Estado, senón polas vítimas e os reclamantes no procedemento. 

"Comprendo que se busquen responsables nda Administración pero nós entendemos que non foi responsable das consecuencias do vertido"

Entende as críticas de quen cre que non se persegue a responsabilidade da Administración ou que non se fixo todo o posible para encausar todos os responsables?

Fixemos nunha causa inmensa o que entendiamos que debiamos facer e entendemos que a Administración non era responsable das consecuencias do vertido e que, en caso de acusar alguén, ese era o capitán e a contorna profesional do capitán, que é a armadora e todo o que arrodea ese mundo profesional do comercio de hidrocarburos marítimo sen garantías, todos aqueles que desenvolven este comercio sen os estándares de seguridade mínimos para facelo con mercadorías perigosas. A sociedade ten dereito a criticar as actuacións dos poderes públicos, neste caso da Fiscalía, e pode exercer ese dereito da maneira que crea oportuna. Para iso estamos, pero outra cousa é que creamos que as nosas teses son sólidas. Dito isto, comprendo o descontento e que se busquen responsables na Administración. É algo comprensible, pero outra cousa é que o compartamos. 

Toda esa maraña que hai arredor dun buque como o Prestige complícao todo...

O tema é complicado en moitos sentidos. Procesalmente, polo lugar onde se produce o feito, o que xerou problemas respecto da posible competencia. Tamén pola interferencia do dereito internacional e as limitacións, pola competencia do propio xulgado de Corcubión, pola extensión dos efectos a outros países... Todo creou cuestións procesais difíciles, como o feito de que en Francia se seguise un proceso paralelo, con dous países investigando os mesmos feitos, algo que houbo que solucoinar asumindo nós todo o preito francés e o resarcimento das vítimas francesas.

E seguir o ronsel do petroleiro...

Claro. A todo isto hai que engadirlle que falamos dun buque que sae de San Petersburgo, é reparado en China e revisado en Abu Dabi e outras partes do mundo, viaxou pola metade dos mares do planeta e acabou colapsando ante as costas españolas... Pois todo este percorrido tamén ten que ser investigado. Ademais, o capitán é grego, a propietaria de Liberia, o armador grego pero coa orixe tamén en Liberia, o fretador do barco suízo pero cunha empresa en Londres que creba dúasu veces xusto despois do accidente... Non fomos capaces de seguir o vendedor ou broker do petróleo e o capital asegurado está en Londres a través dun sistema de pólizas bastante complicado e alleo ao Dereito español. Só con este pequeno relato podemos comprobar o complexo do asunto en todos os sentidos.

"Que non haxa unha empresa solvente capaz de facerse cargo das indemnizacións complícao todo; non estamos falando de Total Fina"

O que parece evidente é aquela máxima de "quen contamina, paga" aquí non se cumpre.

Independentemente do dereito penal, o feito de que detrás da catástrofe do Prestige non haxa unha empresa solvente que puidese facerse cargo das posibles indemnizacións complícao todo. Non estamos falando de Total Fina, por exemplo, no caso do Erika. Isto sitúase noutro escenario de responsabilidade, non só penal, senón civil. Estamos no peor dos supostos, dúas empresas case desaparecidas e sen saber en qeu porta bater para o resarcimento das múltiples vítimas que tivo ese caso. 

Están Galicia e o Estado mellor preparadas que hai 13 anos de acontecer outra catástrofe como a do Prestige?

Non se pode descartar que ocorra algo parecido porque, malia aumentarse as medidas de seguridade e facer España e a UE un grande esforzo a través de medias lexislativas, o risco segue a ser moi grande. Hai unha parte importante da frota mundial de transporte cuxo control é moi complicado polo seu número e porque o comerio subestándar o con febles medidas de seguridade é unha parte moi importante do comercio marítimo mundial. 

"Non se pode descartar outro Prestige porque o risco segue a ser moi grande; o corredor de Fisterra é un dos lugares do mundo por onde máis mercadorías perigosas pasan"

Daquela, seguimos en risco?

España, nese sentido, é un país vítima. Un Estado pequeno, chantado nun lugar de moito risco, entre o corredor de Fisterra e o do Mediterráneo. A idea de que España é unha gran potencia mundial que se impón a un capitán ou a unha navieira pequena quebra cando te decatas de que en realidade é vítima das malas prácticas de determinados transportes de mercadorías. Só vendo as que pasan por Fisterra cada ano daste conta do risco no que estamos. 

Galicia máis que ningún outro lugar?

O corredor fronte a Galicia é quizais un dos lugares do mundo por onde máis mercadorías perigosas pasan. Practicamente todo o petróleo que vén do mar do Norte e produtos dos países da extinta URSS, que teñen unha industria pesada, química e petroquímica moi importante. É un risco que a sociedade e os Estados decidiron asumir, pero que non deixa de ser un risco. 

"Fronte a  unha traxedia coma a do Prestige a xustiza nunca está suficientemente preparada"

E a Xustiza, está mellor preparada que daquela?

Temos a experiencia de ternos enfrontado xa ao problema e a toda esta maraña que arrodea o comercio marítimo. Agora poderiamos dirixirnos de maneira máis directa aos posibles responsables e as formas de comunicación telemática abreviaron moito os prazos. Por pór un exemplo, a comisión rogatoria enviada a China tardou case tres anos en volver e iso agora é difícil que ocorra. Ademais, os instrumentos de cooperación internacional son moito mellores, sobre todo no espazo da UE. Dito isto, quen comete uns feitos que consideramos un delito trata de agocharse e de poñer atrancos para ser investigado e iso non vai cambiar nunca. Por outra banda, a aplicación do dereito comercial marítimo é moi diferente e alleo ao dereito común español. Fronte a unha traxedia destas características nunca se está suficientemente preparado. 

A única maneira de acceder ás indemnizacións é que o Supremo acepte o recurso?

Desde o punto de vista penal será a única maneira de acceder ás cantidades que a Fiscalía pide ou pediu. Hai que esperar respectuosamente sen intentar interferir nin presionar, pero nós etendemos que a vía da aseguradora é a única porque senón estamos a falar de sociedades que carecen de capital propio ou desapareceron. 

Vostede asegurou que, en todo caso, o capitán Mangouras non debía entrar na cadea.

Si. Xa transcorreran once anos, o capitán debe andar polos 75 anos e xa estivera en prisión preventiva. Desde o punto de vista humano, parece que unha privación de liberdade nestas circunstancias non é moi proporcionado. Así o manifestei malia que a pena determinada era esa... Non podiamos parecer persoas inhumanas. Unha cousa é a aplicación do dereito en abstracto e outra o caso concreto. 

"No xuízo mirouse con lupa a actuación da Administración; é difícil chegar a coñecer máis detalles"

Malia todo, houbo un rexeitamento moi amplo da sociedade galega á xestión política da catástrofe e a impresión de que todo se centrou en culpar o capitán...

Quen estivese os nove meses do xuízo decataríase de como se debullou a actuación da Administración punto por punto. Podemos dicir que se mirou con lupa e é moi difícl chegar a coñecer con máis detalle o que levou a cabo cada un dos implicados. O capitán, sen ser o único, é responsable porque é a pesoa encargada de dirixir o buque e do mantemento da situación. Dentro da contorna do armador ou da sociedade de clasificación podía haber máis responsables, pero a quen puidemos traer a xuízo foi ao capitán. Esta é unha consecuencia de que os feitos ocorran moi lonxe dos verdadeiros centros de decisión. 

Pero só o capitán é culpable?

O capitán pode parecer unha figura menor, pero a súa responsabilidade na navegación dun buque é moi alta. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, tras o recurso pola súa entrada en prisión, xa advertiu de que os tribunais españois non fixeran nada malo e dixo tamén que o capitán non é só unha persoa, senón un profesional do que dependen moitas cousas. Asume esa responsabilidade para o bo e para o malo. Cando o Supremo xa sentencie, poderanse detallar máis cousas...

"Houbo unha nefasta política de comunicación por parte do Goberno e ocultación de información á sociedade; o reproche social é moi comprensible"

Que cousas?

Pois detallar elementos polos que eu creo que a Administración non é responsable, pero se o digo agora parecerá que quero anticiparme á sentenza. Non teño problema ningún no debate nin en que este sexa público. Entendo a manifestación popular de rexeitamento porque, se algo houbo no caso Prestige foi unha nefasta política de comunicación por parte das autoridades e unha forma de enfrontar un problema mesmo con intentos de ocultación de certa información á sociedade. Iso ocorreu naqueles días pero non quere dicir que ese reproche implique aspectos criminais ou a posible imputación dos que tomaron as decisións. Ese reproche é perfectamente comprensible por parte da sociedade galega, que protestou de maneira case unánime. Ás veces creo que faltan datos, que quen manexa determinadas pretensións non ten todos os detalles. De telos, se cadra cambiaba algunhas teses. 

"A tardanza do xuízo é un fracaso absoluto da xustiza; non hai xustiza se non é rápida nin eficaz e neste caso non o foi"

O que si parece moi criticable é que trece anos despois aínda esteamos así e que o xuízo tardase máis dunha década...

Ese é un fracaso absoluto da xustiza. Non hai xustiza se a xustiza non é rápida nin eficaz e aquí probablemente non tivemos ningunha das dúas cousas. É un debe. A complexidade do procedemento era moi alta pero en absoluto podemos sentirnos satisfeitos. Se teño unha mínima satisfacción parcial é por ter celebrado un xuízo que entendo que foi xusto, pero nin o tempo de resposta da xustiza nin as consecuencias tantos anos despois nos poden dar ningún tipo de satisfacción. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.